PP SANTIAGO - AVE A LAVACOLLA


Conde Roa anuncia o terceiro foro do PP sobre o futuro de Lavacolla
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Javier Sánchez-Agustino, presentou hoxe unha proposición ó pleno co obxecto de instar ó Ministerio de Fomento a encargar o proxecto de conexión ferroviaria ó aeroporto de Lavacolla. Será debatida no pleno ordinario do día 25 deste mes.
Sánchez-Agustino compareceu na rolda de prensa acompañado polo voceiro, Xerardo Conde Roa, insistindo na importancia da aprobación desta iniciativa, unha vez acadado o compromiso da Xunta para poñer o día o estudio de viabilidade, cuio custo se inclúe no orzamento do 2011.
Para o Grupo Municipal Popular, este tipo de iniciativas son importantes para superar as “pelexas entre tres galos” -en referencia á reunión do Comité de Rutas de onte- e avanzar no obxectivo de dotar o aeroporto compostelán das infraestruturas necesarias que o convertan no de referencia para o norte de España e mesmo para o sur de Europa, e como plataforma intercontinental de conexión co continente americano.
Por este motivo, o voceiro popular anunciaba na rolda de prensa que o PP adicará o terceiro Foro Cidadán ó futuro do aeroporto, no que defenderá que o enlace do Ave a Lavacolla sexa un hito fundamental para a cidade.
Neste senso subliñou que está claro que o trato hacia Lavacolla ten que ser diferente ós outros dous aeroportos porque os nosos problemas son diferentes e porque os datos do Consello Económico e Social xa indican que o aeroporto compostelán segue a ser o que acolle maior número de viaxeiros, case o 50% dos que se acerca a Galicia, e o 70% do tráfico de mercancias.
“Fronte a liorta permanente dos tres alcaldes socialistas, o Grupo Municipal Popular segue apostando na dirección de mellorar as infraestruturas para posicionar ó aeroporto compostelán como unha futura plataforma continental de conexión con Norteamérica e mesmo con Iberoamérica”, dixo Sánchez-Agustino.
Por este motivo, consideran necesario que se encargue o proxecto de conexión ferroviaria ó aeroporto, como medida necesaria para competir con Oporto. Na actualidade somente 8,7 km. separan as dúas infraestruturas que o concelleiro popular cualificou como “distancia ridícula”.
Para o concelleiro popular “mentras Bugallo anda despistado e entretido cos voos de baixo custo”, o grupo popular considera que é necesario pelexar por esta infraestrutura ferroviaria e rescatar o estudio do ano 1996 no que se concluía a súa absoluta viabilidade.
Concretamente, foi no mes de xullo de 1996, no que a Xunta de Galicia redactaba un estudio sobre dita conexión que concluía favorablemente nesa dirección de intermodalidade, estimando factible o enlace ferrroviario.
Recentemente a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, asumíu o compromiso de actualizar o referido estudio ó fin de adaptalo ás circunstancias estructurais, tecnolóxicas, económicas e mesmo estatísticas actuais, de xeito que poidamos afrontar a curto prazo a redacción dun proxecto que achegue loxísticamente Lavacolla ós viaxeiros e usuarios.
Por este motivo, consideran que agora é necesario instar tamén ó Ministerio de Fomento, principal ente competencial nas infraestruturas estatais, sendo necesario que dende o Concello e polo seu pleno se inste a dita administración co efecto de que, con apoio no devandito estudio de viabilidade de inicio á redacción dos traballos necesarios para a redacción e posterior execución do proxecto de conexión ferroviaria.

Ningún comentario: