Máis de 30 propostas na programación cultural do Concello para este Nadal
O alcalde da cidade, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do departamento de Cultura para este Nadal. Música clásica no Auditorio e unha nova edición do Todo Lírica; concertos de Compostela Rock, Íntimo&Acústico e Sons; dous espectáculos de Falabaratos; dous de Teatro&Danza e un apartado especial Infantil&Familiar, conforman esta programación pensada para satisfacer ao público de todas as idades e de todos os gustos neste Nadal en Compostela.
Como diciamos, haberá unha programación especial de Infantil e Familiar dentro da cal poderemos asistir a tres obras de teatro Infantil, dúas de maxia, un musical e tres obras de teatro específicas para bebés. En Teatro Infantil poderemos ver ‘Nuncabunga’ do Elefante Elegante, ‘Ringo Rango’ de Pistacatro e ‘A folla máis alta’ con Berrobambán; todas no Teatro Principal. Ademais, poderemos gozar da maxia, tamén no Principal, con dous espectáculos para toda a familia: ’15 ilusións para unha noite’ e ‘Corcheas, semifusas e ilusións’. No Auditorio de Galicia teremos o musical karaoke ‘Navidad mágica en concierto’ no que os máis pequenos da casa poderán pasar unha tarde divertida con Papa Noel, Pocoyo, Caillout e Winx Club. E na Zona C presentamos unha programación especial de Teatro para bebés da man da compañía Caramuxo na semana de Reis: ‘Glub Glub’, ‘Zapatos’ e ‘Ñam’. Para que as familias poidan asistir aos espectáculos ofrecemos un abono familiar mediante o cal nas obras de teatro infantil, para bebés e na maxia se mercas catro entradas, sairán ao prezo de 3.
Pero tamén hai programación para todos os públicos. Así, no programa de Teatro&Danza poderemos ver as dúas últimas obras do ciclo para este ano 2012: ‘Gharbo!’, unha coprodución da compañía Contra2 e o Centro Coreográfico Galego, e ‘El Montaplatos’ de Harold Pinter que trae ao Principal a compañía Animalario.
No programa musical, en canto á clásica, temos tres concertos da Real Filharmonía de Galicia. No primeiro estarán acompañados da pianista María João Pires; e no Concerto de Reis, a orquestra estará dirixida por Manuel Hernández Silva e contará coa actuación da soprano Beatriz Díaz. Ademais, tamén teremos un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia; o primeiro concerto do ciclo Novas Orquestras no 2013 coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia; e outro do pianista Sebastian Knauer, dentro do Ciclo de Piano Ángel Brage. Ademais, teremos unha nova edición, a XII xa, do ciclo especial de Nadal Todo Lírica con catro concertos no Teatro Principal nos que contaremos cos pianistas Rubén Fernández Aguirre, Manel Camp, Borja Mariño e Carmen Fernández Cabrera; acompañados das voces de David Menéndez, Mireia Pintó, María Rey-Joly e os alumnos da Escola Superior de Canto de Madrid.
En canto a outro tipo de música poderemos escoitar a Sergio Tannus presentando o seu novo disco ‘Son Brasilego’ no Principal dentro do ciclo Sons 2012 e a Xoan Curiel e Berrogüetto na Zona “C” e Principal, respectivamente, dentro de Íntimo&Acústico. No Compostela Rock teremos concertos de Los Enemigos (dobre sesión os días 13 e 14 xa que se esgotaron as entradas para o día 13 e aumentamos un día máis); Los Deltonos e o Concerto da Fin do Mundo con Mujeres e Wild Balbina.
A comicidade estará presente no ciclo Falabaratos con dous espectáculos de dúas figuras moi televisivas: Berto Romero, que fará en Compostela a última función do seu ‘La Apoteosis Necia’ e Dani Mateo que presenta ‘PK2.0 o que Dios nos pille confesados’.
Ademais, durante todo o Nadal permanecerán abertas as dúas exposicións que temos neste momento no departamento de Cultura. No Auditorio de Galicia, poderemos ver ‘Unidos pola arte. Colección de pintura do Consorcio e do Concello de Santiago’, aberta todos os días; e na Zona “C” temos a intervención de Jesús de la Iglesia ‘Cento oitenta segundos’, aberta todos os días agás os luns. As dúas salas permanecerán pechadas os días 24, 25 e 31 de decembro así coma o 1 de xaneiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario