Editorial Galaxia - Presentación en Compostela de "Os elefantes de Sokúrov" de Antón Riveiro Coello

Amor en tempos de crise

Amor, suicidio, crise económica, arte, memoria e solidariedade protagonizan Os elefantes de Sokúrov, que se presentará este mércores 11 en Compostela e o vindeiro xoves 19 en Pontevedra

Antón Riveiro Coello presenta a súa última novela, Os elefantes de Sokúrov, este mércores día 11 ás 20h na libraría Couceiro de Compostela, acompañado por Xesús Laíño, Xerardo AgraFoxo e Víctor F. Freixanes. Os elefantes de Sokúrov conta a historia de Janis, quen na Compostela de 2012 se enfronta a un difícil presente, o da crise económica, ao tempo que sente a necesidade de coñecer o seu pasado, as razóns dunha existencia da que non albisca futuro. Riveiro Coello cédelles nesta súa esperada nova novela a palabra aos personaxes para relatar unha historia de amor, suicidio, crise económica, creación, memoria e solidariedade. Trátase dunha historia coral na que a cidade de Santiago de Compostela ten, tamén, un papel protagonista. 

Moi poucos novelistas conseguen transformar temas de actualidade coma os problemas da vellez, os desafiuzamentos, o traballo precario da mocidade e a pobreza nas rúas nun relato sobre o esencial da vida humana. Riveiro Coello é quen de o facer ao incrementar a capacidade de atracción das reviravoltas dunha trama coidada en todos os seus pormenores, co engado duns personaxes trazados de maneira vívida e cuns recursos literarios nos que a metáfora e o símbolo están ao servizo da narración. Os elefantes de Sokúrov é unha gran novela sobre o presente porque, desde o actual, nos fai concibir o tempo todo como un senso que libera.

Ningún comentario: