FRADES - POS 2011


FRADES INVESTIRÁ OS 209.000 EUROS DO POS 2011 EN OBRAS DE REPARACIÓN DE PISTAS, ABASTECEMENTO DE AUGA E ALUMEADO PÚBLICO EN TODAS AS PARROQUIAS

O pleno constituíu formalmente a comisión informativa sobre o Plan Xeral

17 de novembro de 2010.- O Concello de Frades vai investir os 209.913 euros do Plan de Obras e Servizos 2011 da Deputación da Coruña en obras de conservación e reparación de pistas, abastecemento de auga e alumeado público a realizar en todas as parroquias do municipio. Unha proposta que foi aprobada na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá e que contou cos votos a favor de PP (6) e BNG (2), e a abstención do PSOE (2).

O alcalde de Frades, Miguel Prado, sinalou que os proxectos aprobados hoxe “aínda que fabas contadas, son os máis axeitados ás necesidades actuais de Frades”. Así, a Deputación Provincial da Coruña aportará un total de 199.417 euros, aos que haberá que sumar outros 10.400 euros aportados polo Concello de Frades.

Catro proxectos

Unha cifra que inclúe a realización de catro proxectos de obras. O primeiro proxecto, cun investimento de algo máis de 51.000 euros, inclúe a conservación e arranxo de viais nas parroquias de Abellá, Papucín e Céltigos. Nel inclúense os accesos a Canedo e pistas como as que unen Carballal e Papucín, Quintá e Papucín ou Vilar e Céltigos.

O segundo proxecto, cun orzamento de máis de 52.000 euros, inclúe a conservación e reparación de viais en Ledoira, Aiazo, Galegos e Mesos. Así, o proxecto inclúe o rebacheo dun tramo de 240 metros da pista entre Ramazoas e Céltigos, o arranxo dos accesos a Quintá-Ledoira e a Vistalegre, así como a pista entre Fontelo e o límite de Aiazo.

O POS 2011 tamén permitirá o acondicionamento da área recreativa dos Pasos (Aiazo), onde cada ano a asociación de veciños do lugar celebra a “Festa da Merenda”, e a construción de 4 ramais de abastecemento de auga pendentes en Galegos, Céltigos, Ledoira e Vitre. Un proxecto que está orzamentado en algo máis de 68.000 euros.

Finalmente, o último dos proxectos incluidos no POS 2011 contempla a instalación de 23 novas unidades de alumeado público de baixo consumo en distintos puntos do municipio, así como a substitución dalgunhas farolas estropeadas. Un proxecto que suporá un investimento de 37.000 euros.

Comisión informativa

Por último, o pleno municipal aprobou por unanimidade a constitución formal da Comisión Informativa do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que xa leva varios meses operativa pero sen estar constituída formalmente. Unha comisión non permanente que está composta de acordo coa proporcionalidade de cada grupo político no pleno municipal: 3 membros do PP, 1 do BNG e 1 do PSOE.

Así, a comisión estará presidida por Ángeles Álvarez Carro (PP)xunto a: José Antonio Mosquera García (PP), Manuel Ferreiro Marzoa (PP), José María Pérez Lagos (BNG) e José Manuel González Cao (PSOE).

Ningún comentario: