A xornada do luns en Cineuropa ofrecerá un total de 15 títulos, entre eles, varias estreas. Destaca Son of Saul de László Nemes, filme que deslumbrou á crítica na pasada edición de Cannes, onde se fixo co Gran Premio do Xurado e o Premio FIPRESCI. Ofrece unha nova perspectiva sobre o inferno de Auschwitz a través da historia de Saul, un xudeu membro dos Sonderkommando (presos que colaboraban co horror nazi coa esperanza de salvar as súas vidas), que se obsesiona con darlle un enterro digno ao cadáver dun neno. A cámara non se despega do protagonista e a empatía con el é inevitable, mentres que o horror de Auschwitz móstrase desenfocado, obrigándonos a imaxinar o que aquí simplemente se suxire. É unha película dura, moi dura, cuxa fiel translación da realidade dos lager foi encomiada mesmo polo autor de Shoah, Claude Lanzmann, para el un imposible en cinema de ficción que Son of Saul si acada.
Tamén se estrea o documental Invasión, de Abner Benaim, Premio do Público no Festival de Málaga. A película rememora, a través de imaxes e testemuños, a invasión do exército estadounidense a madrugada do 20 de decembro de 1989, cando 27.000 marines americanos tomaron as rúas por orde do George Bush pai, baixo o pretexto de deter ao presidente Manuel Noriega acusado de narcotráfico pola xustiza estadounidense. Invasión proxectarase ás 17:45 h no Teatro Principal.
Unha estrea de menor calado -que non calidade- é Victoria, unha película de Sebastian Schipper maxistralmente rodada nun único plano secuencia e protagonizada pola catalá Laia Costa. Partindo dun comezo lixeiro, próximo a ¡Jo, qué noche! de Scorsese, no que unha moza española goza da noite berlinesa, o filme devén en asfixiante thriller.
Poderase asistir tamén ao segundo pase de Tell Spring not to come this Year, de Saeed Taji Farouky e Michael McEvoy; e aos últimos pases da multipremiada e perturbadora El Club, de Pablo Larraín, e de Le Nouveau, a optimista comedia de Rudi Rosenberg que inagurou o festival, á que o público outorgou unha puntuación de 8,49.
A programación complétase con outras películas proxectadas nestas salas, tamén no CGAC onde se poderán ver obras de Chaplin, Tim Robbins e Robert Stevenson e, por último, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, que se estrea como sede nesta edición coa proxección do documental galego Unitarias, de Jorge Algora.
PROGRAMA COMPLETO DO LUNS 9
TEATRO PRINCIPAL
16:00 EL CLUB Pablo Larraín
17:45 INVASIÓN Abner Benaim
19:30 45 YEARS Andrew Haigh
21:15 LE NOUVEAU Rudi Rosenberg
22:45 SON OF SAUL László Nemes
00:45 SHUNPU DEN (STORY OF A PROSTITUTE)
Seijun Suzuki
SALÓN TEATRO
16:00 TELL SPRING NOT TO COME THIS YEAR Saeed
Taji Farouky, Michael McEvoy
17:45 BABY THE RAIN MUST (A ÚLTIMA TENTATIVA)
Robert Mulligan
19:30 MOUNTAINS MAY DEPART Jia Zhangke
21:45 VICTORIA Sebastian Schipper
00:00 IZGNANIE (THE BANISHMENT) Andrei Zvyagintse
SALA MOZART - AUDITORIO DE GALICIA
20:00 UNITARIAS Jorge Algora
CGAC
17:15 A KING IN NEW YORK (UN REI EN NOVA YORK)
Charles Chaplin
19:15 CRADLE WILL ROCK (ABAIXO O TELÓN) Tim Robbins
21:30 THE WOMAN ON PIER 13 (CASADA CUN
COMUNISTA) Robert Stevenson


Ningún comentario:
Publicar un comentario