AMES - PROGRAMA REFORZO EDUCATIVO


Ponse en marcha unha nova edición do programa de reforzo educativo
A Concellaría de Mocidade pon en marcha un ano máis unha actividade de reforzo educativo dirixida aos rapaces e as rapazas de Ames. Esta iniciativa forma parte do programa “Apertura de centros públicos fóra do horario lectivo”, coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Está dirixido ao alumnado de terceiro ciclo de Primaria e Secundaria. Deste xeito ofréceselle a posibilidade a todos os rapaces e rapazas de complementar os seus estudos con clases de apoio encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado. Esta actividade desenvolverase ao longo de todo o curso no CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta, IES de Ames e na Casa da Casa da Cultura Milladoiro.
As actividades de reforzo educativo teñen unha importante demanda entre o alumnado amiense, que a través deste programa aprenden a establecer uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos seus estudos. Nas aulas de reforzo educativo trabállanse aspectos como a preparación de probas e traballos académicos ou a motivación para potenciar o rendemento. Ademais, trabállase no apoio das materias necesarias e a resolución de dúbidas sobre as materias académicas.
O reforzo educativo impartirase en catro puntos do concello para ampliar ao máximo a súa cobertura. No CEIP Agro do Muíño terá lugar os martes entre as 16:30 h. e as 18:30 horas. No CEIP Barouta será os mércores tamén entre as 16:30 h. e as 18:30 horas. No IES de Ames os xoves de 16:30 h. a 18:30 horas. Mentres que na Casa da Cultura do Milladoiro acolleranse actividades de reforzo para alumnado de primaria os martes entre as 17:30 h. e as 18:30 horas, e os xoves entre as 18:00 h. e as 19:00 horas. Para os alumnos de secundaria, as actividades desenvolveranse os luns e os venres entre as 16:30 h. e as 17:30 horas.
A estas actividades poden acudir todos os alumnos que están matriculados nalgún centro de ensino de Ames, pero tamén está aberto para calquera mozo ou moza que resida nalgunha localidade veciña. O alumnado pode achegarse ao punto que máis lles conveña. Ademais todos aqueles alumnos e alumnas do Milladoiro que cursan os seus estudos no IES Eduardo Pondal poden participar neste programa de reforzo educativo. Esta actividade está destinado ao alumnado de terceiro ciclo de Primaria e Secundaria.
As follas de inscrición xa están dispoñibles para os alumnos interesados en todos os centros educativos do concello (CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta, CEIP A Maía, CEP Ventín e IES de Ames) que se encargarán do seu reparto e posterior recollida. Os alumnos interesados poden solicitar a súa folla de inscrición na conserxería ou dirección do centro e entregala no mesmo lugar. Tamén se poderán recoller e facer a súa entrega na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Dende esta semana o punto de información xuvenil presta o seu servizo en Bertamiráns e no Milladoiro. A persoa encargada de xestionar a OMIX estará na Casa do Concello, en Bertamiráns, os luns, mércores e xoves, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, mentres que na Casa da Cultura do Milladoiro estará os martes e os venres no mesmo horario.
As persoas interesadas que desexen máis información poden poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Casa do Concello de Bertamiráns, enviar un correo electrónico a omix@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 981 883 002.

Ningún comentario: