CIPA - Demanda de cumplimento de resolución do ano 2014 sobre soterramento de cables de alta tensión

Na sesión plenaria ordinaria celebrada pola Corporación municipal en data 26 de xuño de 2014, no punto número 14 da orde do día, presentabamos moción que se aprobou por unanimidade dos grupos políticos que na lexislatura 2011/15 integrabámola corporación: PP, PSOE, PGD, BNG, CIDEGA e CIPA., acordo que se incumpriu polo goberno do PP, sen que dende á data da moción se fixera nada para cumprilos puntos do acordo de Resolución, debido a ese incumprimento plenario reiteramos exposición de motivos e instamos ao adopción das medidas que se relacionaban na moción e que reproducimos de seguido engadindo cumprimento plenario, acompañase copia do punto da acta da citada moción e plano onde se sinalan as liñas áreas de alta e media tensión que atravesan e hipotecan o crecemento urbanístico dos terreos catalogados como urbanos e que constitúen a maior zona de expansión do casco urbano:

Por enriba de terreos de urbana e urbanizables do PXOU de Padrón, existen 25.000 m2 de afección das seguintes liñas aéreas : Liña alta tensión 66 Kv Padrón- Finsa I DC/SC, liña alta tensión 66 kv Padrón-Tambre DC, liña alta tensión de 66 Kv Padrón- Tibo DC. Liña media tensión casco urbano de Padrón.

Dende ano 2005 todas as actuacións de reposición ou substitución de cableados eléctricos aéreos quedaron en suspenso por acordos municipais. 

Existen nas dependencias municipais diversos orzamentos para proceder ao soterramento das liñas eléctricas a fin de evitar a hipoteca que pende sobre a case totalidade dos terreos de urbana e urbanizables entre a canle de derivación do río Sar e a N-500 dende o nó da autopista da vía rápida ata a subestación de Fenosa.

Anualmente, a Consellería de Industria da Xunta de Galicia, ten establecido un programa, financiado con fondos Feder europeos para axudar ao soterramento das liñas de alta e media tensión, sen que nos conste que por parte do goberno local se solicitaran subvencións para tal fin.

O 11 de agosto de 2009, o goberno do que formabamos parte, publicou no DOG anuncio de licitación da revisión do PXOM do concello de Padrón por un orzamento total de 169.164 €, este plan substituirá ao plan vixente de 1994. Mentres non estea aprobado definitivamente, con carácter transitorio, proponse un modelo de aberto de ordenanza municipal que regule as actuacións de reposición, conservación e mantemento das redes tendo en conta a ordenación do territorio para permitir un desenvolvemento urbanístico axeitado que repercuta positivamente sobre a paisaxe urbana e rústica do termo municipal. 

A imaxe do cableado eléctrico sobre os terreos de urbana proxecta unha imaxe terceiromundista que hipoteca o desenvolvemento urbanístico e supón un risco para a seguridade das persoas e a saúde dos/as veciños/as polo efecto negativo que teñen as ondas electromagnéticas.

Dentro das responsabilidades que debe asumir a Administracións Local está o velar pola seguridade dos seus veciños , pola saúde e por unha mellor calidade do entorno, do medio ambiente, do ambiente urbano e da estética do municipio. 

Segundo o Tratado da Unión Europea, os gobernos teñen o deber de tomar accións preventivas en orde a impedilo dano antes de que se estableza a evidencia científica. 

Destaca neste orde a Recomendación do Consello de 12 de xullo de 1999, que reclama a protección certeira da saúde dos cidadáns que residen ou se sitúan nas proximidades dos campos electromagnéticos.

Para iso a Comunidade Europea está desenvolvendo accións en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico a través de PROGRAMAS MARCO, que contemplan o estudio sobre os efectos que ten para a saúde das persoas a exposición aos campos electromagnéticos.

O artigo 48 da lei 9/2002, de 31 de decembro de ordenación urbanística de Galicia regula as normas de aplicación directa di que: “o planeamento xeral poderá prohibir os tendidos aéreos e prever o soterramento dos existentes. En todo caso, deberán soterrarse as redes de servizos das novas urbanizacións”.

Debido a carencia de regulamentación no planeamento en vigor e na normativa municipal proponse a pleno os seguintes acordos de resolución, así como un modelo aberto de ordenanza para que se introduzan suxestións, engadidos ou modificacións que se consideren oportunas co obxectivo de evitar as malas prácticas da empresa Fenosa que na maioría das veces, sen licenza urbanística, procede a facer reparacións ou reposicións no tendido eléctrico aéreo sobre os terreos de urbana.

Modelo de ordenanza

1º.- Obxecto

O obxecto dista ordenanza é regulalas condicións ás que se someterán as reparacións, reposicións e instalacións eléctricas de alta, media e baixa tensión en todo o termo municipal para que se produza menor ocupación do espazo, menor impacto visual e medioambiental, así como preservar o dereito dos cidadáns a manter unhas condicións de vida sen o perigo que supón a exposición aos campos electromagnéticos.


2º.- Ámbito de aplicación.

Inclúense no ámbito de aplicación desta ordenanza as infraestruturas dos tendidos eléctricos aéreos que se atopan situados en todo o termo municipal de Padrón, redes de liñas de baixa, media e alta tensión e infraestruturas eléctricas de acordo co artigo 5 do Real Decreto 1995/2000 , de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, en canto á descrición de actividade de transporte, rede de transporte e xestor da rede.


3º.- Limitacións de Instalación 

1.- Salubridade
As instalacións e o funcionamento das infraestruturas eléctricas deberán de observar con rigor a normativa vixente en materia de exposición humana aos campos electromagnéticos, en especial a establecida no Real Decreto 1066/2001, de 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece entre outras, medidas de protección sanitaria, fronte a emisións electromagnéticas.

Nas instalacións de redes eléctricas adoptaranse as medidas necesarias pra garantir as debidas condicións de seguridade e a máxima protección á saúde das persoas. En particular, estas medidas extremarán sobre espazos sensibles tales como centros educativos, centros de saúde, parques públicos e zonas urbanas e urbanizables ou todas aquelas outras que se consideren oportunas polo propio concello


2.- Urbanísticas
a.- Con carácter xeral, prohíbese a instalación na fachada e sobre cuberta dos edificios das infraestruturas eléctricas incluídas no ámbito de aplicación desta Ordenanza, ao obxecto de reducilo impacto visual sobre a vía pública.
b.- Sen prexuízo da normativa específica, non poderán establecerse instalacións eléctricas nos bens inmobles de interese cultural declarados monumentos na normativa autonómica de Patrimonio.
c.- Como regra xeral, para o solo urbano, urbanizable e non urbanizable, establece que as normas de instalacións de infraestruturas eléctricas de baixa, media e alta tensión, así como as que se modifiquen despois da entrada en vigor da presente ordenanza, deberán facerse soterradas.
d.- As instalacións deberán adaptarse inescusablemente ao plan de ordenación vixente e ás recomendacións establecidas polos Servizos Técnicos municipais de acordo á normativa en vigor..
e.- Non se admitirá o levantamento aéreo de liñas eléctricas aéreas de alta, media ou baixa tensión, así como de comunicacións ou de calquera outro servizo. Estas deberán disporse baixo canalización soterrada entubada e rexistrable que permita a substitución dos condutores, en caso necesario, sen rompelo pavimento.
f.- As liñas aéreas existentes con anterioridade á designación como solo urbano, urbanizable ou non urbanizable ou as que se levantaran con carácter provisional, deberán incluírse no correspondente proxecto de urbanización, cambiando o seu trazado actual a canalización soterrada sen permitirse realizar labores de reposición ou substitución nos tendidos aéreos existentes para así impulsar e garantir o soterrado.
g.- Na ampliación, modificación ou modernización de instalacións de distribución pública existentes non se admitirán trazados aéreos ou pegados ás fachadas debendo disporse as correspondentes canalizacións soterradas entubadas e rexistrables que conecten co interior dos edificios.
h.- No caso de que se efectúen novas construcións, ou na restauración de edificios existentes, deberán preverse canalizacións soterradas nas beiravías ou no frontal das fachadas que permitan o paso de circuítos das diferentes instalacións.

I.- Cando as canalizacións eléctricas se crucen con outras de gas, auga etc, a distancia entre os puntos máis próximos de unhas e outra non será inferior a 0,20 m, e si, por impedilo algún obstáculo, debera de reducirse nalgunhas zonas, deberán separarse estas mediante tabiques de fábrica ou outro material illante.
k.- As empresas concesionarias estarán obrigadas a cambialo emprazamento dos cables, segundo instrucións dos servizos técnicos municipais e sen dereito a reclamación nin indemnización, cando fora preciso por razóns de urbanización, construción de galerías de servizos ou establecemento de servizos públicos.
l. Non se poderá situar ningún poste, salvo autorización especial municipal, nas calzadas e beiravías, nin suxeitar cables eléctricos aos árbores.

Casco vello
En xeral evitaranse os módulos de contadores nas fachadas dos edificios situados nesta zona particularmente nos edificios catalogados e si, excepcionalmente, tiveran que colocarse, porque non fora posible dispor outra solución, aloxaranse en fornelas nas fachadas con porta exterior, de características construtivas que afecten na menor medida posible á composición arquitectónica. Actuarase de semellante xeito para as caixas xerais de protección. 



Disposición derradeira

No que non se prevea nesta ordenanza, estarase ao disposto na normativa Europea, Estatal, Autonómica e no Planeamento municipal vixente sobre a materia.

Por todo isto PROPOÑEMOS o seguinte ACORDO DE RESOLUCIÓN:

a. Estudo, ampliación, modificación ou aprobación deste texto de ordenanza para regulalas actuacións sobre as liñas de baixa, media e alta tensión. 

b. Posta en vigor da nova ordenanza, incorporándoa posteriormente ao planeamento municipal en proceso de redacción .

c. Paralizar preventivamente, mentres non estea a ordenanza en vigor, calquera reforma de ampliación, e substitución nos cableados aéreos de alta e media tensión sobre os terreos cualificados como urbanos ou urbanizables.

d. Compromiso de solicitude de axudas económicas Feder- Xunta de Galicia para soterramento das liñas de baixa, alta e media tensión e rematar dunha vez por todas coa hipoteca dos cableados aéreos sobre os terreos de urbana e urbanizables do termo municipal. 

e. Cumprimento do acordo plenario adoptado na sesión ordinaria celebrada pola corporación en data 26 xuño de 2014.

Ningún comentario: