Fundación Araguaney – o festival Amal en outros puntos de Galicia

O cine euroárabe que promove Amal chega a outros puntos de Galicia

- O cine euroárabe chega a toda Galicia grazas ao Festival de Cine Amal

- 8 curtametraxes que se emitirán en bucle, de 1 hora de duración, en pantallas de varios museos de Galicia

Santiago de Compostela, Xoves 13 de Outubro de 2011. A Galería Caroní da Fundación Araguaney acolleu esta mañá a presentación do Ciclo de Cine Experimental organizado polo Festival Amal. Trátase dunha actividade innovadora, que pretende achegar o cine euroárabe a diversos puntos da xeografía galega. Por isto, serán oito curtametraxes euroárabes independentes cun claro carácter experimental os que se proxecten en cinco museos de arte contemporánea galegos: CGAC (Santiago de Compostela), MARCO (Vigo), MACUF (A Coruña), Museo Provincial (Lugo) e Centro Cultural Edificio Simeón (Ourense).

Amal 2011 espera desta forma contribuír ao enriquecemento do panorama cultural en Galicia, fomentando a interculturalidad e a innovación en beneficio de toda a sociedade. f. araguaney - amal en toda galicia

As oito curtametraxes emitiranse nas pantallas habilitadas para iso en cada un dos museos de arte contemporánea. En todas as cidades que colaboran poderemos ver os seguintes: “A Film”, de Hisham Bizri (Líbano); “Dru”, de Jihane Chouaib (Francia); “Dot”, de Eid Abdel Latif (Exipto); “Missing”, de Tariq Rimawi (Xordania / Reino Unido); “The last passenger”, de Mounes Khammar (Alxeria); “Al Massilah”, de Peter Webber (Catar); “Exit”, de Mohanad Yaqubi (Palestina / Francia) e “The Power of generations”, de Mohammed Jassim (Bahréin).

Esta mañá así o presentou o director do Festival Amal, Ghaleb Jaber, quen insistiu en que Amal Experimental é unha iniciativa nova, pioneira en Galicia, “que representa a xuventude do cinema árabe, posto que as curtametraxes emitidas son feitas por directores de diferentes países e todos eles buscan a esencia da linguaxe do cine árabe. Ademáis, o Festival Amal é un festival de tódolos galegos, a referencia do mundo árabe en Galicia, e Amal Experimental fai posible que as produción deste certame cheguen a toda a nosa comunidade”.

Á rolda de prensa tamén asistiron Cristina Trigo Martínez, Coordinadora do Servizo de Educación e Actividades do CGAC; Francisco Cougil Hermida, Técnico do Centro Cultural da Deputación de Ourense e Coralie Yap Chine, Coordinadora do Festival Amal. Manifestaron o seu agradecemento tamén os representantes do MARCO, MACUF e Museo Provincial de Lugo a través dunha carta, posto que non puideron asistir.

As proxeccións das 8 curtas será en bucle e a duración é de 1 hora en total. As datas de Amal Experimental son dende o sábado 22 e ata o sábado 29.

Horarios particulares:

Centro Cultural Deputación de Ourense Edificio Simeón: 24-26 Outubro de 19,00 -22,00 h

CGAC: 22, 23, 24, 25-29 Outubro de 16,00 a 20,00

MACUF: 22 Outubro de 20,00 a 21,00; 25-29 Outubro de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 h.

MARCO: 22, 29 Outubro, de 11,00 a 21,00; 23 Outubro de 11,00 a 15,00; 25-28 Outubro de 18,00 a 19,00 horas.

Museo Provincial de Lugo: 22 de Outubro de 19,00 a 20,00; 24-29 Outubro de 18,00 a 20,00 horas.

Ningún comentario: