25/5/2016 - A comisión informativa rexeitou unha moción de Veciños de Padrón que pedía a licitación do servizo de recollida de inmediato. A moción trataba de potenciar ademáis a reciclaxe doméstica.
A proposta para o tratamento e recollida do lixo presentada por Veciños de Padrón non pasou o trámite da Comisión Informativa, celebrada onte pola mañá na Casa do Concello, polo que non poderá ser debatida na sesión plenaria do vindeiro xoves 26 de maio. Esta é a terceira vez que a comisión impide que unha medida da formación chegue ao pleno.
A proposta de Veciños solicitaba que se sacase a licitación, de xeito inmediato, un novo contrato para o servizo de recollida da basura; unha actuación urxente si temos en conta que o actual concerto está prorrogado de xeito ilegal dende o ano 2012, momento no que se elaborou para un período provisional de tres meses. Ademais disto, instaba a que no novo servizo se incluísen medidas como a elaboración da compostaxe caseira e comunitaria, a compra dunha trituradora para os restos da poda ou a recollida do papel e o cartón porta a porta no núcleo urbano; solucións económicas e sinxelas de aplicar que poderían aforrarlle moitos cartos ás arcas municipais e favorecerían a reciclaxe e o tratamento sostible dos residuos.
A formación realizou, esta fin de semana, unha campaña de concienciación nos comercios e os locais hostaleiros do casco, os máis prexudicados ao seu parecer pola pésima imaxe que ofrece a vila debido a mala xestión do lixo. Varios membros do partido estiveron repartindo adhesivos, test cívicos e consellos para fomentar a reciclaxe, e explicando as medidas que pretendían levar a cabo coa súa moción, que tiveron unha gran aceptación entre os comerciantes e os clientes que estaban a escoitar.
Precisamente esta boa acollida foi un dos motivos que quixo salientar a Concelleira de Veciños, Teresa Rey, para que a comisión aprobase a chegada da moción ao pleno, algo que finalmente non conseguiu. Para o alcalde de Padrón, que votou en contra xunto a todo o seu grupo, estas medidas non son viables porque, ao seu criterio, a veciñanza padronesa non está preparada para reciclar. Veciños manifestou que a súa proposta estaba aberta a modificacións por parte de todos os grupos, tendo sempre en conta a urxencia de sacar unha nova licitación. Aínda así, nin goberno nin oposición fixeron ningunha achega, e a moción foi finalmente rexeitada.
Para Veciños, que o Partido Popular continúe a buscar escusas para non licitar un contrato caduco e ilegal é outra demostración da súa irresponsabilidade e incapacidade para a xestión municipal; o que lle leva a preguntarse se haberá algún interese persoal por parte do goberno para non facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario