Brión – cuarta edición do concurso fotográfico Brionnatura

OS SENDEIROS DE BRIÓN SERÁN OS PROTAGONISTAS DA CUARTA EDICIÓN DO CONCURSO FOTOGRÁFICO BRIONATURA 2012
Os traballos deberán enviarse vía e-mail a concellodebrion@gmail.com antes do 18 de maio
11 de abril de 2012.- O Concello de Brión vén de convocar a cuarta edición do concurso fotográfico Brionatura 2012, unha iniciativa coa que pretende poñer en valor o patrimonio etnográfico do municipio. Nesta ocasión, a diferencia das convocatorias anteriores, o certame plantexa un tema sobre o que deberán versar as fotografías: os sendeiros de Brión.

O concurso está aberto a todos os afeccionados ao mundo da fotografía maiores de 18 anos, sexa cal sexa a súa nacionalidade. Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 propostas. Os únicos requisitos son que as fotografías deben estar tomadas nalgún punto da xeografía de Brión, en formato horizontal e estar relacionadas cos sendeiros que atravesan o municipio.
Dende o Concello de Brión animan a todos os amantes da fotografía a participar no certame, que manterá aberto o seu prazo de entrega de orixinais ata o vindeiro 18 de maio. Para facilitar a entrega dos orixinais, as fotografías a concurso remitiranse vía e-mail a: concellodebrion@gmail.com, cunha resolución mínima de 1024 píxeles polo seu lado máis grande. Cada imaxe deberá enviarse nun e-mail, identificada cun título e cun documento word ou PDF no que conste o nome e apelidos do autor, enderezo, teléfono, correo electrónico, lugar onde foi tomada a fotografía e unha breve descrición da mesma.
Premios
O xurado valorará a orixinalidade, creatividade e técnica fotográfica dos traballos presentados, entre os que seleccionará 12 fotografías. De entre elas sairán os dous gañadores. O primeiro premio consiste nunha cea, noite de hotel, almorzo e circuito termal no Hotel Balneario de Compostela para dúas persoas. O segundo clasificado levará unha cea, noite de hotel e almorzo no Hotel Casa Rosalía para dúas persoas.
As doce fotografías finalistas recibirán un diploma acreditativo e un abono para a piscina municipal de Brión cortesía de Aquafit Gestión, que inclúe matrícula e unha mensualidade. Os abonos poden ser individuais ou familiares e, no caso de que un mesmo fotógrafo tivese varias fotos finalistas, o abono corresponderíase a tantos meses como fotos seleccionadas. No caso de que algún finalista xa fose socia da piscina, descontaráselle as mensualidades correspondentes.
Durante as tres primeiras edicións, Brionatura rexistrou unha media de setenta participantes, procedentes na súa maioría de Brión, Ames, Teo, Padrón e Santiago.

Ningún comentario: