PP Santiago - Pleno de novembro

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, amosou a súa satisfacción pola aprobación dunhas ordenanzas fiscais que repercutirán de forma positiva nas familias santiaguesas. Neste senso, incidiu en que “onte había dous escenarios: aprobar o maior saqueo aos petos dos veciños ou aprobar o incremento da capacidade económica das familias para o vindeiro ano. Finalmente, o sentido común e a responsabilidade evitaron un grave prexuízo para os cidadáns”. “O que se produciu –continuou- foi unha votación en clave de cidade, por riba de siglas, e, polo tanto, os únicos gañadores foron os veciños e veciñas”. 

O voceiro popular subliñou que a falta de diálogo e de vontade para chegar a acordos de Compostela Aberta, durante todo o proceso de elaboración da proposta de ordenanzas, levou a que “a aritmética democrática” se impuxera na sesión plenaria de onte. Neste senso, Agustín Hernández cualificou de sorprendente que Compostela Aberta apele agora aos acordos acadados por maioría na Comisión, cando foi quen decidiu non telos en conta e levar ao pleno unicamente a súa proposta de suba de impostos. O popular explicou que á vista de que non se admitían as bonificacións acordadas da Comisión de Facenda, había marxe económico para apoiar a proposta socialista de baixar o IBI ao 0,51 e que os veciños saíran beneficiados. 

Agustín Hernández lamentou que o alcalde, en lugar de asumir a súa responsabilidade, lle bote a culpa aos demais grupos da súa incapacidade para xestionar e chegar a acordos. “A primeira lección que ten que aprender este goberno é que sen diálogo non se chegan a acordos e os acordos son fundamentais cando non se conta co respaldo maioritario dos veciños”, subliñou. “Onte o alcalde –continuou- espertou do sono de que tiña o poder absoluto da cidade”.

O voceiro popular salientou que, a diferenza do que argumenta o actual goberno local, si é posible baixar a presión fiscal e subir o investimento social. Neste senso, Agustín Hernández recordou que durante o mandato do Partido Popular o tipo impositivo do IBI baixou un 10% -do 0,6 ao 0,54- e o investimento social incrementouse un 40%, de 3,7 millóns a 5 millóns de euros.

Ningún comentario: