Ordes – visita de Xosé Neira Vilas

Ordes recibe a visita do escritor Xosé Neira Vilas con motivo do 50 aniversario de ‘Memorias dun neno labrego’
Máis de 200 estudantes do IES Maruxa Mallo participan nunha charla na que o autor explicou o proceso creativo da súa obra máis coñecida. Radio Ordes ofrecerá o vindeiro mércores a conferencia en diferido

Ordes 11 abril 2012. O Concello de Ordes recibiu hoxe a visita dun dos escritores máis destacados do panorama literario galego, a do escritor Xosé Neira Vilas. O autor de ‘Memorias dun neno labrego’ ofreceu unha charla con motivo do 50 aniversario da súa publicación nun abarrotado auditorio da Casa da Cultura. Máis de 200 mozos e mozas déronse cita alí para escoitar en boca do autor aspectos da súa obra e anécdotas relacionadas coa súa vida, tanto en Galicia como no exilio. Da man de Neira Vilas todos os presentes tiveron a oportunidade de pasear por países como Cuba ou cidades como Buenos Aires durante os anos da posguerra. 10 abril 2012 Conferencia Neira Vilas en Ordes
A súa obra máis representativa, ‘Memorias dun neno labrego’ e o seu proceso de creación foron outros dos aspectos que ocuparon a maior parte da súa ponencia. Integrantes do grupo de expresión teatral do instituto Maruxa Mallo fixeron un recitado coral do primeiro capítulo do libro, o que lles supuso tanto o agradecemento como o recoñecemento por parte do autor. Moitos dos asistentes non quixeron perder a oportunidade de formularlle preguntas de diversa índole que foron respostadas amplamente por él mesmo, ademáis de entregarlle exemplares da súa obra para que llos asinara e dedicara.
Previamente Neira Vilas visitou os IES Viaño Pequeno, en Trazo, e o Maruxa Mallo en Ordes, onde falaou da súa relación de amistade coa artista que da nome a este centro académico e a súa inquedante personalidade. Alí tivo ocasión de contemplar e desfrutar coa exposición de viñetas ‘Icía e aboa’, realizada pola artista plástica e profesora do mesmo instituto Sabela Arias.
Grazas o acordo acadado entre o equipo de normalización lingüística do IES Maruxa Mallo e o Concello de Ordes a emisora municipal ofrecerá en diferido esta charla o vindeiro martes 17 de abril a partir das 17 horas. Os que o prefiran tamén poderán escoitar ou descargar o podcast a partir desa mesma data no blog de Radio Ordes (www.radioordes.com).

Ningún comentario: