Brión – saude para a terceira idade

46 VECIÑOS PARTICIPAN NAS ACTIVIDADES ACUÁTICAS DE SÁUDE PARA A TERCEIRA IDADE, QUE POR PRIMEIRA VEZ TEÑEN LUGAR NA PISCINA CUBERTA DE BRIÓN

As clases comezaron esta mañá e terán lugar todos os luns e mércores

10 outubro de 2011. Un total de 46 veciños e veciñas de Brión, maiores de 55 anos, participan dende hoxe na quinta edición do programa de Actividades Acuáticas de Saúde organizadas polo Concello de Brión. Unhas actividades que por primeira vez teñen lugar na nova piscina municipal cuberta climatizada de Brión, no canto das instalacións do Balneario do Tremo.

Un cambio que suporá un incremento no tempo en que estes veciños poderán disfrutar destas xornadas de ximnasia terapéutica. Así, mentres no Balneario do Tremo se impartía unha única sesión semanal dunha hora, na piscina municipal terán lugar dúas sesións semanais de 45 minutos cada unha.

As actividades estarán dirixidas por monitores especializados da piscina municipal, que se encargan de organizar diversos e divertidos exercicios na auga (como dar palmas por debaixo da auga, xogos con pelotas ou avanzar/retroceder na piscina) que serven para desenvolver a capacidade motriz dos maiores. De feito, moitos dos participantes na iniciativa repiten de anos anteriores debido aos beneficios que estes exercicios están a xerar na súa saúde.BRION - SAUDE PARA A TERCEIRA IDADE

Os Servizos Sociais de Brión conformaron un total de catro grupos de participantes, tendo en conta diversas variables que favorecesen a participación dos veciños (como integrar nun mesmo grupo ás persoas da mesma parroquia ou procurar que o horario coincida coa disponibilidade do transporte público). Unhas clases que terán lugar todos os luns e mércores en horario de 10:30 a 11:15 horas e de 11:15 a 12:00 horas.

Novo grupo

Catro grupos que teñen nestes momentos todas as súas prazas cubertas, se ben dende o Concello de Brión non desbotan a posibilidade de facer un novo grupo no caso de que se reunisen un mínimo de 10-12 persoas máis. As clases teñen un custe de 10 euros mensuais, cuns descontos do 50% no caso de que os maiores se apunten a outras actividades ou para as súas parellas. Máis información nos Servizos Sociais de Brión, no centro social polivalente de Pedrouzos ou no 981 50 99 10.

O Concello de Brión facilitoulles aos maiores o gorro de piscina, mentres que os maiores teñen que levar dende as súas casas as zapatillas, o bañador e o albornoz. Este programa foi creado polo Concello de Brión en xaneiro de 2008 e a de 2011 será a súa quinta edición, a primeira que terá lugar nas novas instalacións da piscina municipal.

Ningún comentario: