Ars Artis estrea ‘Será o meu propio paraíso’ con 10 funcións na Zona “C”
- Serán os días 14, 15, do 19 ao 22 e do 26 ao 29 en horario de 20.30h agás os domingos que será ás 19.30h
- As entradas, a 8€, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (de martes a sábado de 18 a 21h) ou na da Zona “C” aberta desde as 18h os días de función
‘Será o meu propio paraíso’ trata dos soños, pensamentos, esperanzas e temores dos seres humanos. Como afrontar o reto que representa a parella, compartir con alguén o percorrido da vida. Preguntas que non teñen máis resposta cá propia. O que cada quen queira responder. Escrita por Lucas Herrador pretende facer reflexionar sobre a necesidade de escoitar e o desexo de ser escoitado. Un home e unha muller falan das súas inquietudes. Falan do amor, dos fillos, da súa vida en parella e ao falar, escóitanse un ao outro. Falar é importante. Distinguímonos dos animais pola nosa capacidade de articular palabras. Pero moitas veces esquecemos a importancia de escoitar. Cando o facemos, a sensualidade e atracción que provoca en nós a persoa amada, aumenta dunha maneira que só o tempo pode dicirnos ata onde chegaremos con esa persoa.
Dous actores saen o escenario Lucas Herrador e Olga Abad, ambos veciños de Santiago de Compostela, con bagaxe suficiente na interpretación, estudo e ensino das artes escénicas como para asumir a dirección da obra. “A nosa maneira de traballar foi volcarnos no texto, montando a obra por escenas, corrixíndonos un ao outro para chegar á complicidade necesaria que a obra pide”, conta Lucas Herrador. A música orixinal é de Ana Albajara, compositora que ten rexistradas máis de cen cancións na SGAE, cuxo traballo conta con o recoñecemento dos profesionais da música.
Ars Artis é unha empresa galega dedicada ao estudo, ensino e produción de espectáculos teatrais. Dende o ano 2008, traballa no tratamento da arte dramática para persoas con discapacidade física e mental. O hospital de Conxo, Down Compostela ou a asociación Amicos en Ribeira, son algúns dos lugares onde desenvolve a súa labor.
Música na Zona “C”
Ademais de teatro, nos vindeiros días haberá varios concertos na Zona “C”. O ciclo Íntimo&Acústico ofrece tres propostas musicais neste mes de abril para este espazo singular. Este venres, día 13, chegan desde León The Bright co seu pop-folk americano ás 21.00h; e o mércores da semana que vén, día 18, ás 22.30h poderemos escoitar a canción de autor do vigués Abraham Boba. O último concerto que nos ofrece este ciclo na Zona “C” neste mes de abril é a presentación do disco de Mónica de Nut Trío, compostelans que fan jazz contemporáneo, o luns 23 e o martes 24 ás 21.00h.
E xa a comezos de maio, dentro do ciclo Compostela Rock e enmarcados no festival Curtocircuíto, poderemos escoitar o post-punk dos madrileños La Débil e o mambo-noise dos pontevedreses Unicornibot o sábado 5 de maio ás 22.00h.; e o mércores 9 de maio á mesma hora, temos unha cita cos asturianos Fasenuova que nos ofrecen música electrónica de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario