O BELÉN VIVENTE DA GARDERÍA DA ULLOA E O CONCERTO DE CORAIS ABREN ESTA SEMANA O PROGRAMA DE NADAL DO CONCELLO DE OROSO
O Belén destes pequenos abrirase ao público a partires das 18:30 horas deste venres 14 de decembro no centro cultural de Sigüeiro
O belén vivente dos meniños e meniñas da escola infantil da Ulloa e o tradicional Concerto de Corais abren esta semana o programa de Nadal do Concello de Oroso. Un programa que inclúe música, baile, teatro, maxia e programas de conciliación da vida familiar e laboral, entre outras iniciativas.
Así, este venres 14 de decembro, ás 18:30 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá o belén vivente dos nenos e nenas da escola infantil da Ulloa. Uns corenta pequenos, todos eles menores de tres anos, irán ataviados cos traxes correspondentes aos pastores, anxos, ovellas... para representar o nacemento de Xesús. Un entrañable acto aberto ao público e que sempre adoita ser dos máis concorridos do ano.
Esta será a novena edición deste Belén Vivinte, que organiza a escola infantil da Ulloa e que conta coa colaboración do Concello de Oroso. Os profesores da gardería repartiron os papeis dos rapaces de acordo coas idades dos pequenos, que estiveron ensaiando durante esta última semana.
Concerto de Corais e música
Para o sábado 15 de decembro, ás 20:30 horas, está convocado outro dos actos centrais deste Nadal en Oroso: o Concerto de Corais. Polo escenario do centro cultural de Sigüeiro actuarán este ano as corais de Melide e de Senra (Oroso), que estarán acompañados pola Banda de Música de Ordes. O acto é de asistencia libre e de balde. Ademais, durante a mañá dese sábado 15 de decembro haberá tamén un contacontos especial de Nadal ás 11:00 horas na biblioteca municipal de Sigüeiro.
Outra cita musical que se vai afincando co paso dos anos é o Concerto de Panxoliñas, que terá lugar o venres 28 de decembro, ás 20:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. A participación é totalmente libre, se ben é preciso anotarse previamente no centro cultural antes do 23 de decembro. Así mesmo, o sábado 29 de decembro terá lugar o tradicional Baile de Nadal para maiores. Será a partir das 19:30 horas e contará coa actuación do Grupo Satélite.
O programa musical deste Nadal en Oroso pecharase cunha importante novidade: o primeiro Festival de Ano Novo da Aula de Música. Os nenos e nenas da Aula de Música orosá ofrecerán un recital o venres 4 de xaneiro, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Os rapaces contarán coa participación do violinista Emiliano Sánchez Velazco como artista invitado.
Actuacións
Por outra banda, durante as vindeiras datas tamén terán lugar outra serie de actividades dentro do programa de Nadal do Concello de Oroso. Así, dentro da campaña de animación á lectura, os sábados 15, 22 e 29 de Nadal terán lugar na biblioteca municipal de Sigüeiro unha serie de contacontos de Nadal, dirixidos a nenos e nenas maiores de tres anos. A participación é de balde, se ben é preciso anotarse previamente na biblioteca municipal. Así mesmo, o venres 28 de decembro celebrarase un obradoiro de Nadal, ás 20:00 horas, e o mércores 2 de xaneiro terá lugar un contacontos especial sobre os Reis Magos. Será ás 18:00 horas, tamén na biblioteca municipal de Sigüeiro.
O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, o centro cultural acollerá a posta en escena de “Non é a típica obra clásica”, representada por un grupo de teatro afeccionado de Ordes. Trátase dunha comedia dirixida a todos os público e que está ambientada na época medieval con algúns “toques” modernos. O xoves seguinte, o 3 de xaneiro, o Mago Richard actuará no centro cultural. A asistencia é libre e de balde.
Paralelamente, durante os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro, así como durante o 2, 3, 4 e 7 de xaneiro desenvolverase o programa de conciliación familiar Diver Nadal, que terá lugar nas instalacións do CEIP de Sigüeiro en horario de mañá. Ademais, ata este venres 14 de decembro está aberto o prazo de entrega de orixinais para participar no Concurso de Postais de Nadal con Mensaxe, cuxos premios serán entregados o 5 de xaneiro despois da Gran Cabalgata de Reis, que sairá ás 17:30 horas da estación de Vilacide e serán recibidos na Casa do Concello ás 18:15 horas. O percorrido da comitiva será o habitual polas rúas de Sigüeiro: Portiño, Insua, praza Alexandre Bóveda, rúa do Medio, Portiño, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa da Cultura, Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa Xuncal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario