Amosando publicacións coa etiqueta STOPDESAHUCIOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta STOPDESAHUCIOS. Amosar todas as publicacións

Convocatoria de Stop Desahucios Compostela para mañá mércores

31/5/2016 - Ante a negativa do Banco Pastor, ou Banco Popular, de conceder a dación en pago a Mónica e Xoan vémonos na obrigación de lembrarlles que a dación en pago está recollida no Código de Boas Prácticas ao que eles voluntariamente se adheriron. Por iso Stop Desahucios Compostela fai unha convocatoria para mañá Mércores 1 de Xuño ás 10:00 R/Fonte do Santo Antonio Nº 21

Stop Desahucios - Denuncia de incumpliento dos acordos acadados

O 11 de febreiro invitouse a StopDesahucios Compostela a unha reunión cos concellos de Ames, Teo e Compostela co seguinte obxectivo: elaborar un Protocolo para a prevención de desahucios. Este protocolo debía de contar con todos os actores do proceso: servizos sociais dos concellos, colexio de Traballo Social, colexio de Psicología, colexio de Abogacía, Poder Xudicial e familias afectadas representadas por StopDesahucios.

Aínda que tendemos a un certo excepticismo dadas as resposta habituais de parcheado no canto de solución das diferentes administracións públicas, acudimos a esa primeira reunión e hoxe 1 de marzo á segunda.

Pois ben, a ningunha delas asistiu ningunha persoa do Consello Xeral do Poder Xudicial, alegando nun primeiro momento que terían que determinar que persoa acudiría e nesta segunda reunión que non facía falta que acudise ninguén deste Consello, xa que xa hai un protocolo de actuación.

Unha vez máis nos atopamos que todo se queda en papel mollado, que se asinan alegremente acordos, escríbense protocolos, se reunen sesudas persoas para pensar nas familias e no seu benestar e NON se fai nada máis.

O Acordo (http://cpapx.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=127843&name=DLFE-17835.pdf) hase incumplido, continuadamente, durante os tres anos de vixencia. Ás familias non lles chega esta información, en ningún momento xuíces e xuízas preocúpanse da situación de vulnerabilidade das familias ante unha situación de execución hipotecaria e en moi poucas ocasións ante a orde xudicial de desafiuzamento.

Estamos fartas, fartas de que non se ataque o problema de raíz; fartas de descoñecer o número de vivendas que seguen sendo utilizadas para especular e non para facer cumprir a lei do dereito real á vivenda. Fartas de regatear esforzos e recursos no realmente importante, as persoas. Persoas que son distraídas polas diferentes administracións e pola mesma banca, distraidas percorrendo protocolos que minguan forzas coa única intención de deixar o tempo pasar e de invisibilizar os problemas reais das familias reais.

Denunciamos:

- O incumplimiento do Convenio de Colaboración entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social.
- O Programa RECONDUCE da Xunta de Galicia que acumula expedientes sen darlles solución. Detrás de cada expediente hai unha familia
- A incompetencia de todas as administracións na resolución da problemática da vivenda no seu conxunto.

SI SE PODE, pero NON QUEREN

Stop Desahucios- Moción no Parlamento Galego pedindo a dación en pago retroactiva

Os grupos parlamentarios que subscriben, ao amparo do que dispón o Reglamento da Cámara, e para o seu debate e votación na Comisión de Dereitos Sociais, formulan a seguinte moción:

Exposición de motivos

A actual crise económica e o aumento do paro impatou de xeito dramático na vida de miles de persoas, que por mor das dificultades económicas sobrevidas non poden cubrir as súas necesidades máis básicas. Esta situación levou a que moitas familias non poidan facer fronte das cotas hipotecarias ou do alugueiro da vivenda habitual.
Isto traduciuse en milleiros de desafiuzamentos en todo o estado español, traduciuse nunha vulneración do dereito a unha vivenda digna de centos de milleiros de persoas, tendo que afrontar situacións de grave vulnerabilidade, precariedade extrema, pobreza e exclusión social, económica e residencial.

Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial desde 2007 ata o primeiro trimestre do 2015 producíronse no Estado Español 624.690 execucións hipotecarias, 8.178 no primeiro trimestre do 2015. A estas alarmantes cifras hanse de sumar o aumento das dificultades para afrontar o pago do alugueiro, que cada vez afecta a máis persoas. O CXPX contabilizou a preocupante cifra de 397.954 desafiuzamentos desde o inicio da crise no 2007 ata o primeiro trimestre do 2015, só no primeiro trimestre do 2015 executáronse 9.917 desafiuzamentos.

Xunto co drama dos desafiuzamentos, atopámonos con milleiros de familias que, ademais de perder a súa vivenda, quedáronse cunhas débedas hipotecarias impagables, que lles condenan para sempre á morte social. A esta práctica hipotecaria habitual e inxusta, únese que en moitos casos non só se perde a vivenda da familia afectada, senón tamén da persoa avalista, aínda que ambas sexan as vivendas habituais e únicas.

É urxente, por tanto, arbitrar unha lei de "segunda oportunidade" concretada na consideración da Dación en pago retroactiva. Así como, modificar a lei para evitar que se poida avalar coa vivenda única e habitual, o mesmo que evitar as hipotecas con avalistas cruzados, que supoñen que en caso de impago dunha hipoteca sexan 2 ou 3 as familias que perdan a súa vivenda e multiplíquese o drama habitacional.

Estamos ante unha situación de urxencia e vulnerabilidade habitacional que se incrementa pola existencia dun mercado de aluguer escaso, caro e preocupantemente especulativo debido á falta dun parque público de vivenda social, menos dun 2% da vivenda construída é vivenda pública, feito curioso que constitúe unha auténtica anomalía no contexto europeo.
Tal e como consta no Informe de Urxencia Habitacional no estado español, elaborado polo Observatorio DESC e a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, esta situación é mais terrible, se cabe, polo feito que España é o país de Europa con máis vivenda baleira, 13,7% do parque total (3 millóns e medio de pisos baleiros segundo o censo estatal de vivenda de 2011).
O art. 11 do Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, recoñece “o dereito de toda persoa a un nivel de vida adecuado para sí e a súa familia, ata alimentación, vestido e vivenda adecuados, e a unha mellora continua das condicións de existencia”.

O art. 25 da Declaración Universal de dereitos humáns recoñece que “Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais necesarios....”

No marco xurídico nacional, o artigo 47 da Constitución Española proclama o dereito a unha vivenda digna e adecuada así como o deber dos poderes públicos de promover as condicións necesarias e as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, e o artigo 33 declara a función social da vivenda.

O art. 267 do Tratado da Unión Europea declara a primacía do Dereito Comunitario (STJUE 9/3/1978, Asunto 106/ 77 caso Simmenthal) que despraza ao dereito nacional (art. 93 CE, cesión competencias en relación ao art. 96 CE, os tratados internacionais celebrados formarán parte do ordenamento interno).

En relación ao anteriormente exposto e concretando no ámbito que nos ocupa, a regulación do procedemento de execución hipotecaria na vixente Lei de Enxuizamiento Civil infrinxe, con frecuencia, a normativa comunitaria. Esta lexislación de obrigado cumprimento para un xuíz adoece dun vicio radical que determina a sua nulidade de pleno dereito. Neste sentido hai reiteradas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea

Son cada vez máis as Comunidades autónomas que aproban medidas urxentes para garantir o dereito á vivenda, medidas urxentes para afrontar a pobreza enerxética, recollendo así un clamor da cidadanía preocupada pola alarmante situación de urxencia habitacional.
Por todo iso, a Comisión de Dereitos sociais do Parlamento de Galicia ACORDA:

1.Instar ao Parlamento español e ao Goberno de España que se constitúan na próxima lexislatura, a adoptar as seguintes medidas:
Dación en pago retroactiva e condonación da débeda para os debedores hipotecarios de boa fe e en relación coa súa vivenda habitual e única. Modificar a Lei Hipotecaria e a Lei de Enxuizamento Civil.
Eliminación automática das cláusulas declaradas abusivas polas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea nos contratos hipotecarios con entidades bancarias, sen precisar de petición expresa do titular.

Stop Desahucios Compostela - Nova concentración diante do BBVA

Onte novamente volvemos ao banco a negociar con José; o resultado foi que o banco NON moveu un dedo a favor desta familia: non se paralizou a poxa prevista para dentro de dúas semanas e NON presentou ningún acordo por escrito.

O venres pasado acudimos por enésima vez; esta vez acompañábanos o concelleiro responsable de Vivenda do concello de Compostela, quen comunicou ao banco que as entidades que non cumpriran e aplicaran o Código de Boas Prácticas, no seu máis amplo senso, serían visibilizadas e retiraríase a posibilidade de pagos municipais delas.

Acordaramos que hoxe sería o día no que o proceso negociador tomaría o rumbo creíble. Pero o BBVA quéreo todo; quere os case 100.000€ que pagou José; quere a vivenda e quere deixarlle con débeda para sempre a el e ós seus avalistas.

Pois vai ser que NON. Quérennos alí diante todos os días. Pois alí estaremos. Xa vale de estafar, mentir e roubar ás familias. Xa vale de quedarse con entidades rescatadas pola cidadanía por 4€ e deixar ás familias afogadas para sempre. Xa está ben!!!

Hoxe día 24 de setembro ás 11:00 estaremos na súa porta e estaremos alí o tempo que faga falta e os días que fagan falta.
Si se pode!!! Pero non queren

Stop Desahucios - Pasamento de Carlos Midón

Na tarde do luns, 21 de setembro, cumpríndose un ano do desafiuzamento de Aríns, o afectado por aquel despexo, Carlos Midón, quitouse a vida.

Stop Desahucios Compostela lamenta profundamente que a voracidade duns poucos, a súa guerra económica contra as persoas de abaixo (non é unha crise) e as nefastas condicións psicolóxicas e vida ás que estamos sometidas a maioría social siga a levarse vidas por diante.

Mentres o desemprego, a miseria, os desafiuzamentos...existan, haberá mortes. Os reponsables teñen nombre propio.
Todo o noso apoio á familia e amizades e especialmente á María e ós seus fillos.
Que a terra te sexa leve compañeiro!!!

Stop Desahucios - Concentración mañá mércores diante da sede do BBVA na rúa da Senra

En StopDesahucios Compostela sabemos que a banca segue a manter a súa mala práxis fronte aos debedores hipotecarios.

José, como tantos galegos e galegas emigrou fai uns cantos anos buscando un traballo. Foi a Palma de Mallorca, afincouse alí e mercou vivenda (como tanta xente decatouse que pagaba menos de hipoteca que de aluguer); pero chegou a crise e quedou en desemprego e tras esgotar a súa prestación e os seus aforros deixou de poder pagar e o BBVA deulle un crédito persoal para pagar a débeda que tiña coas cotas hipotecarias e non atopou emprego e non puido pagar nin a hipoteca nin o crédito persoal. Ea débeda medraba e medraba. O banco, unha vez máis, non lle informou dos seus dereitos.

José voltou a Galicia e convive coa súa nai con minusvalía. E a vivenda quedou alí e a débeda aumentaba. Tras diversos enganos do banco, ó final chegou a execución hipotecaria. E o poder xudicial non lle deu a tempo avogado de oficio e José non podía permitirse viaxes a Palma para defenderse. E ten data de subasta en outubro.

E o banco xa ten unha oferta de compra en firme. Pola mesma vivenda vai a sumar os 100.000€ que xa pagou José, máis os 180.000€ que van pagar pola vivenda os novos compradores, máis a débeda que lle vai quedar a José.

A mediados de xullo ponse en contacto con StopDesahucios Compostela e lle informamos dos seus dereitos, e o acompañamos ó banco onde se solicitou a dación en pago xa que José e o seu avalista, un pensionista, cumpren tódolos requisitos de exclusión social.

E o BBVA respóstalle que non lle concede a dación en pago xa QUE NON TEN DEREITO, alegando unha serie de falacias e interpretacións estranas do Código de Boas Prácticas que a banca elaborou xunto co goberno.

O banco minte; o BBVA vai vender a vivenda e deixar quedar a José cunha débeda de por vida que lle impedirá poder ter un traballo e un salario xusto para sempre.

Esiximos que o banco dé dun respiro a esta familia amparada pola súa situación de risco de exclusión social.

O mércores 16 concentrámonos diante do BBVA, rúa da Senra en Compostela as 10.30 da mañá,  para esixir que cumpran a lei que eles mesmos deseñaron.

Sí se pode!!!!

Stop desahucios - Agustín Hernández insulta, dende a oposición, ás persoas afectadas polos desafiuzamentos.

Cando pensabamos que non tiñamos xa nada máis que dialogar co Partido Popular despois do seu paso á oposición, logo dunha máis que funesta etapa no goberno municipal de Compostela cunha política de costas xiradas ao drama diario da maioría da poboación, a súa prepotencia demostrou non ter fin. No día de onte, ao fío da retirada das axudas á Red Madre e outras asociacións vencelladas ao discurso antimulleres do Opus Dei, como a posta a disposición dun edificio municipal, Agustín Hernández aseveraba que o novo goberno municipal "practicaba así o seu primeiro desafiuzamento en Compostela".

Agustín Hernández decidía deliberadamente, neste exercicio de demagoxia, insultar ás persoas afectadas polos desafiuzamentos, demostrando a súa nula sensibilidade para esta traxedia social. Se non lle parecía suficiente ter colaborado activamente dende o goberno cos bancos que deixaron sen casa a centos de persoas, agora parece querer apropiarse do noso discurso para defender os privilexios da súa camarilla. Esta manobra demostra que o patanismo dalgúns políticos supera con moito o esperable.

Como toda organización democrática que se prece, Stop Desafiuzamentos Compostela oponse á posta a disposición clientelar e opaca de edificios públicos ás asociacións afíns, deporte que o PP ensaiou reiteradamente mentres negaba recursos que posibilitasen saídas habitacionais para as familias desafiuzadas. Tamén nos opoñemos á financiación pública de organizacións como a Red Madre, de destacado percorrido na agresión ao absoluto e incuestionable dereito das mulleres a decidiren o que facer co seu propio corpo, sen pedir permiso nin perdón. 

Nunha etapa como a actual, as vivendas municipais e as axudas á vivenda deben estar principalmente ao servizo das máis pobres, pois mentres non se garanta o exercicio dun dereito esencial como é o da vivenda, calquera outro destino resulta pervertir a vocación de servizo público que debería ter calquera goberno municipal. Doutra banda, no seo dunha vaga de terrorismo machista con dúcias de asasinatos, que o Partido Popular saia publicamente a defender o recorte dos nosos dereitos como mulleres non merece nin olvido, nin perdón.

Stop Desahucios Compostela - Asamblea extraordinaria

StopDesahucios Compostela convoca o domingo 31 ás 19:00 asemblea extraordinaria.
O obxectivo da asemblea é determinar que accións se van poñer en marcha de cara aos "posibles" cambios políticos que se aveciñan en Compostela e bisbarra.

Agora xa falou a xente. As persoas de Compostela e de varios municipios do ámbito decidiron que as cousas cambien, que se goberne co pobo e non contra el.
StopDesahucios vai estar vixiante e quere que antes de calquera pacto de goberno municipal entre partidos/plataformas/agrupacións se pacte coa cidadanía.

Recordaremos aos "novos" gobernos que hai unha serie de mínimos que inescusablemente deben cumprirse: Cidades e pobos libres de desafiuzamentos a familias sen alternativa habitacional. Que o fin da pobreza enerxética chegue a todas as familias. En resumo, que os dereitos humanos son de obrigado cumprimento.

Definiremos as estratexias para facer chegar estas solicitudes aos diferentes partidos, plataformas e/ou agrupacións electorais. E propoñeremos liñas de actuación para a consecución destes obxectivos.
A nosa experiencia en StopDesahucios destes case catro anos avala que se se quere se pode; que un grupo de persoas pode gañar a un poderoso banco; que a vontade do pobo ten máis poder que calquera prima de risco, que a beleza dunha cidade ou vila está no benestar básico das súas familias.

Stop desahucios - Resumo da reunión mantida o sábado pola plataforma galega

21 de febreiro

Hoxe reunímonos aquí todos os grupos de PAH e Stop Desafiuzamentos para seguir a impulsar accións conxuntas. Aínda que cada grupo de PAH ou Stop é autónomo temos por costume confluír en determinadas accións de cara a axudar ás familias. Non só todos os territorios de Galicia, tamén a nivel do Estado Español tendo lugar a próxima asemblea estatal este 7 de marzo en Xixón.

Os puntos a tratar hoxe son:

- Valoración das mobilizacións contra a Lei Mordaza: neste punto acordamos que a valoración é positiva, no sentido de que todas as distintas agrupacións nos sentimos avaladas e acompañadas pola cidadanía en xeral.

- A represión que estamos a padecer os movementos sociais: Neste punto acordamos que é necesario manifestar de xeito contundente que non poden pararnos coas súas invencións, nin coas súas multas, de tal forma que emprenderemos campañas de autoinculpacións para demostrar que tanto os membros que conformamos este movemento, coma as persoas que sen formar parte deste, simpatizan e empatizan coa causa, nos segue dando máis medo que nos boten das nosas casas que que nos peguen, nos multen ou nos xulguen por defender os dereitos humanos

- Valoración das medidas “estrela” das administracións en época electoral: dámoslle o mesmo valor que ao anterior acordo entre a Xunta, a Fegamp e o Consello Xeral do Poder Xudicial. Leis e medidas que só buscan titular en prensa e que nunca teñen un bo desenvolvemento posterior. Somos conscientes que a administración xera estes problemas cos que nos enfrontamos, sería demasiado inxenuo pola nosa banda, crer que ademais son a solución do problema

- Valoración da evolución do activismo das diversas plataformas: en todos os movementos sociais se nota certo desgaste e un, quizais, elevado optimismo e esperanzas depositadas en probables cambios gobernamentais. No noso caso, o problema da vivenda é un problema demasiado urxente e é o culmen onde todos os problemas socioeconómicos se materializan, xa que a perda da vivenda adoita ser a culminación dunha longa serie de perdas anteriores. Debemos seguir na loita, como fixemos ata agora

- Propostas de novas accións conxuntas: As novas accións conxuntas consisten en facer o seguimento das accións anteriores. Neste sentido faremos unha segunda visita aos decanos dos Xulgados esixindo que dunha vez por todas empecen a tomarse en serio as resolucións do Tribunal de Xustiza Europeo e deixen de prevaricar, non se pode poñer na rúa a unha familia sen alternativa habitacional. Por outra parte, o IGVS, ten que poñer a disposición das familias, sen máis dilación, as vivendas baleiras das que dispón; non é de recibo que a xente estea na rúa cando hai vivendas baleiras de propiedade pública.

Por outra parte, xorde a campaña de que ao igual que aos partidos políticos cuxas débedas lles son condonadas a cambio de non se sabe moi ben que, pero se imaxina, ás familias deberíanselles condonar as súas débedas. Esta campaña é a nivel estatal e coñécese como 100.000 PAHRA TOD@S

A falta de censo oficial de vivendas baleiras na comunidade autónoma e que son ou ben de titularidade pública ou ben de entidades financeiras que llelas arrebataron ás familias comprometémonos a sinalar onde localicemos este tipo de inmobles.

Como o día 15 de maio deste ano finaliza o prazo dado pola lei 1/2013 para a suspensión dos lanzamentos de colectivos especialmente vulnerables, estase a estudar, tamén a nivel estatal, por un lado o seu alto grao de incumprimento e por outro, o que se amplie este prazo.

Esbozáronse propostas para denunciar ante as entidades financeiras rescatadas con fondos públicos que seguen desafiuzando e lucrándose do desespero das familias

- Valoración dunha nova ILP: Formarase unha comisión técnica que realizará unha proposta para a súa posterior aprobación.

- Novos métodos de coordinación: A coordinación entre as distintas plataformas segue sendo importante. Máis ou menos seguiremos na mesma liña de confluír naquelas mobilizacións que requiran unha presenza colectiva importante.

Stop Desahucios - Campaña "Eu tamén estiven en Aríns" , descarga o formulario de autoinculpación

O caso da familia de Aríns iniciouse para StopDesahuciosCompostela no mes de xullo de 2014. A familia, cunha orde de desafiuzamento na man pediu a nosa axuda. Por dúas veces conseguimos paralizar este lanzamento. Pero no mes de setembro un xulgado cego e xordo e unha subdelegación do goberno sen ningún tipo de sensibilidade, unha vez máis deixou a unha familia sen casa e unha casa sen familia.
Ese día 19 de setembro un grupo de veciñas e veciños de Compostela fomos a Aríns a estar coa familia, fomos a apoiar os que perden unha das cousas máis prezadas: a vivenda construída coas súas mans.

DESCARGA O FORMULARIO
Os acontecementos dese día foron difundidos por multitude de medios de comunicación; unha actuación policial sen precedentes para StopDesahuciosCompostela, que ata ese día conseguiramos negociar con xulgados, bancos, administracións..., para que ningunha familia fose expulsada da súa vivenda sen unha alternativa ocupacional. Empuxóns, golpes, porradas, insultos, berros, identificacións, a detención do mediador de StopDesahucios e unha familia sen casa era o resultado desa xornada.

Pero parece que aos nosos gobernantes non lles chega con iso e agora pretenden que nunca máis apoiemos ningunha familia, pretenden que desaparezamos, que non visibilicemos o que está a suceder, que se oculten as penurias dos que tras perder o seu emprego tamén perden o teito que lles abeira, que as veciñas e veciños miremos para outro lado e non aparezamos denunciando o dereito a unha vivenda. Os nosos gobernantes e as súas leis agora queren castigar os que estivemos en Aríns: 2 persoas multadas e xuízo de faltas para outras 4 persoas. Denunciadas por policías con ACUSACIÓN de desobediencia á autoridade.

Sabemos que coas multas se pretende minar ao colectivo pero ademais 4 de nós imos ser xulgados o día 28 de xaneiro. O atestado policial que leva a este xuízo está enchido de falsidades e estase a estudar a posibilidade de DENUNCIAR ós que o elaboraron; preguntámonos se tras aquel día non estaremos ante un posible delito de falsidade documental e detención ilegal sobre a persoa "autorizada" por policía e familia para actuar de mediador e que xunto con otras tres vai ser “xulgada”. Os documentos gráficos dese día difundidos polos medios de comunicación así o demostran

Pois StopDesahuciosCompostela di que si, que nos tería gustado desobedecer a autoridade, que nos tería gustado que non se tivese desafiuzado a familia, que 50 veciñas e veciños con pancartas tivesen podido convencer a autoridade xudicial e deter a acción duns 70 policías armados. Pero o noso desexo non se cumpriu.

Por todo o descrito, todas as persoas que cremos que o dereito á vivenda é un dereito básico, por todas aquelas que cremos que o desafiuzamento de Aríns é inmoral iniciamos unha campaña de AUTOINCULPACIÓN: Eu tamén estiven en Aríns.
Elaborouse un formulario para cubrir e entregar no xulgado previo ao xuízo do 28/01/2015. Este formulario podes tamén recollelo e cubrilo en: CSA do Sar (Curros Enríquez, 28), CUT (Calzada de Sar, 93), CIG (Miguel Ferro Caaveiro, 10)]

Stop desahucios - proposta de cambio do sistema de protección social de Ames

As diferentes mobilizacións da veciñanza e de StopDesahucios a favor da veciña en risco de desafiuzamento e do seu fillo menor estánse a atopar co cortapisas da normativa municipal, situación que está aproveitando o goberno deste concello para "marear a perdiz" e imposibilitar a esta veciña e o seu fillo ás axudas e enviándoos directamente a unha situación, non de risco de exclusión social no que xa se atopan, senón de exclusión "vital".

Os concellos teñen que ser os garantes da vida das familias. teñen que garantir a súa vivenda, educación e alimentos e nunca escudarse en normativas para tirar ás familias ó lixo

Presentarase proposta de modificación da ordenanza municipal de Emerxencia Social.

O actual texto parte da necesidade urxente de adaptar o sistema municipal de protección social (ou de emerxencia social) do Concello de Ames á actual situación de crise que está a disparar á zona de risco de exclusión a un amplo abano da poboación do Concello que hoxe se ve apartada do escasísimo e insuficiente sistema de axudas do propio municipio, xaora polo rigor da normativa, xaora pola insuficienca do sistema de protección do que se ve provisto.

Ao ver do noso colectivo, á luz da situación xerada por demandas concretas nas que o Concello de Ames se ampara nunha normativa municipal antes ao servizo da propaganda política do goberno de turno do que a unha efectiva intervención social en aras de eliminar zonas de exclusión, este municipio está a destacar polo abandono dos seus habitantes, e por unha política de gasto que non ten nada que ver co benestar dos seus veciños e veciñas e moito menos co establecementos de medidas efectivas para soliviantar situacións de miseria acusada nese territorio.

Máís aínda, e alén da normativa referida, a Cooporación Municipal estase a converter nun dos principal axente de maltrato, e a desvelarse como absolutamente insensíbel ás demandas da poboación, optando por escuras estratexias como a revelación de datos privados, a falsificación do contido das xuntanzas sostidas con esta parte ou a reiteración na súa estratexia de expulsión do municipio dunhas afectadas utilizando a axuda para o pagamento da fianza coma un billete low-cost ao veciño municipio.

Temos claro, finalmente, que calquera solución ao problema da miseria e das lamentables violancións de dereitos sociais que se están a producir non partirá de administración algunha, senón pola unidade consciente das veciñas e veciños en loita polos seus dereitos e a súa dignidade e na rúa, o que non nos impide dirixirnos aos diferentes gobernos, neste caso ao Goberno Municipal de Ames para esixir que cumpran de maneira inmediata a súa responsabilidade de Administración Pública, e opten dunha vez por todas por primar o benestar xeral ao benestar duns e dunhas poucas.

Stop desahucios - Stop Desafiuzamentos califica de estafa o sistema de emerxencia social de Ames

“Logo dunha longa xuntanza sostida esta mañá cunha representación do goberno municipal amiense encabezada polo Alcalde foron poucas as solucións e moito o interese do Concello de provocar a expulsión a Compostela da afectada” 

Ao tempo que ás portas do Concello de Ames se mantiña unha mobilización de dúcias de persoas para denunciar a crítica situación da afectada C.M.G.D, unha representación de Stop Desafiuzamentos mantivo unha xuntanza cunha representación do Goberno Municipal encabezada polo Alcalde na que este non achegou ningunha solución á situación da veciña, máis alá de insistiren na interesada estratexia do Goberno Municipal de abonarlle a mísera cuantía de 250€ en concepto de fianza e provocar así a expulsión desta veciña do Concello e a derivación do expediente de emerxencia social a Compostela.

A afectada, cun menor ao cargo e un único ingreso de 400€ dende o pasado mes de febreiro, nunha grave situación de emerxencia social leva tempo nas mans dos Servizos Sociais amienses na procura dunha solución que non dá chegado. O nulo compromiso do Goberno Municipal en achegar medidas concrétase a día de hoxe no ofrecemento e concesión dunha axuda única que pode rondar os 250€ coa que intentar incentivar e provocar a mudanza desta veciña a Compostela, opción que ela leva tempo explorando ante a situación de miseria e nulas achegas económicas do Concello.

Mais esta situación non é illada: segundo a versión dos propios responsábeis políticos, o sistema de axudas municipal limítase na Ordenanza a tres. Unha axuda de alugueiro cunha duración de tres meses e unha axuda de alimentos e subministros durante seis, sen posibilidade de prórroga, que configuran un sistema de auxilio social que resulta unha auténtica estafa á opinión pública, establecido co único fin de encubrir a súa incompetencia, e que só permite adiar durante tres meses a situación de extrema pobreza das afectadas, tras os que se verán outra volta sen ningún recurso nin axuda municipal. Este é un problema estrutual do municipio que Stop Desafiuzamentos denunciará no seu momento.

De maneira pouco sorpresiva na práctica de xestión do Goberno do Partido Popular de Ames, á saída do encontro desta mañá, o Goberno Municipal publicou na súa web unha nova absolutamente descontextualizada, e que non recolle o contido da xuntanza mantida. Nunha situación de extrema emerxencia semellan ter algo que celebrar, e non celebran outra cousa que a expulsión da veciña do Concello amiense. Unha actitude cínica dun goberno que non está a por enriba da mesa ningun compromiso para axudar a esta nai e ao seu fillo menor a superar a súa situación de falta absoluta de ingresos. E por suposto que tampouco, para auxiliar a esta familia diante dun inminente desafiuzamento por impago de rendas: nin alternativas habitacionais, nin económicas, tan só a súa absoluta e lamentable alegría por estar conseguindo botar do municipio a esta familia, despois de terlle cortado esta semana o subministro de auga.

Stop Desafiuzamentos fai pública a súa valoración sobre o cinismo e o amarelismo co que o goberno está a tratar a situación desta afectada, e anuncia que desenvolverá todas as medidas mobilizadoras que sexan necesarias, até que C.M.G.D teña unha solución inmediata enriba da mesa e se modifique de maneira inmediata o indigno sistema de axudas municipais que ten como único obxectivo mercadear coa pobreza e procurar a fotografía oficial á conta da miseria da veciñanza.

Stop Desahucios - Concentración no concello de Ames

Stop Desahucios Santiago de Compostela convoca unha protesta o día 20 xoves ás 11 da mañá fronte ao Concello de Ames, contra a súa nefasta xestión e, en particular, a concellería de Asuntos Sociais.
A orixe da protesta é o corte de subministro de auga que se realizou a pasada semana a varias familias. Cada vez que existen impagos de tres recibos, a empresa concesionaria (Espina y delfin) remite nota ao Concello e o Concello nunca contesta, de modo que cada tres meses "Espina y delfín" procede aos cortes por silencio da concellería de Asuntos Sociais.

Dende o noso punto de vista, a concellería debería levar rexistro de cales son os casos de familias con dificultades económicas extremas e proceder a condonar o recibo de auga, toda vez que non realiza outras axudas de tipo económico.

Stop Desahucios acudíu o pasado venres a xestionar a reposición de auga a unha veciña de Milladoiro con menor ao seu cargo e que está desasistida totalmente por Asuntos Sociais. Dita oficina sabía que ían cortarlle o auga, pois así llo anunciaran, mais non fixeron nada por impedilo.
Activistas de Stop Desahucios, dirixíronse entón á empresa concesionaria a cal accedeu a conceder unha prórroga para o pago dos recibos e restableceu o subministro de auga a media tarde

Dende Stop Desahucios queremos denunciar a actitude de prepotencia e irresponsabilidade da concellería en cuestión, pois non só nos recibíu nun corredor, senon que se desentendeu totalmente do problema, aduciendo que non era da súa competencia.

Stop Desafiuzamentos - Movilización este venres diante do IGVS

Convocamos esta mobilización porque a parte de labia as institucións non están á altura das circunstancias. Tendo en conta que no Concello de Santiago hai un censo de dez mil vivendas, sen contar, coas que hai nos concellos limítrofes (Ames, Teo, Oroso...) cremos que é un atentado contra os dereitos humanos botar á rúa a xente.

Hai un tempo, os nosos medios de comunicación informábannos de que a Xunta de Galicia, a Fegamp e o Consello Xeral do Poder xudicial asinaran un acordo polo que se comprometían a non deixar a ningunha familia "vulnerable" sen alternativa habitacional.

Pois, non pasou moito tempo e ata agora, a única solución son "Casas de cartón". Ou é que ao mellor pensan que as familias que poñen na rúa non son vulnerables.

Cada desafiuzadx è un acto de terrorismo vivencial. Seus ataques son nosas forzas.

O venres 17 às 10:30h nas sedes do IGVS unámonos en cada recuncho do paìs e que ao son de Nin casas sen xente nin xente sen casa saiban que este dereito vai ser noso. Sí ou sí.

Stop desafiuzamentos - concentración mañá fronte o Banco Sabadell

Concentración Stop Desafiuzamentos Compostela en apoio á José e Begoña fronte ó banco Sabadell. 
Martes 14 de Outubrol ás 10:00 r/Xeneral Pardiñas, 20

José, Begoña e o seu fillo de 10 anos viven na zona de Padrón. Como tantos miles de familias compraron unha vivenda cando os seus ingresos familiares llo permitían. Como a tantos miles de familias a crise pillounos desprevidos, José enfermou e o seu traballo na construción foise ao caldeiro; a secuela desa enfermidade é unha minusvalía do 75%.
Esta familia tiña unha hipoteca co Banco Galego. Cando as cousas empezaron a ir mal economicamente para a familia, o banco en ningún momento lles informou dos seus dereitos e a posibilidade de acollerse ao Código de Boas Prácticas. Tras algúns non pagamentos o Banco Galego iniciou os trámites xudiciais de execución a súa hipotecaria.
Neses momentos a familia ponse en contacto con Stop Desahucios e en outubro de 2013 pídese ao banco que acolléndose á lei negocie coa familia unha moratoria xa que cumpren os requisitos de estar en risco de exclusión social.
O banco, continuando coa súa mala práxis, require nova documentación durante máis de dous meses pero en ningún momento oferta ningunha posibilidade real de negociación. Recordemos que a Lei 1/2013 recolle que o banco adscrito ao Código de Boas Prácticas ten un mes para dar resposta por escrito ás familias.
Tras diversas dilacións por parte da sucursal bancaria a sorpresa chega cando o Banco Galego pasa ás mans do Banco Sabadell e á familia comunícaselle que "non se sabe" cal é o novo protocolo de actuación e que é posible que teñan que reiniciar todo o proceso.
Agora o banco xa ten a documentación, xa sabe todo o que ten que saber, pero agarrándose a un cravo ardendo, nunha actitude cicatera, lles impide unha solución por unha débeda de 1.200 €. A familia, subsistindo con 326 € non pode facerlle fronte, o Banco Sabadell con millóns de euros dos nosos fondos públicos, di que tampouco.
Por todo isto, concentrámonos fronte ao banco Sabadell, para denunciar que a NON resposta a esta solicitude da familia é unha forma de acoso que non imos permitir. Esiximos unha resposta a Josée Begoña. Esiximos que o banco dun respiro a esta familia amparada pola súa situación de risco de exclusión social.

Stop Desahucios - Juárez é responsable do roubo da casa dos veciños de Aríns e da brutalidade policial

O colectivo considera que o único programa de Samuel Juárez é a brutalidade policial e xa fixo méritos abondos para a súa dimisión ou apartamento do cargo.

Stop Desafiuzamentos recompilou e valorou na súa xuntanza desta semana a dimensión represiva do roubo organizado da casa da familia de Aríns, expulsada á rúa por Policía e Xulgados, e considera á luz de todas as probas testemuñais e audiovisuais que a actuación policial resultou desproporcionada, procurando unicamente a propia satisfacción e disfrute dos axentes presentes nos adros da parroquia compostelá, a través dun lamentable teatro de violencia policial.

O saldo final, con sete persoas identificadas arbitrariamente e a detención irregular da persoa responsábel da negociación coa outra parte e coa Comisión Xudicial, non esgota en si mesmo a dimensións dos feitos. Ameazas e provocacións diversas por parte dos axentes como “si te comportas como un animalito te vamos a dar palito”, “tú no eres un hombre, seguro que tienes gatillazos en la cama, yo nunca tuve un gatillazo”, “no te pases de listillo”, “si tú utilizas el arma más potente de todas que es la palabra nosotros utilizaremos nuestras armas reglamentarias”, “te la vas a cargar con 3000 euros”, así como diferentes malleiras ás solidarias presentes, moitas delas con contusións, debuxan un panorama no que o Delegado do Goberno de Galicia, Samuel Juárez, debe asumir absolutamente toda a responsabilidade.

Como é posible que detiveran e estea acusada unha das dúas persoas autorizadas polo mando policial para mediar no conflicto? As imaxes que recolleron a prensa e os medios son o suficientemente explícitas como para concluír que houbo abuso de autoridade, detención ilegal e que a determinadas autoridades e axentes policiais lles estorban os mediadores.

Ningún discurso elegante xustifica que nesta etapa de degradación dos mínimos democráticos se pretenda repetir a parte máis escura da historia. Non nos enganemos, son exactamente os mesmos discursos que os auténticos criminais de guerra utilizaron nos xuízos de Núremberg “eramos funcionarios, cumpríamos ordes”. Así Policía, Comisións Xudicias, e profesionais como cerralleiros e asistentes sociais están utilizando este tipo de afirmacións para privar á poboación dun dereito fundamental, protexido xa pola xurisprudencia da Unión Europea, como é o dereito á vivenda. A inxustiza institucionalizada en forma de roubo masivo das vivendas xustifica amplamente a desobediencia da sociedade e das funcionarias e funcionarios públicos.

A estampa do Sr. Juárez tirando as culpas fóra nunha roda de prensa, cando está a sumar en cada conflito un historial de grave brutalidade policial contra a sociedade civil resulta lamentable. A imaxe da súa Policía atacando e agredindo a cidadás desarmados que exercen resistencia pasiva á súa violencia é sobradamente coñecida por todas e todos nós. Aríns non sendo un caso illado, non deixa de ter importancia. Non queda outra: é a hora de demandar a súa dimisión inmediata ou o seu fulminante apartamento do cargo.

Stop Desafiuzamentos aproveita a oportunidade para que se eviten enganos interesados, e advirte que a loita en defensa da casa de Carlos e María aínda non rematou. Agradece ante todo a mostra de dignidade e solidariedade do conxunto do pobo compostelán, expresadas das máis diversas maneiras, que fixeron que a familia sentise a calor impagable da colectividade. É a familia a que nos pide a día de hoxe que traslademos o seu profundo agradecemento por todas as mans e corpos solidarios que seguen a loitar o seu lado na defensa da súa vivenda, e así, do dereito a un teito para todas as persoas.

Stop Desahucios - Apoio este venres a familia de Aríns

“Non permitiremos que a familia de Aríns quede sen teito este venres”.

O colectivo Stop Desafiuzamentos fai un chamado á poboación compostelá a deter o lanzamento xudicial programado para este venres 19 de setembro diante da incompetencia das Institucións.

A falta de sensibilidade do Xulgado de Primeira Instancia Nº1 de Compostela volve contrastarse despois da mobilización veciñal que na pasada semanas esixía no corazón de Aríns a paralización do desafiuzamento da familia de Carlos e María, sobre a que xa pesa a terceira ameaza de lanzamento, fixada para este venres 19 ás 9.15 horas da mañá.

Todo isto malia que a familia denunciou nos Xulgados do Penal unha posible estafa por parte dun prestamista que vén de ser derivada aos Xulgados de Lugo dende Santiago de Compostela. Como o colectivo leva denunciando reiteradamente, os Xulgados de Primeira Instancia de Compostela estarían a amparar esta situación de absoluta desprotección para unha familia que se ve ameazada coa perda do seu teito polas manobras voraces e usureiras do prestamista-arrendador que os avocou a esta calella sen saída.

Súmaselle a esta situación, como o colectivo leva denunciando, a presenza no domicilio familiar de convivintes en situación de especial vulnerabilidade, causa que obriga segundo os convenios existentes a unha opción de realoxo por parte da Xunta de Galiza e do Concello, sempre con carácter antecedente á execución de calquera desafiuzamento, e a unha especial atención dos Xulgados a este feito que polo de agora non se produciu, coordenando a actividade dos servizos sociais.

O colectivo denuncia que a única actuación dos servizos sociais referida a unha convivinte con graves problemas de mobilidade foi “métanna nunha Residencia”, o que califican de “auténtica vergoña e desafío a calquera mínimo común ético, profesional e moral”. Descoñécese aínda a día de hoxe actuación algunha das institucións dirixidas a procurar unha solución efectiva a esta situación. O colectivo acusa aos Xulgados, ao Concello e á Xunta de Galiza, cos seus correspondentes servizos de acción social, “de ter demostrado unha incompetencia manifesta que só fai agrandar a dor e o sufrimento dunha familia absolutamente desamparada se non pola legalidade, si por quen ten a obriga de aplicala”.

Stop Desafiuzamentos Compostela fai unha chamada á solidariedade e convoca unha concentración ás 08.00 horas deste venres dinte da casa familiar, en Vilacova-Aríns, e prevese unha caravana de coches solidaria que sairá ás 07.30 horas dende o Csa Sar (Rúa Curros Enríquez 28, de Compostela), coa nidia intención de impedir que se execute o despexo.

Ames - Sobre os posibles casos de desafiuzamentos

O Concello de Ames continúa traballando nos posibles casos de desafiuzamentos.

O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, traballa a diario nos posibles casos de desafiuzamentos que se poden dar no termo municipal. Así, dende os Servizos Sociais aténdense todos os casos detectados, poñendo á disposición todas as axudas posibles ás que se poidan acoller as persoas que se atopen en situación de posible perda de vivenda.

En ningún momento se deixou de atender un caso de desafiuzamento detectado, e nestas situacións non só se informa acerca das axudas municipais que dispón o concello, senón que se tramitan tamén aquelas axudas de carácter supramunicipal ás que se poidan acoller, como poden ser a RISGA, que depende da Xunta de Galicia.

No caso concreto da veciña C.M.G.D., á que fai referencia Stop Desafiuzamentos, trátase dunha usuaria dos servizos sociais do Milladoiro, onde non consta ningunha demanda de desafiuzamento. Así, dende este departamento estase tramitando unha axuda de emerxencia social que permita cubrir as débedas que presenta a usuaria. Neste caso o IVGS non pode facilitar unha vivenda debido a que a usuaria conta con débedas con Facenda.

Dende o Concello de Ames estánselle prestando as axudas que se poden facilitar á usuaria e facendo o posible para mellorar a súa situación: permitíndolle o acceso ás escolas deportivas e facendo un programa personalizado para o seu fillo, facilitándolle unha axuda de alimentos ou poñéndoa en contacto con entidades que traballan con este tipo de situacións e que poidan comprobar a dispoñibilidade dalgunha vivenda.

Así mesmo, estase tramitando a solicitude de Emerxencia Social de data 28 de agosto de 2014, para a cal os servizos técnicos están comprobando toda a documentación de cara a informar a mesma e resolver o expediente e cubrir as súas necesidades básicas mentres non se resolva a solicitude de RISGA tramitada dende Benestar Social.

De todas estas actuacións déuselle información á Plataforma Stop Desafiuzamentos.

Stop desahucios - concentración diante do concello de Ames

O colectivo Stop Desafiuzamentos Compostela desexa comunicar por medio deste escrito que o xoves, día 11 ás 12 da mañá realizará unha protesta na Praza do Concello de Ames, co fin de denunciar a desatención e abandono que por parte da clase politica están padecendo as familias máis necesitadas deste municipio e, máis concretamente, as persoas que son ou están a punto de ser expulsadas das súas vivendas.

Denunciamos en concreto a inaceptábel situación de C.M.G.D., nai cun menor ao seu cargo que, carecendo en absoluto de recursos e axudas, é obrigada a abandonar en datas próximas o seu domicilio de aluguer no Milladoiro sen que teña outro lugar a onde ir, xa que non poderá percibir a axuda social da RISGA, tramitada polos servizos sociais deste concello, até maio de 2015.

Sorpréndelle ao noso colectivo que o IGVS non atendese até agora ningún dos casos que trasladamos a esa Institución 

Cáusanos abraio ademais o feito de que, sendo o concello de Ames un dos que más diñeiro recadou de todo o Estado grazas á burbulla inmobiliaria, non tivese prevista a dotación de casas de acollida para persoas excluídas socialmente.

Esiximos deste consistorio que chegue a un acordo cos bancos, co fin de habilitar vivendas de aluguer social entre os centenares das que estes posúen produto dos desafiuzamentos que levaron a cabo, particularmente no Milladoiro.

Así mesmo, consideramos que a Comisión Antidesafiuzamentos, creada no seu día neste Concello coa implicación dos partidos políticos e do noso colectivo, entre otros, resultou rotundamente un fracaso.

Cómpre engadir que os casos de certa “dificultade” que caeron nas mans desta Comisión foron directamente remitidos a Stop Desafiuzamentos Compostela, un dos cales, o do veciño J. R. acabou por se resolver coa dación en pago trala nosa intervención. Agora quérenos derivar tamén a problemática desta muller nunha vivenda de aluguer. E entón nós preguntámonos: para que se creou esta comisión do concello de Ames? Para que sexa a sociedade civil a que lles resolva a situación ás familias?

Concentrámonos porque estamos fartas de comisións creadas inutilmente, servizos sociais inoperativos e outras institucións que non lles ofrecen solucións ás persoas, ás familias con menores.