Ángel Tallón e Pablo Tortajada serán os candidatos á Secretaría Xeral do referente xuvenil de Compromiso
A Mocidade Nacionalista Galega, referente xuvenil de Compromiso por Galicia, celebrará hoxe sábado no Hotel Peregrino de Santiago de Compostela a súa II Asemblea Nacional baixo o lema “O xermolo dunha mocidade comprometida”. Na mesma darase conta do Informe de Xestión da dirección saínte, e haberá debate do texto político e dos Estatutos da mocidade galeguista.
Dende a MNG aseguran que esta Asemblea Nacional, “servirá para reforzar un proxecto político tan necesario como é o noso, tan vivo como ata o de agora e que seguirá a estar coa mocidade e cos seus problemas, que non son outros que o desemprego, o difícil acceso á vivenda ou unha educación a cada paso máis elitizada”. De igual xeito, dende a MNG reafirman a súa aposta, “claro e inequívoca” por Compromiso por Galicia e lembran que dende sempre a organización política galeguista puxo en primeiro plano aos mozos e ás mozas, “non só para pegar carteis, senón tamén para representar ao partido nos procesos electorais”.
Candidaturas
Ángel Tallón e Pablo Tortajada serán os candidatos á Secretaría Xeral, que se escollerá mediante unha elección directa da afiliación logo da votación ao Consello Nacional. Os e as membros presentados e presentadas para este último órgano serán Paula Carballo Blanco, Alberte Villamarín Rodríguez, Jonathan Domínguez, Aitor Estévez Rodríguez, Alexandre Fernández Pino, Román Carballido, Rocío López Pacio, Alba Vázquez Fernández, Rafael Traficante, Alejandro Lorenzo, Cristóbal Mora, Estevo Sánchez, Antía Rodríguez Neira, Adrián Blanco Para, Xaime Martínez e Pablo Villaverde, ademais do propio Pablo Tortajada. Unha vez escollido o Secretario Xeral, o procedemento aprobado no Regulamento estipula que deberá nomear 5 persoas de entre os membros do Consello Nacional para formar parte da súa Executiva, que posteriormente terá que ser ratificada pola Asemblea.
A proposta da Executiva saínte é que presida a II Asemblea Nacional o que fora Secretario Xeral da MNG e candidato ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López, acompañado de Paula Turnes e Adrián Fariña. O acto de clausura será ás 19 horas, e nela tomará a palabra o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas.