Veciños de Padrón presenta unha moción para o tratamento e recollida dos residuos

A proposta debaterase no pleno do vindeiro xoves 26 de maio se previamente consegue pasar o trámite da Comisión Informativa. 
6/5/2016 - O obxectivo da proposta de Veciños non é outro que mellorar o actual servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, xestión do punto limpo e limpeza do mercado dominical, que dende o ano 2012 se está a realizar por medio dunha adxudicación para un período de tres meses, pero que se foi prorrogando e prolongando no tempo de forma irregular. Para o partido de Teresa Rey este sistema non cumpre cos requisitos que demanda un Concello como Padrón, onde primen as medidas que permitan o aforro e favorezan a protección do medio, a reciclaxe e o tratamento sostible dos residuos. Por este motivo, a primeira das medidas plantexadas na moción é que se saque a licitación, como xa se debería ter feito, un novo contrato.

Outras das propostas de Veciños é promover a elaboración de compostaxe propio no Concello de Padrón, establecendo compostadoras comunitarias no núcleo urbano e o modelo de compostaxe caseiro nas zonas rurais. Solicitan tamén a compra dunha trituradora coa que se preparará o material estucturante preciso para elaborar o compost, tanto cos restos da poda dos terreos públicos coma cos dos particulares que así o soliciten; e que se estableza a recollida “porta a porta” do papel e o cartón na zona urbana do municipio, como xa se fai cos comercios. Para Veciños esta última medida evitaría os habituais colapsos dos colectores azuis, que poderían ser retirados, ademais de facer máis efectiva a reciclaxe na vila. Todas estas medidas e o resto das que se inclúen na moción permitirían, a maiores de coidar o medio, que o Concello se aforrase unha boa cantidade de cartos anuais.

Ningún comentario: