Ateneo de Santiago - Os luns do Ateneo: “O artista proteico. A propósito do centenario de Orson Welles”

Hoxe luns 9 de novembro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Arte, Educación e Cultura titulada “O artista proteico. A propósito do centenario de Orson Welles”, que estará impartida por D. Xosé Nogueira Otero, Profesor de Historia do Cinema da Universidade de Santiago.

Xosé Nogueira Otero é Doutor en Historia da Arte (Historia do Cinema) pola USC. Desempeña a súa tarefa docente no Departamento de Historia da Arte da USC, onde exerce dende 1997, actualmente dentro do Seminario de Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais. Foi profesor invitado nas Universidades de Oviedo e Bourgogne e ten exercido como poñente e conferenciante en máis de cincuenta Cursos, Seminarios, Foros, Congresos e Xornadas celebrados en diversos lugares de Galicia, España, Portugal e Francia. Impartiu ou imparte docencia en varios másteres oficiais da USC sobre arte, literatura e patrimonio e xestión cultural e dirixiu os cursos da Universidade de Verán da USC “Cine e Nación” e “Televisión e Ficción”. As súas liñas preferentes de investigación son a historia do cine galego e español, as conexións entre historia e cine, a natureza da imaxe audiovisual contemporánea e as relacións entre o cinema e as demais artes. É membro da Asociación Española de Historiadores do Cine (AEHC) e de HISPANÍSTICA XX. Centre d’Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siècle (Université de Bourgogne) así como Secretario do Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS). Colaborador en diversas publicacións especializadas no ámbito das artes e do audiovisual, é autor de O cine en Galicia (1997), coeditor de varios libros sobre cine e coordinador de dúas entregas monográficas da revista Grial, ademais de ter participado en numerosas obras colectivas relacionadas co cinema e as artes audiovisuais.

Ningún comentario: