Cruz Vermella Ordes e empresarios do municipio emprenden campañas de recollida de xoguetes para os desfavorecidos
Os organizadores de ambas iniciativas solidarias contan coa colaboración dos Servizos Sociais da Mancomunidade e do Concello de Ordes. Tamén aseguran a confidencialidade daqueles que queiran valerse deste servizo
'A cor da ilusión'. Baixo este lema Cruz Vermella Ordes inicia unha campaña de recollida de xoguetes de cara ás familias máis desfavorecidas do municipio. O obxetivo é dotar a todos os nenos e nenas que o precisen dos agasallos propios das festas de Nadal que terán lugar nas vindeiras semanas.
A recollida dos xoguetes levarase a cabo ata o próximo 21 de decembro. As entregas deberanse facer os luns, mércores e xoves de 10 a 14 horas, así como os martes e venres de 16 a 20 horas no local que Cruz Vermella ten nos baixos da Alameda. Para levar a cabo esta iniciativa cóntase coa colaboración dos Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes e asegúrase a confidencialidade a cada un dos solicitantes.
Empresarios de Ordes convertidos en Reis Magos
Non é a única iniciativa deste tipo que se está a realizar dentro do municipio ordense. Un grupo de empresarios da vila acaban de emprender a súa particular campaña de recollida de xoguetes e donativos. Concretamente trátase das tendas Bicoca Moda, H2O, OKO Ordes, Numa, Dress, Teresa Álvarez, Silvia Vieites, mesón Anxo, parafarmacia Tisana, Sigüeiro Impresiones e Seguros Bilbao. Ata o próximo 3 de xaneiro os que queiran botar unha man poderán depositar os xoguetes e agasallos nestes puntos de venda.
Novamente o principal obxetivo desta campaña é “que ningún neno e nena do noso entorno quede sen un agasallo nestas festas e que a ningún deles lles falte un bolígrafo, unha goma ou libreta para poder traballar na escola”, asegura Carmen García Liñares, máxima responsable desta iniciativa. “Este é un sitio pequeno onde todos nos coñecemos, polo que moitas veces é moi embarazoso para os veciños e veciñas ter que achegarse ata Cáritas ou outras organizacións similares e dar conta dos seus problemas económicos. Por iso queremos dirixirnos e axudar especialmente a estas persoas e atender estes casos particulares. Aínda así estamos en contacto directo e contamos coa colaboración dos Servizos Sociais de Ordes”.
Ademáis dos xoguetes este grupo de empresarios está a facer unha recollida de donativos. Por iso en cada un destes establecementos e no consistorio estanse a colocar petos onde poder facer donativos en metálico. Unha recadación que tamén se está a facer por outros establecemnetos, comercios e puntos de encontro veciñal ubicados no municipio. “Con eses cartos queremos mercar vales nas librerías, papelerías e establecementos ubicados no concello para que as familias poidan canxealos por material escolar, libros ou roupa”, comenta Carmen García. “A idea é que isto non finalice aquí senón que queremos que teña unha continuidade no tempo para poder seguir axudando a esas persoas que moitas veces viven enfrente nosa, porta con porta. Que para nada son descoñecidos e que o están a pasar mal”, conclúe Carmen.
En ambas iniciativas o Concello de Ordes está a brindarlle todo o seu apoio ós organizadores. Así, dende o Gabinete de Comunicación estase a desenvolver unha campaña de difusión por distintintos medios escritos, radiofónicos e tamén a través das redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario