O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia a ausencia de representantes do Goberno local na sesión constitutiva da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, que tivo lugar onte en Burgos e que se encargará de coordinar accións para a promoción e conservación da ruta. Os populares lamentan unha vez máis “a deslealdade” do actual alcalde ao non defender os intereses de Santiago, xa que no pasado mes de xullo tampouco ningún representante municipal asistiu en Tarragona á Asemblea de Alcaldes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.
O grupo popular critica que dende o Goberno local se puxera de escusa a celebración do pleno municipal para xustificar a ausencia de Santiago, cando o pleno foi o luns nove e dita reunión onte martes; e cualifica de lamentable as mentiras do goberno. Para os populares este feito é moi grave, polo que insta ao Goberno local a que explique de inmediato os motivos polos que ninguneou este evento.
A Asociación de Municipios do Camiño, que conta con representantes de 26 municipios vinculados ao Camiño de Santiago Francés, entre eles Santiago de Compostela, ten coma obxectivo establecer relacións de cooperación entre localidades que conforman a ruta xacobea, que sirvan para promover e poñer en marcha proxectos de interese común, así como de colaboración coas respectivas administracións locais, autonómicas e estatais na protección e promoción do Camiño Francés. Para os populares, é inconcibible esta ausencia, debido ao moito que ten que dicir e aportar Santiago sobre a Ruta Xacobea. “Compostela Aberta segue sen saber cales son as prioridades para Santiago. Segue primando as reunións coas cidades rebeldes en lugar de defender os intereses do concello”, lamentan.
Para os populares, unha das consecuencias da ausencia de Santiago na sesión constitutiva de onte foi a elección de León como a cidade que albergue a próxima reunión da asociación, que terá lugar o próximo mes de febreiro, e onde se nomearán aos membros definitivos da Xunta Directiva. “Evidentemente, o alcalde de León fixo o que debería ter feito o alcalde de Santiago, defender por riba de todo os intereses da súa cidade”, denuncian. O grupo popular insta ao actual alcalde a que se poña a traballar e non poña en risco o liderado de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario