A Ludoteca de Verán de Lousame cubre as súas 40 prazas e mantén dúas prazas libres para días soltos

Lousame, 22/07/2016 - A Ludoteca de Verán do Concello de Lousame, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, cubriu este ano as corenta prazas ofertadas. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que participan nunha serie de obradoiros que terán lugar ata o 31 de agosto nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.

A pesar de que as prazas a xornada completa xa están cubertas, o Concello de Lousame informa de que ten reservadas dúas prazas para aquelas familias que estean interesadas en que o seu neno ou nena participe algún día solto. Neste caso, o prezo sería de 2,5 euros por día e para anotarse só é preciso chamar ao teléfono 609 828 853. Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

Ningún comentario: