A DESCOORDINACIÓN E DESORGANIZACIÓN DO GOBERNO DE AMES ESTÁ XERAR UN ABANDONO XERALIZADO EN TODO O CONCELLO
Tanto as parroquias como as zonas urbanas amosan importantes carencias na atención e mantemento. A falta de coordinación entre as concellerías de Vías, Obras, Parques e Xardíns e a de Acción Parroquial e Rural, que visten un santo para desvestir a outro, está a deixar importantes baleiros nas labores cotiáns. A orixe do problema está na bicefalia que rexe o concello, incapaces de organizar unha labor común e coordinada.
Cada día que pasa faise mais evidente a descoordinación existente no goberno de Ames. As concellarías de Vías, Obras, Parques e Xardíns e a de Acción Parroquial e Rural estanse a pisar o terreo xerando o desconcerto entre os traballadores que non teñen unhas labores ben definidas e que cando as teñen son para atender con grandes equipos zonas moi concretas como pasou en Castrigo ou a realizar obras de dubidosa competencia municipal que atenden a intereses particulares, antes que a intereses xerais.
Dende o 11 de xuño, momento en que asumen o goberno de Ames, moitas das actuacións da brigada estiveron orientadas a satisfacer as promesas electorais realizadas antes que a gobernar e a atender as necesidades cotiáns do concello. Así, atopámonos con coches abandonados en Travesía do Porto, beirarrúas “conquistadas pola maleza” en Ventín ou na Avenida da Maía, a sinalización das parroquias e lugares sen o mantemento axeitado por non falar da parafernalia e difusión dada á limpeza no paseo fluvial. Pero tanta difusión non se corresponde cos resultados, ou como cando anuncian reposicións do mobiliario estas son só dunha parte, quedando outras sen atender como os bancos que se atopan en mal estado ou desaparecidos. Tamén resulta lamentable o estado no que se atopa o parque de Aldea Nova, falto de seguimento por parte do departamento de limpeza e que xa foi motivo de dous rogos por parte dos Socialistas nos pleno de Xullo e Setembro polo inaceptable estado das papeleiras e as instalacións municipais. A descoordinación dos departamentos fai que non se teña unha programación mensual dos traballos que teñan que levar a cabo as distintas Brigadas e que, xunto coa perda de persoal das mesmas, o resultado sexa a deixadez de funcións.
ABANDONO ESCANDALOSO DO CAMPO DA FESTA DE AGRÓN
A petición dos veciños achegámonos a ver o campo da festa de Agrón o luns as 20:00. Puidemos comprobar como o lugar se atopa cheo de lixo. Vasos de plástico e vidro, cristais, caixas de cartón e de bebidas, papeis, bolsas, restos de comida, Pola mañá os equipos do concello foron recoller as jaimas pero como non existe organización nin coordinación dos equipos, a zona quedou sen limpar. Isto non sucedía antes, onde a correcta coordinación das labores permitía recoller o material do concello e ao mesmo tempo limpar a zona. Nunca un campo da festa nos 8 anos anteriores permaneceu cheo de lixo máis alá da mañá seguinte a rematar a festa, facendo igualmente limpeza durante os días da festa. Isto deixou
de facerse por deixadez e sobre todo pola nula capacidade do goberno actual para levar adiante unha labor coherente no concello. Na oposición tiñan solución para todo, durante a campaña prometeron todo a todo o mundo, pero cando se topan coa realidade, coa labor cotiá do concello fan augas como o Titanic e non lle chegan nin a sola do zapato á xestión realizada polos socialistas.
Ames, 11 de outubro de 2011.
O voceiro do grupo municipal socialista,
Carlos A. Fernández Castro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario