Amosando publicacións coa etiqueta VECIÑOS DE PADRON b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VECIÑOS DE PADRON b>. Amosar todas as publicacións
Veciños de Padrón presenta unha moción para o tratamento e recollida dos residuos
A proposta debaterase no pleno do vindeiro xoves 26 de maio se previamente consegue pasar o trámite da Comisión Informativa.
Veciños de Padrón denuncian o uso que a igrexa fixo dun dos actos de Semana santa e reclaman desvincular política e relixión
Veciños de Padrón presentou, no pleno deste xoves, unha moción de urxencia en defensa da neutralidade relixiosa no Concello de Padrón, que finalmente non chegou a debaterse por chegar a sesión plenaria á hora límite das doce da noite.
Os membros de Veciños de Padrón non participarán nas celebracións de Semana Santa
Na mañá do pasado mércores Teresa Rey, Concelleira de Veciños de Padrón, recibiu a invitaciónpor parte do alcalde para participar,xunto co resto da Corporación Municipal,nos actos oficiais que terán lugar durante a celebraciónda Semana Santa e os festexos de Pascua deste 2016. Entre estes actos atópanse as misas e procesións do Xoves e o Venres Santo, que habitualmente están presididas polo alcalde, o seu equipo e os concelleiros e concelleiras da oposición. A formación decidiu, tras unha profunda reflexión, non participar nestes actos relixiosos.
Os membros de Veciños de Padrón creen que debe existir unha separación entre a relixión e as institucións, que representan tanto a persoas relixiosas como a outras que non o son. Por este motivo, e sempre dende o máis profundo respecto a unhas celebracións que teñen un importante valor cultural e tradicional no municipio, non consideran ético participar como agrupación política. Porén, todos os integrantes do partidoque desexen acudir ás procesións a título persoal, o farán con total liberdade.
A pesar disto, Veciños ten moi claro que as misas e procesións da Semana Santa padronesa forman parte do amplo programa cultural das festas, e como tal, teñen todo o apoio da agrupación. Representantes de Veciños estarán presentes, como espectadores, durante a celebracións dos mesmos; e o partido publicitará e promocionará os actos a través da súa páxina de Facebook, dándolle o mesmo tratamento que ao resto de actos culturais aos que asiste.
Veciños de Padrón - Denuncia da actitude do goberno municipal en plenos e comisións
Perplexidade. Esa é a palabra coa que Veciños de Padrón define as súas impresións ante a actitude que mostrou o equipo de goberno durante a celebración do Pleno Ordinario do pasado xoves 28 de xaneiro. Un pleno bronco e esperpéntico onte só se chegaron a debater, por falta de tempo, 17 dos 29 puntos da orde do día dos cales 18 eran mocións presentadas pola oposición para esixirlle ao goberno local que poña en marcha medidas para solventar as problemáticas máis urxentes ás que se enfronta a vila.
Para Veciños de Padrón, o Partido Popular non só evitou con evasivas as cuestións expostas pola oposición ao longo de toda a sesión plenaria, se non que demostrou a súa pouca capacidade e interese para gobernarculpando aos traballadores municipais das súas neglixencias, xustificando a falta de actuacións baseándose en que moitos dos problemas da vila son imposibles de solucionar e afirmando que non teñen pensado presentar orzamentos para o ano 2016 por falta de tempo; a pesar de ser esta unha ferramenta fundamental para o bo funcionamento dun Concello e de datar os últimos que presentaron do ano 2014.
Ademais disto, Veciños denuncia tamén a actitude do goberno durante as Comisións Informativas que se celebran con anterioridade aos plenos, nas que os diferentes grupos expoñen as cuestión relativas ás propostas e mocións que se debaterán e serán ou non aprobadas alí. A pesar da importancia deste procedemento para o correcto funcionamento do Pleno, o equipo de goberno está acudindo a estas Comisións sen preparación algunha, relegando as respostas das cuestións plantexadas pola oposición á propia sesión plenaria.
Unha actitude completamente irresponsable para Veciños de Padrón, que recorda que tanto as Comisións como os plenos os están pagando cos seus cartos todos os veciños, polo que consideran que selles está a faltar ao respectoao tomar esta actitude.
Veciños de Padrón - Mocións para o pleno ordinario
O partido político Veciños de Padrón rexistrou na Casa do Concello, esta mañá, as dúas mocións que presentará ante o pleno do vindeiro xoves 28 de xaneiro para o seu debate e, de ser posible, aprobación por parte da corporación municipal.
A primeira delas solicita a elaboración, nun prazo máximo de 6 meses, dunha Relación de Postos de Traballo do persoal do Concello, realizada por unha empresa externa. Segundo Veciños, esta RTP permitiría a xestión racional, obxectiva, áxil e flexible do persoal municipal, tendo en conta o desenvolvemento das novas tecnoloxías, e actualizando os seus coñecementos para mellor o seu traballo e axilizar as actuacións ante veciñanza. Solicitan tamén que, no mesmo prazo máximo de 6 meses, se realicen os trámites precisos para executar, trala súa elaboración, esta Relación de Postos de Traballo.
A segunda das mocións presentadas esixe a realización dun informe que recolla o estado actual de todas as instalacións deportivas municipais que, segundo o partido, nos últimos tempos aumentaron aínda máis as deterioracións que xa viñan acumulando, e coas que xa naceron, en moitos casos, dende a súa construción. Así mesmo, solicitan que trala elaboración deste informe por parte dun técnico municipal, se establezan e se fagan públicas as actuacións, por orde de prioridade, que levará a cabo o goberno ao longo da lexislatura para solventar estas deficiencias, que poñen en perigo aos usuarios, na súa maioría nenos, que as utilizan.
Veciños de Padrón - A formación abstense nas votacións dos POS e PAS da Deputación
Veciños de Padrón foi o único partido que se abstivo, durante a celebración do Pleno Extraordinario do pasado xoves 17 de decembro, nas votacións para aprobar as propostas dos plans POS 2016 e PAS 2015, nos que se recollen as obras nas que se investirán os cartos recibidos por estas plans da deputación.
A Concelleira de Veciños de Padrón, Teresa Rey, explicou durante a celebración da sesión plenaria quenon podía aprobar os proxectos presentados, a pesar de estar a favor da realización de ditas obras e de crer que son moi necesarias para o Concello, debido á falta de criterios obxectivos utilizados tanto polo goberno como pola oposicióná hora de seleccionar as obras. Durante reunións mantidas de maneira previa a celebración do pleno, a Concelleira preguntou ao resto de formacións cales eran criteriospara escoller realizar o saneamento nuns lugares e non noutros e, ante afalta de resposta, decidiu desmarcarse do acordo a pesar de ter xapresentadas ante o resto da oposición as súas propostas.
Veciños de Padrón non está de acordo con que os cartos do POS e do PAS sexan utilizados polas diferentes formacións para cumprir as súas promesas electorais, e coida que a veciñanza ten dereito a coñecer os motivos polos que se seleccionan unhas obras e non outras. Por este motivo, presentou unha moción para que se elaborase un Plan Estratéxico de Obras e Servizos de cara aos vindeiros anos no que, guiándose por criterios técnicos, toda a corporación participase na elaboración dos proxectos de maneira obxectiva. Esta moción non chegou a debaterse no Pleno, ao non ser aprobada na Comisión Informativa.
Veciños de Padrón - Nova páxina web e vídeos dos plenos municipais
Veciños de Padrón estreou onte a súa nova páxina web www.vecinos.info, despois de tela pechada por remodelacións dende o verán, coa publicación das gravacións que recolleu durante a celebración do Pleno Ordinario do pasado xoves 26 de novembro. A publicación do vídeo, que trouxo moita polémica e as queixas de varios concelleiros da oposición durante o pleno, busca achegar aos veciños do municipio o que sucede nestes actos de carácter público, aos que moitas persoas non poden asistir, para que poidan coñecer e valorar por si mesmos o traballo que fan os seus representantes no goberno e na oposición. Por este motivo, o vídeo non presenta ningún tipo de corte ou edición, e simplemente se publica en dúas partes para facilitar o seu visionado.
Pero ademais destes vídeos, a nova páxina web recolle moita información de interese, non só doa agrupación Veciños de Padrón se non tamén da corporación, a lexislatura e o funcionamento do propio Concello. Así, poderase acceder dende a web aos enlaces de moitos dos trámites municipais máis demandados pola poboación, así como as actas de goberno, a maiores da información do propio partido coma estatutos, programa, contas...
En definitiva, iniciativas coas que Veciños de Padrón pretende facilitar o acceso da poboación aos trámites e información do Concello que poida ser de interese, para seguir afondando no camiño da transparencia e abrindo novas formas de participación cidadá.
Veciños de Padrón - Goberno e oposición rexeitan levar a pleno dúas mocións
Tralo remate do pleno extraordinario da piscina municipal celebrado onte, tiveron lugar as habituais comisións informativas nas quese someteron a votación as mocións dos diferentes partidos para poder levalas ao pleno. Veciños de Padrón presentou á comisión dúas mocións: unha para que o Concello se encargase da gravación e a retransmisión destas xuntas a través de Internet; e outra para crear un Plan Estratéxico que permitise seleccionar as obras do POS e o PAS dos vindeiros anos seguindo criterios obxectivose para que a cidadanía coñecese que obras e servizos se van a levar a cabo.Ningunha das dúas propostas de Veciños pasou o trámite e, polo tanto, non estarán incluídas na orde do día do pleno do vindeiro xoves 26 de novembro.
Veciños de Padrón segue sorprendido co resultado destas comisións, pois as propostas presentadas ían encamiñadas a favorecer a transparencia cos veciños nas accións municipais; precepto que a maioría de partidosincluían nos seus programaselectorais para as municipais do pasado maio. Con esta acción de rexeitamento ou indiferencia á transparencia por parte de todos os partidos do municipio, Veciños de Padrón non fai máis que reafirmar a súa crenza de que goberno e oposición son iguais; pois todos están demostrando sentirse cómodos coas malas praxes que os sucesivos gobernos levaron a cabo ata o de agora, e a súas poucas gañas de mudar estas situacións.
Porén, e a pesar da actitude dos concelleiros do resto de grupos, Veciños de Padrón non se rende na súa loita pola transparencia, e xa presentou unha solicitude ao alcalde para poder gravar os plenos pola súa conta e retransmitilos posteriormente a través da súa web e redes sociais. Ademais disto, Veciños manifestará no pleno o seu desacordo coa falta de criterioe palabra do resto de agrupacións municipais.
Oposición Padrón - Moción reclamando explicacións sobre o cambio de titularidade da AC-299
Os abaixo asinantes, concelleiros membros da Corporación do Excmo. Concello de Padrón, en representación dos Grupos Políticos Municipais do PGD, PSdeG-PSOE, Veciños de Padrón, BNG, AxP e CIPa, solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar o cambio de titularidade dun tramo da estrada AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o punto kilométrico 0+000 ao punto kilométrico 2+160 (límite municipal) a favor do Concello de Padrón.
Exposición de motivos.
Polo Decreto 36/2013, de 14 de febreiro, aprobouse o cambio de titularidade dun tramo da estrada AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o punto kilométrico 0+000 ao punto kilométrico 2+160 (límite municipal) a favor do Concello de Padrón.
Desde o goberno municipal realizaríanse as xestións necesarias para esa aprobación sen que en ningún momento se dese conta ao pleno das mesmas, polo que descoñecemos cales son os beneficios que veu o grupo de goberno para tramitar esta cesión ao concello, nin os incombintes que pode representar, xa que o grupo de goberno fixo as xestións de costas ao pleno, enterándonos do cambio de titularidade polo Diario Oficial de Galicia do luns, 25 de febreiro de 2013.
Segundo o artigo 3 do Decreto 36/2013, de 14 de febreiro, a entrega do vial formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación do Decreto do DOG, mediante a firma da correspondente acta de entrega. Non nos consta que se formalizara a entrega.
Segundo o artigo 4 do Decreto 36/2013, de 14 de febreiro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do vial, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que pudese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Que ca convocatoria do pleno, se aporte aos grupos asinantes do mesmo a seguinte documentación:
a a) Informes previos, que aconsellan a cambio de titularidade e o expediente completo da cesión. b)Estudio de custes de mantemento da estrada, unha vez pase a titularidade ao concello e o proxecto de obras a realizar antes da recepción da estrada
Polos motivos expostos, propoñemos ao pleno a adopción dos seguintes acordos:
1.- Informe, polo alcalde, das xestións realizadas para o cambio de titularidade da citada estrada.
2.- Informe, polo alcalde, dos beneficios que o cambio de titularidade terá para os veciños e concello de Padrón, segundo o seu criterio.
3.- Non formalizar a entrega do vial, firma da correspondente entrega, ata ser aprobada polo pleno.
Veciños de Padrón - Solicitude de gravación dos plenos
O partido político Veciños de Padrón presentou nos últimos días unha moción para o pleno do vindeiro xoves 26 de novembro, co obxectivo de que o Órgano Municipal aprobe a gravación dos actos plenarios e a súa publicación a través dos medios que ten dispoñibles o Concello. Esta medida, que viña recollida no programa electoral do partido, busca valerse das novas tecnoloxías e do seu baixo custe para facilitar o acceso aos debates e tomas de decisións á veciñanza. Para Veciños, esta medida é necesaria como acto reivindicativo de transparenciaposto que, a pesar de ser un acto público, o horaria de celebración das reunións impide que moitas persoas poidan achegarse e coñecer o que acontece.
Ademais disto, Veciños solicitou tamén autorizaciónpara poder gravar eles mesmos e posteriormente publicar na súa web e redes sociais o que aconteza no pleno do propio día 26, así como nos seguintes. Deste xeito buscan asegurar o carácter público e o acceso ao pleno de todos os veciños dende as súas casas, se aprobe ou non a súa proposta.
Veciños de Padrón - Solicitude de reunión sobre a municipalización da estrada AC-299
Veciños de Padrón solicitou esta ao alcalde unha reunión co equipo de goberno e o resto da oposición, para tratar de maneira urxente o tema da municipalización da estrada AC-299, que discorre entre o barrio de A Trabanca e Extramundiata o límite do municipio co Concello de Rois.
O grupo comandado por Teresa Rey quere coñecer os motivos que levaron ao goberno a tomar esta decisión, que levaba paralizada dende o ano 2002, e que probablementesuporá uns custes moi elevados para as arcas municipais. Ademais, Veciños preguntase si antes de asumir a súa titularidade, o goberno realizou un informe económico ou valorou de algunha outra maneira os custes de acondicionar e de manter en condicións óptimas a estrada ao longo dos anos; algo que pon en dúbida que se faga tomando como exemplo o estado lamentable e descoidado das pistas municipais. Veciños pensa que antes de facerse coa xestión de novas infraestruturas, o lóxico é arranxar as que xa son titularidade do Concello.
Veciños de Padrón sinte profundamente que o goberno municipal non conte coa oposición para tomar medidas de tanta importancia coma esta, a pesar de non ter maioría absoluta e de estar hipotecandocoas súas decisión aos futuros gobernos da vila e aos veciños do municipio.
Veciños de Padrón - Intervención de nosa concelleira Teresa Rey no pleno denunciando irregularidades contables
Tras a resposta negativa do Señor Alcalde na Comisión de Contas celebrada o 30 de xullo de 2015, onde preguntei se había algún motivo que eu descoñecese e que xustificase a comisión reiterada de irregularidades que se reflicten na documentación en relación coas Contas do 2014, poño de manifesto ao Pleno da Coorporación e para que conste en acta o seguinte:
En primeiro lugar, indicar que a conta preséntase fora de prazo e con máis de catro meses de retraso ante á Comisión (o límete era o 1 de marzo de 2015).
En segundo lugar, queremos facer un breve resumo nada máis e nada menos que de 28 REPAROS SUSPENSIVOS feitos pola intervención municipal a unha serie de pagos efectuados e que foron levantados por Resolución da Alcaldía durante o ano 2014:
a) O pago de facturas por contratación do asesoramento técnico urbanístico e xurídico, por importe superior a 6.000 euros (mensuais), facturas derivadas de contratos menores (de cuantía non superior a 18.000€ e cunha duración máxima dun ano) que son prorrogados irregularmente ano tras ano, nalgún caso dende o 2010. Ocorre o mesmo con outros contratos por servizos xurídicos e de xestión laboral.
b) Facturas por servizos extraordinarios “horas extra” que incumplen os contratos asinados, onde non se recolle a posibilidade de percepción de horas extra. Ademáis, nalgún caso , sen que lle conste a Intervención os asuntos cuxa importancia fan imprescindible a realización de ditas horas extra.
c) Irregularidades na presentación das facturas coa empresa INBISA SERVICIOS E MEDIO AMBIENTE S.A., adxudicataria do contrato de xestión do servizo público de recollida de RSU e envases lixeiros, limpeza do mercado dominical e xestión do punto limpo de Padrón. Contrato adxudicado por procedemento negociado sen publicidade, e que superada con creces na data de emisión do informe da intervención, o valor estimado esixido para este tipo de contratos.
d) En relación coas factura das seguintes empresas ROO Montajes Eléctricos S.L e ROOMEL Service S.L; Seigal, S.L; Servizos Sociais Ulla Sar, S.L. derivadas de contratos menores e que ao longo do ano superan con creces o importe para este tipo de contratos, vulnerándose así os principios de concorrencia e publicidade.
e) Require tamén unha especial mención a Piscina Municipal: no ano 2009 remataba a relación contractual coa empresa Gimnasios Pazos S.A, aínda así, a empresa continuou coa xestión sen ningún tipo de contratación por parte do Concello. Figura no informe da Sra. Interventora o aumento do canon concesional, recollido na cláusula 4ª do contrato, sen motivo coñecido.
No ano 2009 destináronse a reparación de dita piscina 89.211 euros dunha volta e 140.042,61 céntimos doutra. No 2014, 229.019,24 céntimos destinados a súa reparación. En total, 458.272,85 euros, e a piscina segue sen funcionar a data de hoxe.
O proceder é similar en relación co servizo da gardería infantil municipal.
f) Ao longo do 2014 realízanse numerosos pagos das denominadas “facturas de caixón”, recoñecidas no informe da intervención e realizadas sen consignación orzamentaria debido a inexistencia de crédito axeitado e suficiente en varios exercicios pechados (reparos suspensivos 7 e 20/2014).
g) Atopámonos cun déficit orzamentario de 95.312,96 euros e cunha débeda viva do Concello de 1.027.418,32 euros. O que demostra que o concello gasta mais do que ingresa.
Nas conclusións, no apartado segundo do informe de intervención de data 28 de abril de 2015 indícase: “Débese proceder a unha redución e contención do gasto corrente que non sexa absolutamente imprescindible para o mantemento dos servizos básicos municipais que se debería concretar sobre todo no capitulo 1 de gastos de persoal e no capítulo 2 de gastos correntes e servizos mediante a elaboración dun Plan Económico-‐financeiro ou un plan de saneamento” e no apartado terceiro proponse o seguinte: “Débense aumentar os recursos propios mediante a revisión de tódalas ordenanzas fiscais e non fiscais, incluso valorar a procedencia de establecer novos impostos e taxas, de forma que se consiga unha porcentaxe mais alta no financiamento total do presuposto con estes recursos, de forma que se reduza a dependencia dos ingresos procedentes fundamentalmente do capítulo 4, que son fundamentalmente achegas doutras Administracións Públicas”.
Neste sentido nós somos totalmente contrarios, a que sexan os cidadáns de Padrón os que cos seus impostos financien a mala praxis de gasto do Concello de Padrón ao longo de décadas, pero sí estamos de acordo cunha revisión das taxas e ordenanzas para adecualas aos tempos actuáis, pero acompañado dun Plan Económico – financieiro ou Plan de saneamento.
Finalmente indicar que o máis grave de todo e que isto é so un pequeno resume de entre moitas outras irregularidades recollidas pola Sra. Interventora e que atopamos nesas contas. Veciños de Padrón, seguindo cos seus principios, optará pola abstención na votación ao non formar parte da Corporación Municipal no momento no que se realizaron, pero non sen denunciar, por medio de esta Concelleira, as anomalías que se están a producir. E advertindo de que a nosa formación realizará un control exhaustivo das contas municipais no presente exercicio e seguintes, mediante o exame exhaustivo da documentación que consideremos oportuna e non descartando a posibilidade da adopción de otras medidas de persistir ditas irregularidades.
Veciños de Padrón - Presentación de candidatura
O acto, ao que acudiron duascentas persoas, comezou coa presentación de Isabel Gómez Basadre, que explicou que, con 21 anos, entrou no partido “para cambiar o rumbo do pobo e poder seguir medrando en Padrón”. Seguidamente interveu o presidente do partido, Pedro Paz, que explicou que Veciños era unha agrupación sen dependencia política ou económica de ninguén e leu o manifesto fundacional.
Rodrigo Casal, número dous da listaxe, presentou os puntos fortes do programa: Veciños só votará pola súa candidata como alcaldesa, celebrará unha auditoría externa para coñecer a situación real do Concello e publicará todas ascontas na páxina web do municipio. Tamén creará a concellería de asuntos veciñais para axilizas as xestións , a Marca Padrón para fomentar un turismo e un comercio de calidade, e mellorará os servizosnas aldeas, entre outras medidas.
A última en intervir foi a candidata de Veciños, Teresa Rey, que no seu discurso falou da importancia da colaboración da xente no proxecto do partido e do potencial da vila, que ten a meirande parte dos seus recursos sen explotar. Presentou aos seus compañeiros de formación coma veciños e non coma políticos e, facendo un símil coa súa presentación na Praza de Abastos, explicou como con poucos recursos económicos pero con moito esforzo e ganas de traballar, poden facerse grandes cousasdende a administración local. Finalmente, o acto rematou coa actuación do grupo de gaitas Trécola Folk.
Veciños de Padrón colgará nos próximos días na súa web o custe do acto de presentación e da súa campaña electoral.
Veciños de Padrón - Teresa Rey número un da lista cara as municipales
A Xunta Directiva de Veciños de Padrón escolleu o pasado sábado, co apoio da Asamblea Xeral e dos colaboradores do partido, as dúas persoas que encabezarán a listaxe coa que concorrerán as eleccións municipais do vindeiro 24 de maio. Comonúmero un e aspirante a alcaldía o partido decidiuse por Teresa Rey Pazos, actual secretaria de Veciños; e como número dous por Rodrigo Casal García, ata o momento en funcións como tesoureiro. A pesar das primeiras posicións, xa definidas, a listaxe segue aberta a todas as persoas que queiran sumarse ao proxecto e colaborar co partido.
Trala boa acollidade Veciñosnas redes sociais e nas Xuntanzas de Padrón e a Escravitude, nas que busca dar a coñecer o seu proxectoe recoller as achegas e necesidades específicas de cada un dos lugares do municipio; a primeira aparición de Teresa e Rodrigo como candidatos terá lugar o próximo venres 20 de marzo as cinco e media da tarde, nunha reunión de presentación cos veciños de Extramundi no Centro Social da Devesa.
Así mesmo, das iniciativas e ideas recollidas nestas Xuntanzas sairá parte do programa que Veciños de Padrón levará as eleccións, e que xa está elaborando. A presentación da listaxe completa e deste programa celebrarase nun acto público a mediados de abril.
Veciños de Padrón - Nova formación veciña cara as municipáis de Maio
A nova formación política VECIÑOS de Padrón presentarase as eleccións municipais do 24 de maio coa idea de facerse co goberno do Concello de Padrón. O partido, que está conformado por Pedro Paz Rubí como presidente, Aroa Cruces Duyos como vicepresidenta, Teresa Rey Pazos como secretaria, Rodrigo Casal García como tesoureiro e Sergio Tubío Agrasar como vocal; xorde como unha iniciativa que pretende recoller o consenso da rúa e o seu descontento xeral coa xestión do pobo, que ata o momento non evolucionou como debería telo feito polo seu potencial.
Deste xeito, coa idea de traballar para converter Padrón nun concello vivo, VECIÑOS quere presentarse aos padroneses como un partido diferente ao resto. Diferenzas que veñen marcadas por uns obxectivos claros de transparencia, proximidade, accesibilidade e independencia económica que se basean no rexeitamento da confrontación, no sentido común na xestión dos recursos e na busca do consenso e o diálogo polo pobo.
A listaxe electoral, que polo momento non está pechada, farase pública durante o acto de presentación do partido que se celebrará proximamente no municipio. Dela formarán parte persoas de diferentes ideoloxías, pois a idea é conseguir un conxunto heteroxéneo sen máis interese que traballar por e para Padrón.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

