Últimos días para inscribirse no proceso selectivo do obradoiro de emprego 'Ordes-Frades'

Ordes, 22/07/2016 - O vindeiro martes, 26 de xullo, remata o prazo de inscrición para participar na selección dos alumnos-traballadores que participarán no obradoiro de emprego 'Ordes-Frades'. As persoas interesadas deberán inscribirse na oficina de emprego de Ordes, situada no mesmo Concello. Para calquera consulta ou ampliación de información pódense consultar as bases na páxina web do Concello de Ordes (www.ordes.gal) ou na do Concello de Frades.

As especialidades que se van desenvolver serán as de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En total hai que falar de 20 postos (10 por cada especialidade) a ocupar por alumnado-traballadores.

No caso de Ordes as actuacións previstas céntranse no acondicionamento dos locais sociais de Buscás e Santa Cruz de Montaos, así como o seu contorno. Tamén se prevén labores de mantemento e conservación da parcela e o parque infantil situado entre a rúa de Frades e Cerceda, así como no Paseo Ramiro Recouso Liste. 

No que se refire a Frades o obradoiro suporá o acondicionamento da Escola unitaria do “Cabezo” en Abellá, o mantemento e a conservación da área do local social de Aiazo, e a da presa en Ledoira. Tamén se traballará nas inmediacións do campo de fútbol en Vitre, e noutros espazos como os da piscina municipal en Papucín.

Esta acción formativa conta coa colaboración e financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais das aportacións económicas de ambos concellos.

Ningún comentario: