BRION - PARQUE BIOSALUDABLE


O CONCELLO DE BRIÓN PON EN MARCHA NA RÚA DAS PEDRIÑAS O PRIMEIRO PARQUE BIOSAUDABLE DO MUNICIPIO CON SETE MÁQUINAS PARA OS MAIORES

Xa están en marcha as obras do segundo parque biosaudable, que estará situado na gran área de ocio de Lamiño

15 de novembro de 2010.- O Concello de Brión vén de inaugurar o primeiro parque biosaudable do municipio, situado na rúa das Pedriñas (Pedrouzos), e que conta con sete máquinas para que os maiores brioneses poidan facer exercicio de xeito saudable. O “Parque Biosaudable Rúa das Pedriñas” está situado nun punto estratéxico do municipio: entre o centro de saúde e o centro social polivalente, que concentra as actividades organizadas polo Concello de Brión para a terceira idade nas que participan máis de douscentos veciños.

O parque conta con sete máquinas deseñadas para a súa utilización por persoas adultas, especialmente xente da terceira idade: pedais, balance, esquí, poni, surf, cintura e temón. As máquinas poden ser utilizadas polos veciños e veciñas de Brión cando e cantas veces queiran, se ben dende o Concello de Brión recomendan que cadaquén consulte ao seu médico antes de utilizalas.

Recomendacións de seguridade

Cada unha delas está preparada para exercitar unha parte concreta do corpo e todas elas xeran importantes beneficios tanto musculares como cardiorrespiratorios para os usuarios. Iso si, o Concello de Brión instalou canda os aparellos dous carteis informativos para a correcta utilización dos aparellos e recomenda que se deteña o exercicio se aparecen síntomas como cansanzo intenso, dor no peito ou palpitacións.

De feito, cada máquina ten un texto informativo que explica non só os músculos que exercita e os beneficios que aporta, senón tamén as instrucións para o seu uso. Un exemplo, no caso dos Pedais infórmase de que exercita as extremidades inferiores, mellorando a circulación, aliviando dores, evitando a retención de líquidos e relaxando o corpo. Para o seu uso, recoméndase sentarse e pedalear a ritmo cómodo, sen chegar a cansarse.

Así, cada unha das sete máquinas do “Parque Biosaudable Rúa das Pedriñas” está pensada para exercitar unha parte do corpo. Mentres o Balance fortalece e mellora a axilidade de nocellos e xeonllos, o Poni fortalece a musculatura de brazos e pernas mellorando as funcións cardíaca e pulmonar. O Temón serve para a rehabilitación de extremidades, mentras que o Cintura permite reforzar a musculatura lumbar e abdominal. Finalmente, o Surf exercita a columna e a cadeira mentres que o Esquí fortalece os músculas das extremidades e da cintura, mellorando ambos as funcións cardíaca e pulmonar.

Ao ser un espazo saudable, o “Parque Biosaudable Rúa das Pedriñas” conta tamén cun panel informativo da Fundación Deporte Galego, da Xunta de Galicia, e do Concello de Brión que ofrecen recomendacións a seguir para a práctica de exercicio físico saudable. Así, recoméndase non utilizar estas máquinas sen antes ter feito uns exercicios de quecemento, como camiñar 5 minutos a ritmo medio e facer 2 minutos de exercicios de elasticidade muscular.

Así mesmo, recomenda sesións de entre 20 e 60 minutos (cinco días á semana) nos aparellos destinados a exercicios cardiorrespiratorios (como o Surf, o Esquí ou o Poni) e sesións de forza de 20 ou 30 minutos (2 ou 3 días á semana) nas demáis máquinas (Pedais, Balance, Temón e Cintura). En ambos casos, recomenda facer exercicios de baixa intensidade e en quendas de 10 minutos. Finalmente, lembra a importancia de facer uns exercicios para estirar os músculos unha vez rematado o uso das máquinas do “Parque Biosaudable Rúa das Pedriñas”.

Segundo parque

 O “Parque Biosaudable Rúa das Pedriñas” é a primeira iniciativa deste tipo que se acomete no municipio de Brión, se ben dende o Concello brionés xa está proxectado un segundo parque biosaudable para a terceira idade dentro da gran área de ocio que está a construír en Lamiño.

Unhas obras que tamén inclúen un parque infantil e unha pista de skate para a mocidade e para as que o Concello de Brión conta cunha subvención de 100.032 euros da Deputación Provincial da Coruña. Na actualidade, xa están rematados os traballos de construción do parque infantil e agárdase que as obras de construción do parque biosaudable e da pista de skate poidan comezar en breve. 


Ningún comentario: