XOSÉ LUÍS GARCÍA INAUGURA MAÑÁ VENRES UNHA EXPOSICIÓN DE PINTURA DE XOSÉ VÁZQUEZ CASTRO, UN ACTO QUE INCLÚE UN CONCERTO DE MARÍA MANUELA
A mostra reúne unha selección de 23 obras deste pintor ferrolán afincado en Brión
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, inaugurarán hoxe venres 14 de decembro unha exposición de pintura de Xosé Vázquez Castro, recoñecido pintor ferrolán afincado en Brión. Un acto que terá lugar ás 20:30 horas na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión e que incluirá un pequeno recital musical a cargo de María Manuela, que estará acompañada á guitarra polo seu fillo Xurxo Varela. A entrada é totalmente libre e de balde.
A exposición recolle 23 das últimas obras de Xosé Vázquez Castro, de gran formato e temática variada, aínda que cunha prevalencia da figura humana, nas que utiliza unha técnica mixta. A mostra poderá ser visitada na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión ata o 11 de xaneiro de 2013.
Xosé Vázquez Castro
Xosé Vázquez Castro nace en Ferrol en 1951. Seu pai foi o pintor José Vázquez Doce. Na actualidade reside en Brión (A Coruña), onde colabora de xeito activo nas actividades culturais do municipio, sendo o comisario dos Encontros coa Arte. En 1969 realiza a súa primeira exposición na cidade de A Coruña, á que seguirán outras por diversas vilas de Galicia e España. En 1979 afíncase en Madrid, expoñendo na galería madrileña "Bercowitsch” e na compostelá "Torques”, ao tempo que se forma coma escenógrafo co director de teatro Santiago Doria e o dramaturgo Jaime Salón.
En 1981 expón na Institución Cultural "El Brocense” de Cáceres. Ao ano seguinte viaxa a Venezuela, e realiza exposicións na Embaixada Española e a Irmandade Galega de Caracas. De regreso a España expón na galería "Arboreda” de Ferrol e "Nova Rúa” de Lugo. En 1983 a galería "Citania” de Santiago de Compostela publícalle a carpeta Catro Acuarelas.En 1984, xa residindo en Compostela, participa no Festival Interceltique de Lorient (Francia), e realiza a escenografía Eclipse Total, para Teatro "Ítaca”.
En 1985, expón no Museo "Valle-Inclán” da Pobra do Caramiñal e no Hotel "Finisterre” de A Coruña, e ve a luz a carpeta de gravados Lembranzas. En 1988 expón acuarelas na Sala Durán Loriga da Coruña. En 1989 expón conxuntamente con óleos e acuarelas no Museo "Bello Piñeiro” e no Casino de Ferrol. No ano 2000 participa na colectiva Tres Xeracións, na homenaxe que o concello de Ferrol rende ao seu pai. No mesmo ano expón na Galería "José Lorenzo” de Santiago de Compostela. En 2001 realiza para "Ditea Teatro de Cámara” a escenografía A Pousada de Petra Cotón de Agustín Magán.
No ano 2002 é un dos fundadores da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA), da que é nomeado presidente. Nestes últimos anos participa en diversas Feiras das Artes Plásticas, no XII Simposio Nacional de Acuarela (Santiago, 2004), na exposición O mar, na "Volvo Ocean Race” (Sanxenxo, 2005), e nas edicións dos "Encontros coa Pintura e a Poesía” organizados pola Deputación da Coruña (2005-2007) e o Concello de Culleredo (2008). Tamén exerce como comisario dos Encontros coa Arte do Concello de Brión (2006-2010). É convidado, con outros artistas galegos, polo Centro "Cultur Modell” de Passau (Alemania).
Posúen obra súa diversas institucións e entidades, entre outras: a Xunta de Galicia, a Fundación Semana Verde de Galicia, Caixanova, "El Correo Gallego”, o Museo "Carlos Maside”, o Círculo das Artes de Lugo, os concellos da Coruña, Brión, Noia, Culleredo e Pobra do Caramiñal, a Embaixada Española e Ran Xerox de Caracas, o Museo "Valle-Inclán”, SODIGA e o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, os casinos de Vilagarcía e Ferrol, Caixa de Aforros de Ferrol, o Auditorio de Galicia, I.C. "El Brocense” de Cáceres, a Deputación da Coruña ou a Sociedade Liceo de Noia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario