A Biblioteca municipal de Ames chega aos 5.000
asociados
O día 10 de novembro de 2010 a
Biblioteca Municipal acadou a cifra de 5.000 persoas asociadas. Esta cantidade
correspóndese co 17% da poboación que está censada actualmente no Padrón
municipal que se sitúa nos 28.955 habitantes. Un 93% do total son persoas
censadas no Concello, e o resto doutras partes de Galicia e mesmo de España.
Case un 60% son mulleres. A biblioteca de Bertamiráns comezou a funcionar no
ano 1996, mentres que a do Milladoiro abriu as súas portas en 1998. En 2005 as
dúas bibliotecas unificáronse nunha soa para funcionar de xeito conxunto. No
que vai de ano rexistráronse 583 novos socios/as.
Vivimos na era da información e o papel que xogan
as bibliotecas municipais é fundamental para facilitarlle a toda a veciñanza o
acceso tanto a libros como a prensa diaria. O Concello de Ames dispón de dúas
bibliotecas municipais, unha situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, e outra
na rúa da Raxoeira, no Milladoiro. A biblioteca de Bertamiráns comezou a
funcionar no ano 1996, mentres que a do Milladoiro abriu as súas portas en
1998. En 2005 as dúas bibliotecas unificáronse nunha soa para funcionar de
xeito conxunto. A partir dese momento comezou a contabilizarse o número de
socios/as das dúas bibliotecas como se fose un único servizo.
No que vai de ano rexistráronse 583 novos
socios/as. Estas novas altas engadidas as que xa había fixo que a Biblioteca
municipal de Ames chegase aos 5.000 asociados. Cada tres anos depurase a base
de datos de socios/as e as persoas que non actualizan o seu carné durante ese
período son dadas de baixa. Así, o ano pasado déronse de baixa arredor de 700
socios. Este ano, ademais de recuperar eses 700 socios, déronse de alta 583
persoas.
Neste momento a Biblioteca Municipal de Ames ten,
coas 5.000 persoas asociadas, o equivalente a un 17% da poboación actual do
Concello. Sen embargo, aínda que esta cantidade se corresponde cunha porcentaxe
sobre a poboación total do concello, non debemos esquecer que moitas das
persoas atendidas non pertencen ao concello de Ames, senón que son dalgúns dos
concellos limítrofes e mesmo doutros de Galicia e de España.
Do total de persoas asociadas, 4.640 están
censadas en Ames (93% do total de socios/as) e 360 usuarios/as, que se
corresponde co 7% restante, proceden doutros concellos próximos ou mesmo de
España que empregan aínda así o noso servizo de bibliotecas. De fóra de Ames, a
meirande parte dos usuarios proceden de Brión (127 persoas asociadas que
representan o 2,5% do total de socios), de Teo (103 persoas asociadas que
representan o 2,1% do total de socios) e de Santiago de Compostela (68 persoas
asociadas que representan o 1,4% do total de socios), por esa orde.
Tamén hai 22 socias e socios doutros concellos da
comarca como A Baña, Negreira, Padrón e Rois. De Concellos máis afastados hai
34 socios, e de fóra de Galicia 6. Estes dous últimos datos corresponden sobre
todo a persoas que acostuman a utilizar a biblioteca durante os meses de verán.
Ademais do total de asociados 7 corresponden a socios institucionais e o resto
a socios persoais.
Clasificación por xénero
É notábel o número de mulleres fronte ao de homes.
Así, dos 5.000 socios/as, 2.932 persoas (58'7%) son mulleres fronte aos 2.061
homes que representan o 41,3%. Se temos en conta os nenos e nenas que teñen ata
14 anos o 49,5% (758) son nenas e o 50,5% (773) nenos. En canto aos maiores de
14 anos, o 62,6% (2.168) son mulleres e o 37,4% (1.294) son homes.
Por idades 1.531 son nenos e nenas de ata 14 anos,
que representan o 30,6% sobre o total de socios, e 3.462 son xoves e adultos
maiores de 14 anos (59,4%). Como dato curioso podemos citar que o usuario máis
novo é unha nena que ten un mes de vida, mentres que o máis vello é un home de
79 anos nado no ano 1921.
Entre as persoas adultas existe unha porcentaxe
importante de socios/as con NIE non español, é dicir doutros países europeos e
extra-comunitarios que se corresponde co 7,7% do total. Non se pode especificar
esta cifra para menores de 16 anos xa que a estes non se lle esixe presentar
copia do documento de identidade para poder expedir o carné de socio. Da mesma
maneira descoñecemos con exactitude os estados de orixe destas persoas xa que
na ficha de inscrición non se solicita.
Así, na Biblioteca Municipal hai socios e socias
de países europeos como Portugal, Gran Bretaña, Italia, Bélxica, Países Baixos,
Romanía, Rusia ou mesmo China, Taiwán, Marrocos e Angola. Tamén hai persoas de
practicamente todos os países de Latinoamérica. Por todos é sabido que o
concello amiense sitúase bastante por encima da media galega en porcentaxe de
poboación inmigrante, chegando ao 6.20 % da súa poboación total. Isto supón
preto de 1.800 estranxeiros empadroados no concello, ademais dos retornados.
Concretamente son 1.779 as persoas estranxeiras que figuran censadas no padrón
municipal dun total de 28.736 habitantes. Uns 470 son estranxeiros comunitarios
mentres que 1.309 son estranxeiros non comunitarios.
Esta información provén de datos actualizados e
correspóndese cos usuarios que recibiron ou renovaron o seu carné de socio nos
últimos tres anos. Ademais do servizo de préstamos de documentos, a biblioteca
dispón doutras numerosas actividades. Co lema "Conto, contas, contan...
Cantos contos contas ti?" os amienses poden participar en diferentes
actividades enmarcadas dentro do programa de achegamento ao hábito de lectura
con unha serie de obradoiros e visitas organizados polas bibliotecas
municipais.
A Biblioteca de Ames conta cun dos catálogos máis
consultado dentro da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta conexión permite
intercambiar información con outros centros grazas aos préstamos
interbibliotecarios a nivel autonómico pero tamén nacional e incluso
internacional. Desta forma, os usuarios poden gozar dunha oferta aínda maior
para satisfacer a súa necesidade de lectura e ocio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario