O ALCALDE CEDE DIANTE DO ANUNCIO DUNHA DEMANDA XUDICIAL DO BNG E PON A DISPOSICIÓN DOS NACIONALISTAS A RELACIÓN CERTIFICADA DE FACTURAS QUE SE PRETENDEN PAGAR CO PRÉSTAMO DE 2,7 MILLÓNS
Os nacionalistas presentarán unha moción no próximo Pleno, onde proporán a reprobación do alcalde polo seu comportamento neste asunto.
- Gonzalo Castro considera lamentábel ter que acodir ao anuncio dunha demanda xudicial para que no Concello haxa un mínimo de transparencia.
- Castro afirmou que examinarán en detalle os datos, porque as reiteradas negativas do alcalde a facilitar esta información, fan sospeitar que poidan existir gastos “dubidosa xustificación”.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, informou de que o alcalde acaba de poñer a disposición dos nacionalistas “a relación certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30 de marzo”.
Castro lembrou que “o alcalde accedeu a dar esta información, despois de reiteradas negativas, debido ao requerimento presentado polo BNG esta semana, no que se lle advertía que, se no prazo de 5 días non facilitaba a relación certificada polo interventor das facturas que se pretenden pagar coa operación de crédito de 2,7 millóns, acudiríamos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes, xa que o alcalde estaba a incumprir a lei, ao evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que aprobou o goberno municipal”
Gonzalo Castro considerou “lamentábel ter que acodir ao anuncio dunha demanda xudicial para que no Concello haxa un mínimo de transparencia”
O portavoz nacionalista afirmou que “examinaremos a información dos gastos que se pretenden pagar con detalle, xa que sospeitamos que a única explicación que podía existir para que o alcalde se negase reiteradamente a facilitar esta información é que pretendese a ocultar a existencia de gastos de moi difícil xustificación e pagalos co diñeiro dos veciños e veciñas de Ordes”.
Moción para reprobar a actitude do alcalde
O portavoz do BNG criticou duramente a actitude do alcalde con relación a este asunto “xa que ademáis de negar reiteradamente o acceso a esta información e de negarse a incluila na orde do día do Pleno sobre o Plan de axuste, chegou incluso a pretender enganar aos membros da Corporación Municipal, dando acceso a información falsa, incluida en múltiples facturas almacenadas en caixas, que non se correspondían coas facturas que se pretendían pagar co crédito, xa que moitas delas xa se atopaban pagadas e na suma de todas faltaban máis de 400.000 euros con respecto ao montante total da operación de crédito”.
Por estas razóns, Gonzalo Castro anunciou que “o BNG presentará unha moción no próximo pleno na que proporemos que o Pleno da Corporación Municipal reprobe o comportamento absolutamente intolerábel do alcalde neste asunto”
Ningún comentario:
Publicar un comentario