O Concelleiro de Medio Ambiente reunirase hoxe con representantes de Adega para tratar cuestións sobre o Proxecto Ríos
O Concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural manterá hoxe unha reunión con representantes de ADEGA, e con responsables da granxa escola de Abades, e algún voceiro da Asociación Caza e Pesca.
O encontro será na granxa escola Fervenza do Toxa, en Abades, ás 12.30 da hoxe. No mesmo, falarase sobre o Proxecto Ríos, e a posibilidade de desenvolvelo nos meses de verán no Concello de Silleda, para un maior aproveitamento da actividade, xa que habitualmente este programa lévase a cabo dende mediados de abril ata principios de xuño, e dende mediados de setembro ata mediados de novembro. O inconveniente de realizalo en primavera ou outono, e que nestes meses, os posibles beneficiarios non estarían dispoñibles, por motivos escolares.
Nesta reunión, tamén se poñerán sobre a mesa tamén os beneficios de Proxecto Ríos, así coma todas as cuestións relacionadas con este programa.
Proxecto Ríos
Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental, iniciativa de ADEGA, e promovida por Augas de Galicia e a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O obxectivo final deste proxecto é crear unha rede de cidadáns de todas as idades, que analicen o estado de saúde dos ríos galegos empregando unha metodoloxía sinxela e estandarizada. Os grupos de voluntariado ambiental participantes escollen un treito de ría de 500 metros no que fan inspeccións con material educativo.
Tamén se contemplan charlas de presentación e saídas formativas ao ría para os centros de ensino, e son totalmente gratuítas.
Exposición “Galicia, Conservando a Natureza”
A Concellaría de Medio Ambiente e Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, vén de obter a confirmación de que no mes de xullo, do día 4 ao 8, a exposición itinerante “Galicia, Conservando a Natureza” chegará a Silleda.
Esta exposición consta dun servizo de monitoraxe para atención ao visitante, visitas guiadas para grupos de escolares e de adultos, de 45 minutos, así coma material educativo para os centros de ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario