Na sesión plenaria ordinaria celebrada
pola Corporación municipal en data 26 de xuño de 2014, no punto número 14 da
orde do día, presentabamos moción que se aprobou por unanimidade dos grupos
políticos que na lexislatura 2011/15 integrabámola corporación: PP, PSOE, PGD,
BNG, CIDEGA e CIPA., acordo que se incumpriu polo goberno do PP, sen que dende
á data da moción se fixera nada para cumprilos puntos do acordo de Resolución,
debido a ese incumprimento plenario reiteramos
exposición de motivos e instamos ao adopción das medidas que se
relacionaban na moción e que reproducimos de seguido engadindo cumprimento
plenario, acompañase copia do punto da acta da citada moción e plano onde se
sinalan as liñas áreas de alta e media tensión que atravesan e hipotecan o
crecemento urbanístico dos terreos catalogados como urbanos e que constitúen a
maior zona de expansión do casco urbano:

Por enriba de terreos de urbana e
urbanizables do PXOU de Padrón, existen 25.000 m2 de afección das
seguintes liñas aéreas : Liña alta
tensión 66 Kv Padrón- Finsa I DC/SC,
liña alta tensión 66 kv Padrón-Tambre DC, liña alta tensión de 66 Kv
Padrón- Tibo DC. Liña media tensión casco urbano de Padrón.
Dende ano 2005 todas as actuacións de
reposición ou substitución de cableados eléctricos aéreos quedaron en suspenso
por acordos municipais.
Existen nas dependencias municipais
diversos orzamentos para proceder ao soterramento das liñas eléctricas a fin de
evitar a hipoteca que pende sobre a case totalidade dos terreos de urbana e
urbanizables entre a canle de derivación do río Sar e a N-500 dende o nó da
autopista da vía rápida ata a subestación de Fenosa.
Anualmente, a Consellería de Industria
da Xunta de Galicia, ten establecido un programa, financiado con fondos Feder
europeos para axudar ao soterramento das liñas de alta e media tensión, sen que
nos conste que por parte do goberno local se solicitaran subvencións para tal
fin.
O 11 de agosto de 2009, o goberno do que
formabamos parte, publicou no DOG
anuncio de licitación da revisión do PXOM do concello de Padrón por un
orzamento total de 169.164 €, este plan substituirá ao plan vixente de 1994. Mentres
non estea aprobado definitivamente, con carácter transitorio, proponse un
modelo de aberto de ordenanza municipal que regule as actuacións de reposición,
conservación e mantemento das redes tendo en conta a ordenación do territorio
para permitir un desenvolvemento urbanístico axeitado que repercuta
positivamente sobre a paisaxe urbana e rústica do termo municipal.
A imaxe do cableado eléctrico sobre os
terreos de urbana proxecta unha imaxe terceiromundista que hipoteca o
desenvolvemento urbanístico e supón un risco para a seguridade das persoas e a
saúde dos/as veciños/as polo efecto negativo que teñen as ondas
electromagnéticas.
Dentro das responsabilidades que debe
asumir a Administracións Local está o velar pola seguridade dos seus veciños ,
pola saúde e por unha mellor calidade do entorno, do medio ambiente, do ambiente urbano e da
estética do municipio.
Segundo o Tratado da Unión Europea, os
gobernos teñen o deber de tomar accións preventivas en orde a impedilo dano antes de que se
estableza a evidencia científica.
Destaca neste orde a Recomendación do
Consello de 12 de xullo de 1999, que reclama a protección certeira da saúde dos
cidadáns que residen ou se sitúan nas proximidades dos campos
electromagnéticos.
Para iso a Comunidade Europea está desenvolvendo
accións en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico a través de
PROGRAMAS MARCO, que contemplan o estudio sobre os efectos que ten para a saúde
das persoas a exposición aos campos electromagnéticos.
O artigo 48 da lei 9/2002, de 31 de
decembro de ordenación urbanística de Galicia regula as normas de aplicación
directa di que: “o planeamento xeral
poderá prohibir os tendidos aéreos e prever o soterramento dos existentes. En
todo caso, deberán soterrarse as redes de servizos das novas urbanizacións”.
Debido a carencia de regulamentación
no planeamento en vigor e na normativa municipal proponse a pleno os seguintes
acordos de resolución, así como un modelo aberto de ordenanza para que se
introduzan suxestións, engadidos ou modificacións que se consideren oportunas
co obxectivo de evitar as malas prácticas da empresa Fenosa que na maioría das
veces, sen licenza urbanística, procede a facer reparacións ou reposicións no
tendido eléctrico aéreo sobre os terreos de urbana.
Modelo de ordenanza
1º.-
Obxecto
O
obxecto dista ordenanza é regulalas
condicións ás que se someterán as reparacións, reposicións e instalacións eléctricas de alta, media e baixa
tensión en todo o termo municipal para que se produza menor ocupación do
espazo, menor impacto visual e medioambiental, así como preservar o dereito dos
cidadáns a manter unhas condicións de
vida sen o perigo que supón a exposición aos campos electromagnéticos.
2º.-
Ámbito de aplicación.
Inclúense
no ámbito de aplicación desta ordenanza as infraestruturas dos tendidos
eléctricos aéreos que se atopan situados en todo o termo municipal de Padrón, redes
de liñas de baixa, media e alta tensión e infraestruturas eléctricas de acordo
co artigo 5 do Real Decreto 1995/2000 , de 1 de decembro, polo que se regulan
as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e
procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, en canto á descrición
de actividade de transporte, rede de transporte e xestor da rede.
3º.-
Limitacións de Instalación
1.-
Salubridade
As
instalacións e o funcionamento das infraestruturas eléctricas deberán de
observar con rigor a normativa vixente en materia de exposición humana aos
campos electromagnéticos, en especial a establecida no Real Decreto 1066/2001,
de 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece entre outras,
medidas de protección sanitaria, fronte a emisións electromagnéticas.
Nas
instalacións de redes eléctricas adoptaranse as medidas necesarias pra garantir
as debidas condicións de seguridade e a máxima protección á saúde das persoas.
En particular, estas medidas extremarán sobre espazos sensibles tales como
centros educativos, centros de saúde, parques públicos e zonas urbanas e
urbanizables ou todas aquelas outras que se consideren oportunas polo propio
concello.
2.-
Urbanísticas
a.- Con carácter xeral, prohíbese a
instalación na fachada e sobre cuberta dos edificios das infraestruturas
eléctricas incluídas no ámbito de aplicación desta Ordenanza, ao obxecto de
reducilo impacto visual sobre a vía pública.
b.- Sen prexuízo da normativa
específica, non poderán establecerse instalacións eléctricas nos bens inmobles
de interese cultural declarados monumentos na normativa autonómica de Patrimonio.
c.- Como regra xeral, para o solo
urbano, urbanizable e non urbanizable, establece que as normas de instalacións de
infraestruturas eléctricas de baixa, media e alta tensión, así como as que se
modifiquen despois da entrada en vigor da presente ordenanza, deberán facerse
soterradas.
d.- As instalacións deberán
adaptarse inescusablemente ao plan de ordenación vixente e ás recomendacións establecidas
polos Servizos Técnicos municipais de acordo á normativa en vigor..
e.- Non se admitirá o levantamento
aéreo de liñas eléctricas aéreas de alta, media ou baixa tensión, así como de
comunicacións ou de calquera outro servizo. Estas deberán disporse baixo
canalización soterrada entubada e rexistrable que permita a substitución dos
condutores, en caso necesario, sen rompelo pavimento.
f.- As liñas aéreas existentes con
anterioridade á designación como solo urbano, urbanizable ou non urbanizable ou
as que se levantaran con carácter provisional, deberán incluírse no
correspondente proxecto de urbanización, cambiando o seu trazado actual a
canalización soterrada sen permitirse realizar labores de reposición ou
substitución nos tendidos aéreos existentes para así impulsar e garantir o soterrado.
g.-
Na ampliación, modificación ou modernización de instalacións de distribución
pública existentes non se admitirán trazados aéreos ou pegados ás fachadas
debendo disporse as correspondentes canalizacións soterradas entubadas e
rexistrables que conecten co interior dos edificios.
h.- No caso de que se efectúen novas
construcións, ou na restauración de edificios existentes, deberán preverse
canalizacións soterradas nas beiravías ou no frontal das fachadas que permitan
o paso de circuítos das diferentes instalacións.
I.- Cando as canalizacións
eléctricas se crucen con outras de gas, auga etc, a distancia entre os puntos
máis próximos de unhas e outra non será inferior a 0,20 m, e si, por impedilo
algún obstáculo, debera de reducirse nalgunhas zonas, deberán separarse estas
mediante tabiques de fábrica ou outro material illante.
k.- As empresas concesionarias
estarán obrigadas a cambialo emprazamento dos cables, segundo instrucións dos
servizos técnicos municipais e sen dereito a reclamación nin indemnización,
cando fora preciso por razóns de urbanización, construción de galerías de
servizos ou establecemento de servizos públicos.
l. Non se poderá situar ningún
poste, salvo autorización especial municipal, nas calzadas e beiravías, nin
suxeitar cables eléctricos aos árbores.
Casco
vello
En
xeral evitaranse os módulos de contadores nas fachadas dos edificios situados
nesta zona particularmente nos
edificios catalogados e si, excepcionalmente, tiveran que colocarse, porque non
fora posible dispor outra solución, aloxaranse en fornelas nas fachadas con porta exterior, de características
construtivas que afecten na menor medida posible á composición arquitectónica.
Actuarase de semellante xeito para as caixas xerais de protección.
Disposición
derradeira
No
que non se prevea nesta ordenanza, estarase ao disposto na normativa Europea, Estatal,
Autonómica e no Planeamento municipal vixente sobre a materia.
Por todo isto PROPOÑEMOS o seguinte ACORDO
DE RESOLUCIÓN:
a.
Estudo, ampliación, modificación ou
aprobación deste texto de ordenanza para regulalas actuacións sobre as liñas de
baixa, media e alta tensión.
b.
Posta en vigor da nova ordenanza, incorporándoa posteriormente
ao planeamento municipal en proceso de redacción .
c.
Paralizar preventivamente, mentres non estea
a ordenanza en vigor, calquera reforma de ampliación, e substitución nos
cableados aéreos de alta e media tensión sobre os terreos cualificados como
urbanos ou urbanizables.
d.
Compromiso de solicitude de axudas económicas
Feder- Xunta de Galicia para soterramento das liñas de baixa, alta e media
tensión e rematar dunha vez por todas coa hipoteca dos cableados aéreos sobre
os terreos de urbana e urbanizables do termo municipal.
e.
Cumprimento do acordo plenario adoptado na
sesión ordinaria celebrada pola corporación en data 26 xuño de 2014.