Mesía – hoxe abrese o prazo de solicitude de axudas para os novos nacementos

O Concello de Mesía abre mañá mércores 11 de abril o periodo de presentación de
solicitudes de axudas por nacemento de fillos ou fillas, adopcións e
acollementos que se produzan durante o ano 2012. A axuda ten unha contía de 300
euros por cada nacemento, adopción ou acollemento, en pagamento único. É
compatible con calquera outra establecida polas demais administracións públicas
e os seus organismos dependentes.

Posibles beneficiarios
Poden ser beneficiarios destas axudas unidades familiares con residencia
habitual no Concello de Mesía. Aos efectos da convocatoria, considérase unidade
familiar a formada polo solicitante, o seu cónxuxe ou persoa con quen conviva
como parella de feito, o que se debe acreditar, así como os fillos e fillas
sobre os que teñan a custodia e convivan no mesmo domicilio.

Esixencias para acceder ás axudas
Un dos principais requisitos que deben cumprir para que lles sexa concedida a
axuda é ter fixada a residencia no municipio de Mesía. Débese acreditar que
polo menos un dos pais está inscrito no Padrón Municipal de Habitantes cun
mínimo de dous anos de antigüidade ininterrompidos. Cóntase desde a data en que
se formula a solicitude.

Nos casos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario
da prestación será o pai ou nai que teña a custodia dos fillos, de acordo co
que estableza o convenio regulador ou a sentenza de separación ou divorcio. Non
poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus
fillos ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.

Os requerimentos da convocatoria tamén recollen que o nacemento, adopción ou
acollemento se produza entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012.

Ademais, establécese que os beneficarios non deben ter débedas pendentes co
Concello de Mesía, cuestión que se comprobará de oficio. 

Por último, os beneficiarios da axuda (pais e fillos) deben permanecer
empadroados no Concello durante un período mínimo de dous anos. No caso de que
se incumpra esta condición, a axuda deberá ser devolta integramente. O Concello
fará a reclamación segundo os procedementos legais. A unidade familiar tamén
está obrigada a comunicar calquera cambio na súa situación que fose relevante
para a concesión da axuda. Ocultar tales cambios pode dar lugar ao deber de
reintegrar a contía.

Documentación para a solicitude
Para presentar as solicitudes cómpre achegar fotocopia compulsada do DNI, CIF
ou NIE do solicitante, certificado de empadroamento dun dos dous cónxuxes,
certificado de convivencia familiar, copia da sentenza de nulidade, separación
ou divorcio nos casos que proceda, certificación que acredite a condición de
titor ou titora do menor nos casos que corresponda, certificado literal da
inscrición no Rexistro Civil ou fotocopia compulsada do Libro de Familia onde
conste o nacemento. 

En caso de adopción, debe achegarse fotocopia compulsada do auto xudicial de
adopción. Se se trata dun acollemento, é preciso achegar copia compulsada
da correspondente resolución administrativa.

Necesítase tamén que o solicitante adxunte os seus datos bancarios á
solicitude, para proceder ao ingreso da axuda en caso de ser concedida.

Prazo
As solicitudes poden presentarse ata o 31 de decembro nas oficinas
municipais. O departamento de Servizos Sociais será o encargado
de comprobar que todas as peticións cumpran as esixencias da
convocatoria e proporá á Alcaldía a concesión ou denegación da axuda segundo os
criterios das bases da convocatoria.

Ningún comentario: