Anova Boqueixón - orzamentos para un concello en estado terminal

UN ORZAMENTO PARA UN CONCELLO EN ESTADO TERMINAL
O PP aproba un orzamento rebaixado de 2.818.246,89 €, cunha redución de 452.883,16 €, un 13,84%.

Preséntase un orzamento cun incremento da presión fiscal dos veciños, sobre todo nos impostos de vehículos, auga e saneamento e prezos de servizos deportivos.

A extinción planea sobre o futuro de moitos servizos, e en caso de fallar algunha das subvencións (caso do GRUMIR), o concello verase abocado a un ERE.

O concello de Boqueixón vén de aprobar os seus orzamentos do presente ano cos votos favorables do PP, uns orzamentos que necesariamente levarán ao concello a pechar servizos, recoñecen unha importante suba na presión fiscal dos veciños, e posiblemente sexan á antesala ao ERE na administración.

Un orzamento un 14% inferior ao de 2012. O orzamento aprobado de 2.818.246,89 € é un orzamento un 14% inferior ao de 2012, mentras que tanto os gastos de persoal e correntes se incrementan, representando o 85% do total. Pola contra, os investimentos redúcense un 44% respecto a 2012 e baixan importantemente todas as partidas de conservación dos orzamentos.

Entre os feitos destacados, redúcense un 50% a aportación á ANPA para actividades extraescolares, redúcese a promoción cultural, deportiva e asociativa, e increméntanse dun xeito expoñecial os prezos públicos que os veciños e veciñas terán que pagar pola actividade cultural e deportiva (600%).

O cadro de persoal dispara os custos. Cun cadro de persoal de 53 persoas (decembro 2012) para unha poboación de 4.400 veciños e veciñas e 14 dos servizos públicos xestionados por empresas privadas (dos que destacan a axuda a domicilio, auga, saneamento, asistencia técnico – urbanística, e parte dos servizos deportivos), calquer variación nas previsións de ingresos (como pode ser a máis que probable extinción dos servizos dos GRUMIR) abocará ao concello a ter que prantexar o seu primeiro ERE para extinguir moitos contratos.

É por iso que ANOVA, na defensa dos traballadores, insistiu na necesidade de recuperar parte dos servizos externalizados como propios advertindo asemade que estas concesións administrativas están a ser en xeral os actuais focos das corrupcións políticas, como a Pokemon que salpicou ao noso concello.

Conclusión.

Preséntanse uns orzamentos que demostran un concello nun estado terminal, un concello sen iniciativa política e á espera da intervención doutras administracións públicas (Xunta e Deputación). Uns orzamentos que renuncian a calquer tipo de iniciativa de desenvolvemento económico, educativo, cultural ou turístico. E uns orzamentos claramente inxustos cos veciños e veciñas que ven como incrementa a súa presión fiscal (especialmente en vehículos, auga, saneamento e servizos deportivos).

Queda patente pois, cos orzamentos presentados, a incapacidade do novo alcalde de Boqueixón para rexir este concello.

Ningún comentario: