Psoe Ordes – inicio das obras da ronda Leste

OS SOCIALISTAS DE ORDES CELEBRAN O INICIO DAS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DA ROTONDA DE ACCESO A BUSCÁS, QUE PERMITIRÁ FINALIZAR A ROLDA LESTE
Xesús Pedreira asegura que “despois tanto traballo e de tantas iniciativas presentadas polos socialistas, semella que desta vez a Xunta cumpre e que a rolda leste será pronto unha realidade”

10 de abril de 2012.- Os socialistas de Ordes celebran o reinicio das obras de construción da rolda leste, que levaban paralizados dende hai meses logo de que a empresa contratada para as obras parase a súa execución alegando que a Xunta de Galicia non lle fixera fronte ao seu compromiso de pagar as certificacións pendentes xa formalizadas polo Concello. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, sinala que “despois de tanto traballo e de tantas iniciativas presentadas polos socialistas tanto, dende o Concello de Ordes como dende o Parlamento de Galicia, semella que deste vez a Xunta cumpre e que a rolda leste será pronto unha realidade”.
Xesús Pedreira lembra que “os socialistas de Ordes queremos que este vial se acabe dunha vez porque é fundamental para retirar o tráfico pesado do centro da vila”. Os operarios da empresa adxudicataria, Eulogio Vinal, comezaron esta mesma semana as obras de construción da rotonda na AC-524 (Ordes-Lanzá), que dará acceso á parroquia de Buscás e conectarán coa N-550 á altura do polígono industrial de Merelle.
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes espera que os traballos pendentes non se prolonguen moito máis aló dun mes e que se poda abrir o novo vial ao tráfico canto antes. Deste xeito, o centro de Ordes xa non terá que soportar uns niveis de tráfico pesado como os actuais, que condicionan moi seriamente a calidade de vida dos veciños. Por iso, Pedreira explica que a conclusión da obra “facilitaría o desenvolvemento económico de Ordes, xa que moita xente aproveitaría para parar e visitar a vila, cando agora teñen que desistir de facelo polo tempo que perden nos atascos que se producen a determinadas horas do día”.
Situación da rolda leste
A rolda leste de Ordes constrúese en virtude dun convenio asinado en febreiro de 2009 pola anterior conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a socialista María José Caride, e o Concello de Ordes. Un convenio negociado e xestionado persoamente por Xesús Pedreira cando era tenente de alcalde de Ordes. Nese acordo estableceuse un investimento de 2,1 millóns de euros, a pagar en dúas anualidades: un millón en 2010 e 1,1 millóns en 2011.
Deste xeito, está rematada a primeira parte da rolda, correspondente ao treito que comunica a N-550 ao sur de Ordes nas inmediacións da piscina climatizada co inicio da estrada AC-524 (Ordes-Lanzá) á altura do IES número 1. A segunda parte é a que se paralizou cos traballos a medio facer e correspóndese cun treito de algo máis de dous quilómetros que atravesa a parroquia de Buscás desde a AC-524 (Ordes-Lanzá) á súa saída de Ordes ata a N-550 no norte da vila, á altura do polígono industrial de Merelle.
Diante da paralización das obras, os socialistas de Ordes teñen presentado distintas iniciativas no pleno municipal de Ordes durante 2011 e 2012. Así mesmo, o deputado autonómico Pablo López Vidal visitou a zona en agosto de 2011 e presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se instaba á Xunta a finalizar as obras canto antes.

Ningún comentario: