A concelleira de Comercio, Katia Procino, cualificou de lamentable que aos membros do Partido Popular lles estea custando tanto manter un mínimo nivel de traballo no Concello de Lalín. A edil afirma que “só de esta maneira se entende que os populares lle solicitasen ao Goberno municipal que os dote nos próximos orzamentos dun administrativo que lles faga o traballo que 10 persoas semellan non ser capaces de facer”.
De aí que Procino entenda tamén como “moi sufrida” a situación de concelleiros como José Antonio Varela. “Pouco antes das eleccións `Pincho´presumía de que a súa formación sacaría 16 representantes, ao tempo que se despedía dos seus compañeiros de traballo porque, segundo el, ía ter unha dedicación exclusiva no concello”.
Finalmente pídelle á oposición do PP que “poña os pés na terra e que traballe un mínimo para facer que o que cobran pola asistencia aos plenos e ás comisións non supoña un fraude á cidadanía e que esta situación se lles teña que solucionar cun administrativo a soldo pagado do peto dos lalinenses”. A concelleira de Comercio, Katia Procino, remarcou para rematar que “o Partido Popular de Lalín se debe adaptar aos novos tempos da democracia, nos que as enquisas deixan claro que a día de hoxe, o Goberno actual contaría co maior apoio debido ao seu bo facer”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario