Lalín, 21/07/2016 - O Concello de Lalín iniciou as actuacións para dotar á área recreativa de Pozo do Boi de canchas para a práctica de diferentes modalidades deportivas sobre un terreo de area. Está previsto que as actuacións -que empezaron a desenvolverse durante esta mesma mañá- rematen nos vindeiros días co obxectivo de que as novas instalacións estean a disposición dos usuarios dende esta fin de semana. Desta maneira, o Goberno municipal dá cumprimento a unha reivindicación moi demandada polos veciños e visitantes da zona dende hai anos e que o Partido Popular non chegou a atender durante a súa longa etapa á fronte do Concello.
Para o alcalde de Lalín resulta “grotesco que agora, e dende a oposición, o PP presente unha moción para o seu debate no pleno deste xoves na que precisamente piden o que nos xa estamos a facer e eles nunca chegaron a levar a cabo”. “Esa”, engade Rafael Cuíña, “é unha das grandes diferencias que hai entre o noso Goberno e o anterior: nós resolvemos as demandas que nos fan os veciños e eles dedícanse a realizar peticións ás que non lle deron resposta cando tiveron a oportunidade e nunca resolveron”.
O rexedor estivo esta mañá supervisando o inicio das actuacións, nunha visita na que tamén estivo acompañado dos concelleiros da área de deportes. Miguel Medela amosou a súa satisfacción polo feito de que “por fin se leven a cabo uns traballos que eu mesmo, como veciño de Vilatuxe, levo solicitando dende hai anos para a realización dun campionato de fútbol praia”. Lembrou que trasladou esta petición a diferentes concelleiros do PP e que a resposta nunca foi positiva. Por iso considera “incomprensible que nolo pidan a nós, nunha estratexia que non entendo e que resulta absolutamente ridícula”. Pola súa banda, Nicolás González Casares quixo poñer en valor feito de que a zona da praia fluvial vaia contar “dende xa” con instalacións que complementarán o amplo abano de actividades ao aire libre que xa se poden desenvolver na zona, ao tempo que se habilita unha caseta que dará servizo aos usuarios das novas zonas deportivas.
O Goberno municipal tomou a decisión de acometer estas actuacións despois de comprobar que dende hai anos vén sendo necesario o reforzo de actividades na zona da praia fluvial de Vilatuxe. Así, actívase o acondicionamento deste entorno para complementar o uso que os veciños fan desta zona como lugar de ocio. A localización e as condicións privilexiadas deste espazo fixeron necesario un plan de actuación para mellorar o espazo e, desta maneira, poder ofrecerlles un mellores servizos os veciños.
Con este obxectivo, e como solución integradora, estase a levar a cabo a execución de dúas pistas deportivas de 20x15 metros, aproveitando a zona nivelada existente. En consecuencia só serán necesario executar unha capa de area para a práctica de diferentes deportes e que defina de forma inequívoca o terreo destinado a usos deportivos dentro do entorno da praia fluvial.
As canchas estarán formadas por dúas zonas conxuntas, sen separación para minimizar o impacto visual. Cada cancha ten unhas dimensións de 17x12, pero faise unha superficie de 20x15, co obxecto de garantir a seguridade das persoas que practican o deporte e que poidan utilizarse as dúas conxuntamente. Unha das canchas terá postes para as redes ancorados ao solo e outra das pistas irá con porterías de balonmán, colocadas sobre a pista de area. Toda a zona ocupada polas canchas e o seu entorno estará provista por un sistema de drenaxe con tuberías de 160 milímetros de diámetro.
A maiores, tamén se instalará unha caseta duns 20 metros cadrados. Será unha edificación en planta baixa para gardar os equipos de redes, porterías, balóns, así como utensilios para o
mantemento das instalacións. Esta caseta instalarase na zona da carballeira, na explanada existente na zona alta da mesma, xa que a situación do terreo non require obras de movemento de terras adicionais. No entorno das instalacións as actuacións serán mínimas e centraranse no acondicionamento do terreo para a colocación de céspede, o cal rodeara tódalas instalacións agás os sendeiros de acceso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario