O Pazo da Peregrina reúne na exposición “A luz da porcelana” as novas creacións de Chus Cao
A mostra está formada por unhas 300 pezas, desde vaixelas ata xoiería, decoradas a man pola artista con motivos inspirados na natureza creando o seu propio universo imaxinativo. “A luz da porcelana” ofrece un completo percorrido polos traballos máis recentes de Chus Cao, nos que a creadora introduce novas técnicas e soportes.
A inauguración terá lugar o venres día 13 ás 19:30 horas. “A luz da porcelana” poderá visitarse de luns a venres, en horario de 17:00 h a 20:00 horas, ata o próximo 20 de abril.
Ames, 11 de abril de 2012. A exposición “A luz da porcelana” amosará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desde o venres 13 e ata o próximo 20 de abril, as novas creacións da artista Chus Cao. Esta mostra heteroxénea reúne unhas 300 pezas decoradas a man pola creadora compostelá a partir dos máis diversos obxectos (cadros, vaixelas, bixutería ou xoiería) con motivos naturais e de inspiración minimalista. “A luz da porcelana” ofrece a posibilidade de realizar un completo percorrido polo universo imaxinativo de Chus Cao, que introduce nos seus traballos máis recentes novas técnicas e soportes sen abandonar o seu exquisito nivel de detalle e realismo.
A exposición, que será inaugurada oficialmente o venres día 13, ás 19:30 horas, estará aberta ao público de luns a venres, entre as 17:00 e as 19:00 horas, ata o próximo día 20 de abril. O título “A luz da porcelana” está inspirado no feito de que na porcelana non existe a cor branca polo que hai que varrer o material para conseguir a luz. Isto é o que persegue Chus Cao durante o tratamento do material, dotando de luz ás pezas a partir dun minucioso traballo manual.
Esta será a terceira vez que Chus Cao expón no Pazo da Peregrina, onde xa deixou constancia da súa versatilidade. Agora, os que se acheguen á exposición “A luz da porcelana” terán a oportunidade de coñecer a evolución da artista compostelá que, nas súas creacións máis recentes, incorpora novas técnicas e soportes. A propia Chus Cao destaca como novidades desta mostra “imaxinativa e heteroxénea” pezas singulares como abanos pintados, tocados ou adornos para o cabelo. Ademais, nesta ocasión haberá obras de pintura acrílica e téxtil e traballos de porcelana realizados coa técnica de teceiro lume.
Para Chus Cao, logopeda de profesión, o traballo que realiza coa porcelana xurdiu orixinalmente coma unha afección coa que entreterse, xa que desde moi nova ten empregado a pintura. De xeito autodidacta, comezou en 2005 a centrarse na porcelana e segue ata hoxe, ampliando o seu universo creativo tanto en temáticas como en técnicas creativas. Respecto ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, Chus Cao remarca que constitúe un marco idóneo para este tipo de mostras, nas que a gran variedade de pezas de tipoloxía non habitual esixe un ambiente expositivo cálido e acolledor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario