AGApap – reunión anual dos pediatras de atención primaria

OS PEDIATRAS DE ATENCIÓN PRIMARIA REÚNENSE PARA ACTUALIZAREN COÑECEMENTOS E ESTUDAR OS SEUS PROBLEMAS NA REUNIÓN ANUAL DA AGAPap
Os pediatras enfróntanse ao axustado dos recursos e as consecuencias dunha distribución xeográfica ineficiente
A VI reunión da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria celebrarase na Facultade de Medicina, en Santiago o 14 de abril

Palpitación, síncope e dor torácica; problemas xinecolóxicos na adolescencia ou a triaxe en pediatría serán algúns dos temas nos que se formarán os profesionais
10 de abril de 2012.- A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap) celebrará o vindeiro 14 de abril a súa VI reunión anual, na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.
Esta cita quere pór en común e buscar solucións aos problemas da disciplina, ao tempo que procuran mellorar a formación entre todos os expertos galegos da especializade e profesionais chegados doutras partes de España.
O axustado dos recursos dispoñibles e unha ineficiente distribución xeográfica provoca numerosos obstáculos.
Teresa Valls, presidenta da AGAPap, apunta: “Hai 14 anos creáronse unhas prazas, denominadas de pediatría de área, para dar cobertura no medio rural a aquelas zonas básicas de saúde que non contasen con poboación abondo para crear unha praza de pediatra de EAP. Ao longo destes anos púidose ir comprobando como estas prazas non satisfixeron as expectativas nelas depositadas posto que non se puideron dotar da infraestrutura e os medios necesarios para exercer o traballo en condicións, medios cos que si contan os centros máis grandes e con máis capacidade.
A AGAPap solicitou en reiteradas ocasións ás autoridades sanitarias unha reconsideración das devanditas prazas e que a atención pediátrica se sitúe en puntos estratexicamente situados para que toda a poboación teña acceso aos mesmos servizos e á mesma calidade”.
Dende a Asociación saliéntase que as consultas de pediatría deben contar, ademais de co pediatra, cun profesional de enfermaría “fundamental para desempeñar funcións de educación sanitaria, prevención e promoción da saúde, implementar o calendario de vacinacións, controlar os pacientes crónicos que precisen seguimento periódico, e desenvolver, xunto co pediatra, o Programa do Neno San”.
A Asociación de Pediatría de Atención Primaria quere recalcar, ademais, a importancia de contar con “persoal auxiliar de apoio e co material necesario para que a capacidade diagnóstica e de resolución de problemas sexa a máis alta posible”.
Precisamente, a presidenta da Asociación Española de Atención Primaria, Begoña Domínguez, estará en Santiago para dar a súa visión sobre estas e outras cuestións.
Ademais, a VI Reunión da AGAPap conta cun interesante programa específico que se achega ás palpitacións e síncopes, á neuroloxía pediátrica, a xestión da consulta ou aos problemas xinecóloxicos na adolescencia.
A AGAPap conta con arredor de 200 socios e ten como obxectivos organizar actividades formativas para os seus socios co fin de actualizar coñecementos; informaren dos avances científicos e elevar o nivel de competencia dos profesionais que traballan na pediatría de Atención Primaria de Galicia; e ser o vehículo que permita trasladar as inquietudes e os problemas relacionados coa profesión ás autoridades encargadas de xestionar a sanidade, co fin de optimizar os recursos dos que se dispoñen.
A Asociación considera fundamental:
  • A asignación dun pediatra de cabeceira para todos os nenos e nenas galegos.
  • A procura duns servizos prestados de alta calidade, e que esta sexa equitativa independentemente do nivel socioeconómico, raza, lugar de residencia....
  • O incremento dos medios diagnósticos e da capacidade resolutiva dos centros de saúde, para ofrecer o mellor servizo e que se poidan abordar e resolver o maior número posible de problemas sanitarios con eficacia e sen necesidade de acudir ao centro hospitalario.
Programa da Reunión
Unha conversación con experto, catro obradoiros, unha conferencia de clausura e a asemblea xeral da Asociación forman parte do programa para esta edición.
A primeira intervención do programa correrá a cargo do Dr. Emilio Fernández Álvarez, consultor do Servizo de Neuropediatría do Hospital Sant Joan de Deu, Barcelona; e neuropediatra do Hospital Modelo, A Coruña. O doutor tratará a: “Abordaxe dos temas máis frecuentes en Neuroloxía Pediátrica” na sesión denominada “conversa co experto”.
O primeiro obradoiro será impartido polos pediatras Rafael Jiménez Alés e Francisco Navarro Quesada, o seu título: ”Microxestión da consulta de Atención Primaria”. Os doutores exercen, respectivamente, no CL La Roda de Andalucia, Sevilla; e no Equipo Básico de Atención Primaria (EBAP) Lucano, Córdoba.
O doutor Javier Pérez-Lescure Picarzo, pediatra da área de Cardioloxía Infantil do Hospital de Alcorcón, Madrid, achegarase a “Palpitación, síncope e dor torácica”.
“Problemas xinecolóxicos na adolescencia” será o obradoiro levado pola xinecóloga María José Rodríguez Jiménez, xinecóloga do Hospital Infanta Sofía de San Sebastián de los Reyes, Madrid.
“Triaxe en Pediatria de Atención Primaria” é o taller a cargo de José Manuel Aguilera, ATS/DUE Coordinador de enfermaría da FPUSG-061, e Mario López Pérez, ATS/DUE da base medicalizada Mos do 061.
Tras estas intervencións chegará a Asemblea Xeral da AGAPap.
Xa pola tarde será tempo da conferencia de clausura, impartida pola doutora Begoña Domínguez Aurrecoechea e que leva por título “Situación actual da Pediatria de Atención Primaria”. Como xa se apuntou, a doutora Domínguez é presidenta da Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria –AEPap - e exerce no C.S. Otero, Oviedo.

Ningún comentario: