Ames celebra este venres o Día de Galicia

Ames, 20/07/2016 - O Concello de Ames está preparando para este ventres, 22 de xullo, ás 20:00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde haberá música, a cargo do grupo folk Ascuas, e se lerán varios poemas de autores galegos. Ademais, darase lectura a un manifesto institucional, que será trasladado con anterioridade aos grupos municipais con representación na corporación.

Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar este venres, 22 de xullo, ás 20:00 horas. 

Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos que forman parte da corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. Haberá música a cargo do grupo folk Ascuas e leranse varios poemas de autores galegos. Ademais, darase lectura a un manifesto institucional, que será trasladado con anterioridade aos grupos municipais con representación na corporación municipal de Ames. 

Premendo sobre a imaxe que acompaña a esta nova, pódese descargar a bandeira de Galicia co lema Ames sempre Galicia, co obxectivo de que os veciños e veciñas que o desexen a poidan imprimir e a coloquen nas súas fiestras e balcóns.

Ningún comentario: