Vedra, 22/07/2016 - O Concello de Vedra lembra, nesta temporada estival, a importancia de cumprir a normativa da ordenanza municipal de residuos e reguladora das condicións para o mantemento da salubridade e ornato público no termo municipal que prohibe a colocación de carteis fóra dos lugares habilitados, especialmente en sinais de tráfico, marquesiñas, colectores de lixo,...
Esta é unha Ordenanza que naceu co obxecto de regular en Vedra a xestión dos residuos e as condicións para a promoción e mantemento da limpeza, salubridade e ornato das vías e espazos públicos e privados do termo municipal.
Pois o verán en Vedra, coma en toda Galicia, enche de festexos o panorama estival ... e por descontado tamén enche de carteis, programas,... os seus espazos públicos. Fíxose un esforzo importante para instalar espazos onde situar estes carteis recordando que está prohibido colocalos en marquesiñas, sinais de tráfico, colectores de lixo,...
Na actualidade mellorou substancialmente esta realidade, pero por desgraza seguen a ser demasiadas as ocasións nas que o ornato e a imaxe pública se ven deteriorados pola irresponsabilidade de quen non respecta nin esta ordenanza nin a limpeza do noso entorno. A esa xente o Concello de Vedra lémbralle que o incumprimento da ordenanza municipal pode supor sancións que van dende os 90 euros aos preto de 1.000 e lémbralles tamén que xa se ten iniciado algún expediente sancionador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario