MELIDE - MELLORA EN DISTINTAS RUAS


Nova dotación de alumeado na Ronda de Pontevedra de Melide

·         O Concello vén de iniciar tamén as obras da segunda fase do alumeado da Avenida de Toques e Friol.

·         O proxecto, que inclúe as actuacións nas dúas rúas, ten un presuposto de 79.000 euros, con cargo ao POS 2010.

O Concello de Melide iniciou estes días a segunda fase das obras da mellora da iluminación na Avenida de Toques e Friol, que nesta segunda actuación afecta a un treito de 215 metros e supón a colocación de 16 farolas novas.

O concelleiro responsable desta área, Manuel Prado, destacou que “a mellora da calidade lumínica e da seguridade viaria nesta zona é considerable, posto que imos dotar de alumeado a todo un treito que ata o momento carecía del en toda unha marxe, e que contaba con puntos illados e insuficientes na outra, a pesares de atoparse preto do centro urbano de Melide”.

Na Avenida de Toques e Friol desenvolvérase o pasado verán a primeira fase do proxecto de iluminación da rúa con cargo ao Fondo Estatal, cun investimento de 80.000 euros. Nesta ocasión, o proxecto comprende a segunda fase da mellora de iluminación desta avenida, e tamén unha actuación na Ronda de Pontevedra. En total, 79.000 euros que o Concello de Melide incluíu no Plan de Obras e Servizos da Deputación de 2010.

Actuación na Ronda de Pontevedra.
A segunda parte deste proxecto, que xa está en execución, afectou á mellora da calidade lumínica e á eficiencia enerxética na Ronda de Pontevedra. Nesta rúa, na estrada AC-840, instaláranse cinco novos puntos de luz de dobre foco dende a intersección coa rúa Rocamador ata a intersección coa rúa Eduardo M. Turner, nun treito duns 150 metros. Neste traxecto, existían farolas en só unha das marxes da rúa, mantendo totalmente a escuras aos edificios construídos na outra marxe da rúa, unha das principais de Melide.

O concelleiro responsable destas actuacións destacou que “nestes últimos tres anos estamos renovando case por completo toda a iluminación do centro de Melide, dotando moitas rúas de puntos de luz dos que antes carecían e investindo nunha planificación de aforro enerxético que mellorará a calidade de vida en Melide a curto e longo prazo”.



Ningún comentario: