CIPA Padrón - Moción irregularidades tarxetas de residentes

A Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local no seu capitulo III. Competencias. Artigo 25. Recolle que os municipios exercerá competencias nas seguintes materias.b.- Ordenación do tráfeco de vehículos e persoas nas vías urbanas, a maiores temos normativa municipal propia que se recolle na Ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública ( BOP 19 de novembro de 2004) . Dende fai tempo temos constatado un uso fraudulento de certas tarxetas para acceso ao casco vello de Padrón, descoñecendo que número delas se atopan nesta situación, coñecemos casos de posuidores de tarxeta que teñen o seu domicilio fora da zona do casco vello que non lles daría dereito á súa expedición, outras que seguen a manter o seu domicilio antigo no casco vello, cando en realidade residen fora del e incluso noutros concellos. Con que finalidade o están a facer ?. Para non perder ese dereito de circular ou aparcar en zonas exclusivas de residentes, o que está a producir un agravio comparativo con outros padroneses/as que por non vivir no casco vello e incluso nas súas proximidades non posúen este dereito, incluso padroneses que teñen vivenda no casco vello pero viven fora do casco vello aos que se lle obriga dispor dunha autorización provisional para poder circular ou acceder. 

A vixente ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública no art. 34.3 contempla a posibilidade de que os servizos municipais designados para funcións de comprobación expedirán a tarxeta.

Asemade o mesmo artigo, cito textualmente: “ O concello reservarase o dereito de esixir calquera outra proba documental ou de realizar de oficio cantas comprobacións considere necesarias para contrastar a veracidade das acreditacións”. 

O artigo 34.6 contempla que no caso de variación das condicións que no seu dia se expresaron na solicitude, que xerou dereito á expedición da tarxeta, como poden ser: cambio de domicilio ou cambio de vehículo, a persoa interesada deberá solicitar un novo distintivo que emitirá o Concello logo das comprobacións oportunas. O solicitante, neste caso, entregará nas oficinas municipais a tarxeta de aparcamento que obtivera con anterioridade.

O artigo 34.7 di que se das comprobacións practicadas, resultara que a persoa titular do distintivo de aparcamento realiza un uso fraudulento del ou que os datos presentados para obtelo foran falseados, procederase a retirar o distintivo, sen prexuízo da incoación do expediente sancionador que corresponda. Se das actuacións practicadas se desprenderon indicios de ilícito penal serán remitidas ao órgano competente. A anulación do distintivo por esta causa non dará dereito a reembolso da cantidade pagada para a súa obtención. 

Non sabemos cales son os motivos polos cales o goberno local non toma cartas no asunto e cumpre coas funcións de garantila legalidade pois si a cuestións económicas nos referimos a recadación polo padrón fiscal, segundo datos do exercicio 2015, pola taxa de entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcamento exclusivo (vados) recádanse 3.987,48 €, cantidade que non debería ser impedimento ao non distorsionar salientablemente o capitulo de ingresos das arcas públicas. Refutado unha cuestión económica só nos queda pensar que se trata de practicar a política do laissez faire que tantas veces denunciamos o pasado mandato e este no transcurso das sesións plenarias. Unha actuación permisiva e consentida coa ilegalidade ou ben porque afecta a votantes do Pp ou simpatizantes desta formación.

É polo que PROPOÑEMOS os seguintes ACORDOS DE RESOLUCIÓN:

a. Tomar acordo plenario para instar do goberno municipal do Pp, en concreto do sr. alcalde e do sr. concelleiro de área de tráfico encomende ao responsable ou responsables das expedicións e informes para a concesión destas tarxetas un control exhaustivo das concedidas en orde a averiguar, e solucionar as ilegalidades que están a sentar precedentes de agravios comparativos por permitir e consentir actuacións fraudulentas no emprego das tarxetas de residentes,.

b. Tomar acordo plenario para instar do goberno municipal do Pp, proceda á revisión e actualización do censo de residentes no casco vello de Padrón con criterios obxectivos e imparciais como debe ser obriga dunha administración pública en aras do principio de imparcialidade e transparencia.

c. Proceder a requirir e retirar a tarxeta dos residentes infractores.

Ningún comentario: