PABLO VIDAL RÍOS ELEXIDO NOVO RESPONSÁBEL LOCAL DO BNG DE ORDES
- A asamblea local do BNG apoiou por unanimidade a candidatura encabezada por Pablo Vidal, da que tamén forman parte os concelleiros Gonzalo Castro e Montserrat Rei.
- A nova dirección local presenta unha renovación do 50% nos seus integrantes e presenta unha media de idade de 34 anos.
O Bloque Nacionalista Galego de Ordes renovou a dirección local nunha asamblea na que se respaldou por unanimidade a candidatura ao Consello Local encabezada por Pablo Vidal Ríos, un xovén arquitecto técnico, de 26 anos, que a pesar da súa xuventude leva unha contrastada traxectoria dentro do nacionalismo, no que ten desempeñado importantes responsabilidades en Galiza Nova, organización xuvenil do BNG.
No novo Consello local, destaca tamén a presenza da concelleira Montserrat Rei, que ocupará a vicerresponsabilidade local, e do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro.
Xunto a eles figuran nesta nova dirección local, renovada nun 50% dos seus membros, as seguintes persoas: Gonzalo Veiras Carneiro, Oscar Martinez Iglesias, Paula Castenda Blanco, Ramiro Recouso Liste, Avelino Candal Fariña, José Antonio Raña Regueira, Lino Gaudeoso Vázquez e Gonzalo Álvarez Prado.
Na súa primeira intervención como novo responsábel local, Pablo Vidal afirmou que o obxectivo do BNG de Ordes para os próximos anos pasa por «reforzar a alternativa de goberno que representa o BNG en Ordes, unha alternativa seria e honesta para gobernar Ordes e sacalo do atraso ao que o teñen condeado as políticas dos sucesivos gobernos da dereita”.
O novo responsábel local enfatizou que “se algo caracteriza o proxecto do BNG para Ordes é o seu futuro, como o atestigua a media de idade da súa dirección, de 34 anos, o claro exemplo de que existe unha opción de futuro para gobernar Ordes con ideas novas, desprazando a gobernantes que levan máis de 20 anos gobernando o noso Concello, Ordes precisa aire fresco, e iso é o que representa o BNG”.
Finalmente, Pablo Vidal salientou que as liñas de traballo da nova dirección do BNG de Ordes buscarán «reforzar a actuación do BNG na sociedade, así como intensificar a comunicación cos veciños do noso Concello».
Ningún comentario:
Publicar un comentario