GHARBO! Coprodución do Centro Coreográfico Galego
O Centro Coreográfico Galego (CCG) coproduce na presente temporada escénica 2011-2012 o espectáculo titulado «Gharbo!» xunto á compañía de danza CONTRA2 que representa Nelson Quinteiro.
«Gharbo!» propón fundamentalmente unha fusión entre a música e a danza tradicional e novas formas musicais e de movemento máis experimentais, con un elenco no que destacan profesionais da música tradicional da altura de Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero, Ricardo Rozas e Nelson Quinteiro, así coma bailaríns da traxectoria de Pastor Rodríguez Feal e Iván Villar.
Para a consideración deste proxecto, o Centro Coreográfico Galego valorou especialmente a súa calide e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, e a achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.
O proxecto supón o reto de levar adiante un montaxe destas características sen máis apoio institucional que o asesoramento técnico e artístico, así como a cesión de músicos, técnicos e xastras da propia axencia. Unha nova formar de entender o sector cultural e a súa relación coas administracións públicas.
A COMPAÑÍA: CONTRA2
En decembro de 2008 comeza a andaina da compañía CONTRA2 como un proceso creativo que xunta as traxectoria de importantes profesionais dentro da danza e da música tradicional galega. En agosto de 2009 estrean «Danza e contradanza», xuntando a particular mestura de canto, escenas sonoras e polifonía con pedais de loops de Nelson Quinteiro coa linguaxe coreográfica de Iván Villar.
A súa proposta foi descrita entón como "unha das propostas máis novidosas e orixinais na esfera da danza e canto tradicionais galegos, cunha aposta clara pola linguaxe contemporánea" ou deles teñen escrito "unha sinerxía que frutifica nunha nova linguaxe escénica, sen esquecerse das esencias das que beben".
Despois de ter visitado diferentes escenarios e circuítos como a Rede Cultural da Excma Deputación da Coruña, Rede Galega de Salas, Forum-Folk do Concello da Coruña, Festival dos Abrazos ou Auditorio de Galicia dentro das festas de Nadal de Santiago de Compostela, no ano 2011 crean a montaxe infantil para rúa «Papiroflexias», que sorprenden coa súa fusión de teatro de rúa, danza e conciencia ecolóxica nun colorista relato baseado no libro «O Principiño» de Saint Exupéry.
CONTRA2 abre o 2012 cunha ambiciosa proposta en coprodución co Centro Coreográfico Galego; a montaxe «Gharbo!» que subirá sobre os escenarios a varios dos mellores profesionais da danza e música de Galicia.
FICHA
Autor: Nelson Quinteiro - Iván VIllar
Dirección: Nelson Quinteiro
Escenografía: Contra2- Centro Coreográfico Galego
Deseño son: Hugo Peñamaría
Deseño iluminación: Jesús R. Arias
Vestiario: Contra2- Centro Coreográfico Galego
Música: Nelson Quinteiro
Coreografía: Iván VIllar
Bailaríns: Iván Villar, Pastor Rodríguez FealMúsicos: Nelson Quinteiro, Ricardo Rozas, Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero.
Contra2 / Centro Coreográfico Galego
Nelson Quinteiro compositor
Iván Villar coreografía
Iván Villar, Pastor Rodríguez Feal bailaríns
Nelson Quinteiro, Ricardo Rozas, Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero músicos
Teatro Principal
mércores 12 decembro
21:00
8 euros / 5 euros (anfiteatro)
venda de entradas: entradas.novagaliciabanco.es / 902434443
Teatro Principal 18:00-21:00 (de martes a sábado)

Ningún comentario:
Publicar un comentario