Veciños de Padrón - Presentación de candidatura

A formación política Veciños de Padrón presentou a súa candidatura ás eleccións municipais o pasado sábado 2 de maio, ás nove da noite, na Praza de Abastos da vila. 

O acto, ao que acudiron duascentas persoas, comezou coa presentación de Isabel Gómez Basadre, que explicou que, con 21 anos, entrou no partido “para cambiar o rumbo do pobo e poder seguir medrando en Padrón”. Seguidamente interveu o presidente do partido, Pedro Paz, que explicou que Veciños era unha agrupación sen dependencia política ou económica de ninguén e leu o manifesto fundacional.

Rodrigo Casal, número dous da listaxe, presentou os puntos fortes do programa: Veciños só votará pola súa candidata como alcaldesa, celebrará unha auditoría externa para coñecer a situación real do Concello e publicará todas ascontas na páxina web do municipio. Tamén creará a concellería de asuntos veciñais para axilizas as xestións , a Marca Padrón para fomentar un turismo e un comercio de calidade, e mellorará os servizosnas aldeas, entre outras medidas.

A última en intervir foi a candidata de Veciños, Teresa Rey, que no seu discurso falou da importancia da colaboración da xente no proxecto do partido e do potencial da vila, que ten a meirande parte dos seus recursos sen explotar. Presentou aos seus compañeiros de formación coma veciños e non coma políticos e, facendo un símil coa súa presentación na Praza de Abastos, explicou como con poucos recursos económicos pero con moito esforzo e ganas de traballar, poden facerse grandes cousasdende a administración local. Finalmente, o acto rematou coa actuación do grupo de gaitas Trécola Folk.

Veciños de Padrón colgará nos próximos días na súa web o custe do acto de presentación e da súa campaña electoral.

Ningún comentario: