O Concello de Ames contribúe con preto de 4.000
euros ao proxecto do Fondo Galego no Haití
O Concello de Ames achegou 3.810
euros á intervención de post-emerxencia que o Fondo Galego de Cooperación e
Solidariedade vén de pór en marcha no Haití. O proxecto permitirá, entre outras
cuestións, formar preto dun cento de persoas en técnicas de construción
antisísmicas e anticiclónicas con materiais tradicionais. A iniciativa,
formulada canda o Fons Català de Cooperació, desenvolverase nos municipios de
Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira nordeste coa República
Dominicana. A entidade municipalista achega 160.000 euros procedentes de
diversas administracións sociais e algúns cidadáns que realizaron as súas
doazóns a través da conta de emerxencia aberta tras o devastador terremoto do
pasado 12 de xaneiro.
O Concello de Ames, como membro do Fondo Galego de
Cooperación e Solidariedade, está participando na reconstrución de Haití. Para
iso realizáronse numerosas iniciativas co obxectivo de recadar fondos para
axudar aos damnificados do terremoto que o pasado 12 de xaneiro afectou a esta
illa do Caribe. A corporación municipal quixo solidarizarse coas vítimas
haitianas e no Pleno do mes de xaneiro acordaron doar os honorarios, que
reciben por asistir á sesión plenaria, ao Fondo Galego de Cooperación e
Solidaridade. Os concelleiros e concelleiras amienses mostraron así o seu lado
máis solidario cos que máis o necesitan, nun momento tan difícil no que a
poboación haitiana quedou practicamente sen nada. A través deste acordo
recadáronse un total de 2.310 euros. A esta contía hai que engadirlle 1.500
euros que foron enviados por parte do Concello de Ames no mes de xaneiro, días
despois de que se producise esta catástrofe natural.
O proxecto de apoio ao desenvolvemento local
presentado polo Fondo Galego actúa en varias frontes co fin de crear
capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación en
equilibrio coa natureza, e así disipar os riscos e mitigar os desastres
provocados polos fenómenos naturais na illa caribeña. Trátase, en definitiva,
de apoiar as institucións e ás organizacións sociais para fortalecer a súa
capacidade de desenvolveren plans de acción que disipen esa vulnerabilidade,
aplicando políticas para o uso e ocupación do solo e sensibilizando á cidadanía
para unha axeitada xestión da terra.
Para conseguilo, dunha banda impulsarase un
programa intermunicipal de concertación de políticas públicas arredor de
cuestións como a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o
crecemento económico e a prevención de riscos. Tamén se adaptarán os plans de
estudos que afectan aos 60 alumnos do Centro de Formación Profesional de Carice
de acordo aos novos retos nas disciplinas de agroecoloxía, construción local
adaptada, socio-administración e economía social.
Ao mesmo tempo, construirase un centro polivalente
intermunicipal que se constituirá como un espazo intercomunal para o
desenvolvemento local. Erguerase con estruturas e materiais resistentes aos
terremotos e os furacáns que terán en conta a recuperación do medio ambiente e
o emprego de elementos tradicionais. Entre eles destacan a arxila e o bambú,
principalmente a clase chamada ‘guadua’, tamén coñecida como ‘aceiro vexetal’,
que está a dar excelentes resultados noutros países de tradición sísmica. De
xeito paralelo impartirase un taller sobre economía social e fortaleceranse as
capacidades dos produtores coa plantación de bambú e outras especies vexetais,
a transformación da arxila ou a reciclaxe de materiais para a construción. A
edificación resultante será un exemplo para futuras vivendas na zona e servirá
como práctica para unhas 90 persoas que sairán graduadas en construción.
A iniciativa cofinanciada en Haití polo Fondo
Galego de Cooperación permitirá obter máis melloras. Crearase un sistema de
información intercomunal en base á vulnerabilidade da poboación en relación aos
riscos e desastres que implicará aos comités de Protección Civil de cada un dos
tres municipios. En total, calcúlase que o proxecto completo repercutirá sobre
preto de 500 beneficiarias e beneficiarios que se seleccionaron tendo en conta,
entre outros, criterios de equidade territorial urbano-rural e de equidade de
xénero. Son institucións, organizacións locais, profesionais e estudantes,
aínda que se considera que indirectamente os efectos positivos repercutirán
sobre os 64.000 habitantes que suman Carice, Vallières e Monbin Crochu.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é
unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de
Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e
concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao
desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e
transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un
verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización
da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten
desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado
multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes
entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do
pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor
capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de
Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou
Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de
2009). Na actualidade mantén aberta a conta de emerxencia para a reconstrución
do Haití.
Ningún comentario:
Publicar un comentario