ames - comunicado alcaldia sobre servia


COMUNICADO DE ALCALDÍA

O meu obxectivo era restablecer o servizo e sacar o lixo das rúas e iso conseguino plenamente

·         Estou disposto a defender a miña actuación alí onde sexa necesario e se o comité de empresa de Servia non inicia accións xudiciais fareino eu mesmo.
·         O meu enfrontamento non foi cos sindicatos, aos que lles teño un profundo respecto institucional, senón cun axitador político-sindical pasado de revolucións que actúa baixo as siglas da CIG.
·         Eu débome á defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Ames que me pediron unha actuación firme e contundente.

Ante o anuncio que fixo onte en rolda de prensa o comité de empresa da planta de Servia para explicar que nos próximos días van presentar unha denuncia por vía penal contra o alcalde de Ames, Carlos Fernández, ao que acusan “de vulnerar o dereito á folga dos traballadores por empregar unha empresa pública para recoller o lixo das principais rúas de Bertamiráns e do Milladoiro”, o rexedor municipal quere deixar claro que se vai defender “con uñas e dentes para explicar a postura que adoptei”.
O rexedor municipal comeza dicindo que “se chegaran a formular algún tipo demanda por poñer en marcha un operativo especial de recollida de lixo eu comparecerei, sen dúbida algunha, na defensa da miña postura. No caso de que o comité de empresa non emprenda accións xudiciais e todo quede nun anuncio froito da tensión do momento, eu mesmo iniciarei accións xudiciais polo abandono dun servizo básico para a cidadanía”. Fernández aínda recalca máis a súa postura e incide en que “estou tan convencido de que a miña actuación foi totalmente correcta que se eles non emprenden accións xudiciais estou disposto a facelo eu”.
Os argumentos que expón o rexedor municipal na súa defensa son claros e contundentes xa que se basea en informes xurídicos, en varios comunicados da Mancomunidade Serra do Barbanza, FCC SA e do valedor do pobo e tendo en conta o claro abandono dun servizo básico para a cidadanía como é a recollida do lixo. Carlos Fernández explica que “porei a disposición dos xuíces se fose preciso todos os argumentos que me levaron a ordenar a retirada do lixo ante o abandono deste servizo durante case unha semana”.
O rexedor municipal engade que “eu sabía que o comité de empresa de Servia tiña que recuar si ou si porque eran conscientes da ilegalidade desta folga. O xoves, ás 19:57 horas, e antes de que comezase o pleno extraordinario recibín unha mensaxe que me anunciaba que se ía desconvocar a folga. De feito o Pleno rematou á media noite e dúas horas antes os camións xa estaban recollendo o lixo en Ames”.
- Carlos Fernández detalla a continuación cales foron os seus argumentos para organizar un operativo especial de recollida do lixo:
Primeiro: Os informes xurídicos avalan a miña actuación e inciden en que a “folga” que viña desenvolvendo o comité de empresa de Servia era claramente “ilegal”. O primeiro informe fala de que o comité de empresa non se acolleu ao ámbito concreto e determinado da Mancomunidade Serra do Barbanza coa subseguinte decisión de delimitar a folga a só dous concellos integrados na propia Mancomunidade. Polo tanto “esta folga non ten respaldo algún e deixa desamparada de causa lexítima o cesamento das obrigas derivadas do centro de traballo, de forma que a falta de asistencia ao traballo convértense en infraccións que deberían de ser corrixidas pola aplicación do réxime disciplinario e sancionador”.
No segundo informe xurídico recóllese que “o que en realidade se está producindo é un manifesto fraude da lei consistente en formular unha folga co único fin de presionar aos Concellos de Ames e Carnota, que non se pregarán ante unhas pretensións de natureza política formuladas polos traballadores con invasión do ámbito natural das decisións empresariais”.
Segundo: A propia Mancomunidade Serra do Barbanza declarou nun escrito dirixido á empresa concesionaria do servizo. FCC SA, o día 16 de novembro de 2010, que “a folga é ilegal e inxustificada cando se inicie ou sosteña por motivos políticos ou calquera outra finalidade allea aos intereses dos traballadores afectados”. Este comunicado está asinado polo presidente da Mancomunidade, Domingos Dosil Cubelo. Este mesmo escrito remata requirindo á empresa FCC SA, na súa calidade de concesionaria do servizo público, para que volva a retomar a súa actividade nos Concellos de Ames e Carnota, sen prexuízo de adoptar medidas sancionadoras ou doutra orde se fosen procedentes.
Terceiro: A propia empresa FCC SA dirixiu un escrito ao comité de empresa o pasado 12 de novembro de 2010 afirmando que “a situación de folga latente que o comité de empresa plantexa é ilegal xa que o paro na prestación do servizo afecta a unha empresa encargada dun servizo público. Ao mesmo tempo advírtelle ao propio comité de empresa que de levarse a cabo a devandita folga poderanse aplicar medidas sancionadoras como falta moi grave coas consecuencias inherentes que iso ocasiona”.
Cuarto: A situación de abandono dun servizo básico para a cidadanía que ten consecuencias no tocante ás condicións hixiénico-sanitarias das nosas rúas e para centenares de veciños/as do noso concello, que reclamaban unha actuación co fin de acabar cos efectos negativos e nocivos que estaba tendo a falta de recollida do lixo para a súa calidade de vida, hixiene e salubridade pública e para os intereses dos comerciantes, hostaleiros, e do persoal que traballa no sector servizos, que esixían unha resposta contundente da Administración municipal.
Quinto: Resultou definitivo para avalar e incentivar a decisión municipal de poñer en marcha un operativo de recollida de lixo un escrito emitido polo valedor do pobo con data de 18 de novembro de 2010 no que se afirmaba “a situación conflitiva actualmente non garante a prestación dun servizo municipal básico para a cidadanía amiense que afecta a salubridade e ao ornato publico”. Este comunicado remataba pedíndolle ao alcalde que lle facilitase “información sobre as actuacións programadas para paliar os efectos nocivos derivados de sete xornadas de folga no sector”.

Ningún comentario: