Os hostaleiros da Cartaxena involúcranse na reapertura da rúa ofrendo degustación de tapas elaboradas pola tarde e organizando concertos para a noite
Ao acto acudirán o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o Xefe Territorial de Industria, Ignacio Rial
Silleda, 10 de abril de 2012
O Concello de Silleda cotinúa organizando actividades para o día 14 e 15 de abril, con motivo da reapertura da rúa Cartaxena; estas son posibles grazas ao traballo conxunto da Concellaría de Normalización Lingüística, que preside a Alcaldesa Paula Fernández Pena, e que ortanizou “Galego de Cine” e “Títerehop” e a Concellaría de Comercio e Industria, de Klaus Brey, que contactou cos hostaleiros para ampliar a oferta a outros sectores e públicos.
O sábado pola mañá será o acto de reapertura da rúa, que comezará a partir das 13.00 horas, e acudirán, ademais da Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, acompañada de varios Concelleiros, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, en consideración das actividades que nesta área se realizarán na fin de semana; e o Xefe Territorial de Industria, Ignacio Rial, xa que foi a Consellaría á que pertence o organismo que aportou o orzamento necesario para poder levar a cabo as obras da rúa que xestionou a Concellaría de Obras e servizos, que dirixe Manuel Cuíña.
Segundo o previsto, a rexedora procederá ao descubrimento da placa da rúa e a continuación un quinteto de metal da Banda de Música Municipal de Silleda ofrecerá un pequeno concerto.
Como novidade, pola noitiña está previsto que o sábado 14 algúns establecementos hostaleiros da zona ofrezan unha degustación de tapas na rúa. Con eles, colaborará a Asociación Amigos do Lacón que poñerá á disposición dos negocios mostras do seu produto para que tamén sexa ofrecido aos que se acheguen.
A partir das 22.00 horas, un par de grupos de rock e folk tocarán na Lareira de Cuíña e no Pub Vinilo para amenizar a marcha Trasdeza.
Actividades para nenos e xoves
O sábado pola tarde, a partir das 16.00 e ata as 19.00 horas, os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos poderán en “Galego de cine”. Os que o desexen, deberán inscribirse na Casa da Xuventude; aínda así, os que non se apunten, poderán visitar a caravana e ver tamén as películas mentres o outro grupo está con outras actividades. En caso de choiva, as actividades que non se realicen na caravana, trasladaranse a unha aula da Casa da Cultura de Silleda.
O domingo será o Títerehop a partir das 17.00 horas na rúa Cartaxena, e no Pavillón Municipal en caso de choiva. Esta actividade tamén está incluída en Fala Redes, e organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística que dirixe a Alcaldesa Paula Fernández Pena. Está pensada para os xoves de 13 a 17 anos.
“Dende o Concello de Silleda, queremos animar a todo o mundo para que se achegue á zona a gozar das actividades que se levarán a cabo” di a rexedora, Paula Fernández Pena “especialmente aos máis cativos e aos adolescentes para que mediante xogos e actividades do seu interese, saiban que a nosa lingua tamén conta historias, e que está presente en todos os ámbitos da nosa vida” contiúa. “Asemade, é imprecindible que aqueles que son o noso futuro, e o do noso idioma, se decaten da riqueza que aporta a un pobo unha lingua propia, e tamén da importancia que ten mantela viva”.
Con esta serie de actividades, pretende dinamizarse a actividade na rúa Cartaxena tras a súa semipeonización. E facer que todos os silledesnses poidan gozar de actividades dirixidas a todo tipo de público, de todas as franxas de idade, e que se acheguen á rúa para gozar de todas as vantaxes que ofrece.
Cabe destacar que todas estas actividades son de carácter gratuíto para todo o público, tanto o “Galego de cine” coma o “Títerehop”, coma a degustación de tapas e os concertos nos bares da rúa.
O 14 tamén haberá unha obra de teatro, “Cincenta, a gata borrallenta” na Casa da Cultura a partir das 20.00 horas, organizada pola Concellaría de Cultura, que terá un custo de 5€ por persoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario