PSOE Ames - o Psoe pide a dimisión do alcalde e denuncian que antepón a sua seguridade persoal a dos veciños

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE AMES PIDE A DIMISIÓN DO ALCALDE SANTIAGO AMOR POLA SÚA INCAPACIDADE NESTES 18 MESES DE GOBERNO
Denuncian que o Alcalde de Ames antepón a súa seguridade persoal á dos seus veciños
O Grupo Municipal Socialista de Ames esixe a dimisión de alcalde Santiago Amor pola súa manifesta incapacidade para gobernar o Concello neste máis de ano e medio. O voceiro socialista, José Miñones, argumenta once razóns, as mesmas que o número de concelleiros do actual goberno local, que amosan que neste tempo o alcalde Santiago Amor non estivo a altura do seu cargo: “non foi quen de resolver problemas, senón que o que está a facer é crealos” interpélalle José Miñones, quen antes de empezar coas súas argumentacións pediulle ao actual rexedor de Ames que asuma a responsabilidade do seu cargo, tras máis de 18 meses de desgoberno: “nó asumimos que perdemos as eleccións, asuman vostedes que gañaron e deixen de culparnos de todo. Esquézanos, leva 18 meses gobernando”.

Entre as once argumentacións que alegaron os socialistas amienses está a desacción das súas funcións coma alcalde de Ames, pedindo aos demais que solucionen os problemas do municipio que dirixe: “fíxoo cos doce traballadores do Concello que durante un tempo correron o risco de quedarse sen o seu posto de traballo, e co problema do lixo”, lembra José Miñones. Problemas que non soluciona e que deixa.

Outra das argumentacións e falla de diálogo coa oposición a que non convoca a Xunta de Voceiros e a que non lles facilita a información a que ten dereito por lei: “Non coida as formas, o podemos ver en moitos asuntos como o do lixo, o plan de axuste, a conta xeral... Busca o xeito de non deixarnos tempo para poder preparar os temas” argumenta o voceiro socialista. Dita incompetencia reflíctese especialmente na materia económica: “criticamos o Plan de Axuste, porque suporá pagar cada ano e durante 10 anos 60.000 €, un total de 600.000 €. Hipoteca ao Concello con medidas restritivas para os seus traballadores e veciños” asegura José Miñones, quen cre que “é incoherente que un goberno pida sacrificios aos seus cidadáns, subíndolle as taxas, os impostos... E que el mesmo non predique co seu exemplo baixándose os seus salarios”. O grupo municipal socialista de Ames pediulle ao goberno local que baixara o salario dos concelleiros un 10%, e as dedicacións de 3 a 2: “Somos bos pedindo, pois non é para tanto” argumenta o voceiro socialista, para quen o Alcalde Santiago Amor é totalmente insensible coa situación de crise económica dos seus veciños.

Tamén en materia económica, José Miñones critica a falta de planificación do actual goberno que aprobou os orzamentos a tres meses de rematar o ano, en outubro: “e despois de moitos avisos” asevera: “o mesmo sucedeu coa conta xeral, cuxo prazo rematou en marzo e por non presentala en tempo lle retiraron aportacións do Estado”. A incompetencia do alcalde Santiago Amor chega ata tal punto que, a pesar de dispoñer de maioría absoluta, non foi quen de presentar uns orzamentos ata outubro de 2012, a pesar de que a súa chegada ao goberno anunciou que sería unha prioridade do goberno popular amiense. 

Outra das razóns do grupo municipal socialista de Ames para pedir a dimisión do alcalde Santiago Amor é a situación insostible de crise interna que vive o goberno popular dende fai meses. Situación que quedou plasmada durante o Pleno Extraordinario no que algún dos concelleiros do goberno deu evidentes mostras de incomodidade e inseguridade á hora de votar a creación da Mesa de Negociación do Lixo. 

Os Policías fan de porteiros
Moitos veciños de Ames quedaron sorprendidos durante o pasado Pleno Extraordinario do Concello ao descubrir que a Policía Local deste Concello facía labouras de porteiros. Ata seis axentes de policía se xuntaron no Pleno de Ames, deixando aos veciños e veciñas de Ames totalmente desprotexidos. Unha situación que chamou a atención aos veciños, alí reunidos, que se preguntaban: ao servizo de quén está a Policía Local de Ames, dos cidadáns ou do alcalde? Nesta situación quedou claro que ao alcalde lle preocupa máis a súa propia seguridade que a dos seus veciños. 

O Pleno de Ames na Casa da Cultura estivo cheo e, por cuestións de seguridade os axentes da Policía Local deixaron fóra a preto dunha trintena de persoas coa choiva que estaba caendo, moitos deles veciños maiores de máis de 50 anos. O motivo coma sempre foi o informe técnico baseado na propia seguridade dos cidadáns. Unha seguridade que non primou na Gala do Deporte de Milladoiro, e noutras actividades na que o goberno local non ten ningún problema coa afluencia de público. Nesas actividades se agradece a afluencia masiva de veciños, aínda que estea por riba do permitido e da súa seguridade. 

Ningún comentario: