Promoción de venta de entradas en tres dos concertos que teremos no Compostela Rock 2013: The Godfathers, Nick Lowe e Ocean Colour Escene
Ata o 15 de decembro e para as primeiras entradas vendidas estes tres concertos terán un prezo especial
A programación para o primeiro semestre do 2013 do ciclo Compostela Rock será presentado en vindeiros días pero podemos adiantar xa que teremos a The Godfathers, Nick Lowe e Ocean Colour Escene. Para estes tres concertos están xa as entradas á venta a un prezo especial en Ticketea. Para The Godfathers o prezo será de 10 euros para as primeiras 50 entradas vendidas; para Lowe, 15 euros as primeiras 100; e para Ocean Colour Escene tamén 15 euros as primeiras 100 entradas.
The Godfathers estarán o sábado 16 de febreiro ás 21.00h na Arteria Noroeste nun concerto dentro da súa xira ‘Jukebox Fury Spanish Tour’. Á fronte da formación están Peter (voz e guitarra) e Chris Coyne (baixo), fundadores da banda e a súa perenne célula creativa. Acompáñalles como lugartenente un vello compañeiro de batallas, o guitarrista Del Bartle, que militou na banda que tiñan os irmáns Coyne antes de crear The Godfathers en 1985, The Sid Presley Experience.
Nick Lowe actuará na Sala Capitol o sábado 6 de abril ás 20.30h. Será en formato “one man band”. El, a súa guitarra, a súa voz e as súas cancións. Os dous últimos capítulos do seu último período son “At My Age” (2007) e “That Old Magic” (2011). Este último é o que nos virá a presentar con máis fincapé, facilmente encaixables entre os discos máis exquisitos do último lustro.
E Ocean Colour Escene estará tamén na sala Capitol, o sábado 20 de abril ás 20.00h acompañados dunha banda aín por determinar. Virán de xira a presentarnos o seu próximo disco, que están a gravar agora e do que polo momento non hai título oficial (só transcendeu que o produtor é Matt Terry). Trátase do primeiro traballo que os de Birmingham van publicar desde “Saturday”, obra elástica e amiga de escoitas repetidas coa que fai un par de anos culminaron brillantemente unha década que os mantivo moi ocupados (desde 2001 e até 2010 sacaron cinco discos de estudo e tres directos), embarcados nesa misión na que levan desde finais dos 80.

Ningún comentario:
Publicar un comentario